Marcos Pérez Pena

Unha ducia de pezas do Museo Arqueolóxico de Ourense

Todos os meses, dende o ano 1999, o Museo Arqueolóxico de Ourense escolle a Peza do mes, un dos milleiros de bens patrimoniais que acolle a institución, nunha actividade de difusión que busca afondar no coñecemento histórico, artístico e material sobre ese elemento, axudando a divulgar a riqueza patrimonial da provincia e a propia actividade do museo. Cada peza acompáñase dun folleto explicativo, que se pode consultar na súa web.

  1. 01

    Phalera romana

    Esta condecoración militar romana, coñecida como Phalera, foi atopada por uns cazadores no xacemento da Cidá do Castro de San Millao, en Cualedro. Data do século IV da nosa era e foi elixida como peza do mes en outubro do ano 2000.

  2. 02

    Tríscele de Castromao

    Este tríscele (ou trisquel) calado foi atopado no xacemento de Castromao, en Celanova, en 1966. Mide 45 centímetros de alto e tiña unha función simbólica de tipo relixioso, pero tamén se apuntan algúns usos prácticos, como celosía ou elemento de ventilación de vivendas. 

    Para a súa datación, hai distintas teorías, pero en todo caso situaríase ente o século I a.C e o século I d.C. Foi a peza do mes en setembro de 2006.

  3. 03

    Cabeza de guerreiro de Rubiás

    Este busto foi atopado no xacemento castrexo de Rubiás (Bande) en 1935, no marco dunha expedición arqueolóxica formada por Domingo Fontela, López Cuevillas ou Otero Pedrayo, e que achou elementos moi valiosos. 

    Data do século I d.C. e sempre foi considerada a representación da cabeza dun guerreiro castrexo. Foi elixida peza do mes en novembro de 2006.

  4. 04

    Cristo gótico de Allariz

    Esta pequena talla de madeira policromada, duns 64 centímetros de altura, data da primeira metade do século XIV. A peza amosa una cambio na forma de entender a iconografía de Cristo na cruz, máis próxima a sensibilidade e devoción popular. Foi elixido peza do mes en xaneiro de 2008.

  5. 05

    Pedra Alta de Castrelo do Val

    Esta peza, datada na idade do Bronce (II-I Milenio a.c.), apareceu ao labrar un terreo no lugar de pedra alta, en Castrelo do Val. O irmán do descubridor púxoo en coñecemento de Bruno rúa Martínez, veciño de Verín afeccionado e divulgador da arqueoloxía, que o comunicou ás autoridades. A Xunta foi obrigada pola xustiza a recompensar os seus descubridores.

    Con 800 quilos de peso e 175 centímetros de altura, presenta varias particularidades, tanto polo material empregado (granito, que non existe nese lugar e tivo que ser traído expresamente de lonxe) coma polas representacións que aparecen gravadas, como un escudo e un carro. 

    Situada a carón dun camiño e tamén a poucos metros do río Támega, a pedra deulle nome ao lugar no que se atopaba e funcionou durante séculos como fito delimitador de terreos. Foi elixida peza do mes en outubro de 2012.

  6. 06

    Frasco de pólvora

    Este frasco de pólvora, de 1851, e fermosamente decorado, foi documentado por Xoaquín Lorenzo Fernández. É un bo exemplo dos instrumentos empregados polos tiradores cando menos durante trescentos anos ata a popularización das armas de cartucho metálico, na década entre 1860 e 1870.

    Ademais da súa decoración, o corno inclúe unha inscrición que nos informa do seu propietario e da súa datación: BYBA MI DUEÑO ROMUALDO MARTNEZ AÑO 1851. Foi a peza do mes en maio de 2019.

  7. 07

    Máscaras de teatro de Basallo e Quessada

    En 1975 José Manuel Blanco Gil -director e actor da Agrupación de Teatro Independente Histrión 70-, presentouse no estudio de Xaime Quessada na rúa Lamas Carvajal para encargarlle unhas máscaras para a nova montaxe teatral na que estaban a traballar: Retablo da Avaricia, a Luxuria e a Morte de Valle Inclán. 

    Ese día o pintor estaba co escultor Ignacio Basallo realizando gravados e acordaron abordar a encarga de forma conxunta. Foron elixidas peza do mes en decembro de 2019.

  8. 08

    Albarelo de farmacia

    Entre os séculos XVI e XVIII a Compañía de Xesús creou unha rede de farmacias en todo o mundo que conxugaba os saberes clásicos coa utilización de elementos recollidos da natureza, entre eles os que os europeos estaban a descubrir en América.

    Dese tempo e da botica creada pola Compañía en Monterrei procede este albarelo, o único conservado en Galicia, empregado para almacenar drogas e preparacións sólidas. Foi escollida peza do mes en xaneiro de 2022

  9. 09

    Vidro millefiori da Cibdá galaico-romana de Armea

    Esta peza é un fragmento de vidro millefiori (técnica que consiste en unir con calor variñas de vidro de diversas cores) atopado na Cibdá galaico-romana de Armea, en Allariz, un xacemento no que se atoparon numerosos obxectos fabricados en vidro, moi variados entre si, ademais. Esta peza, que podería datar dun período situado entre os séculos I e III d.C., foi elixida peza do mes en setembro de 2022.

  10. 10

    Pote nº 5

    Damos un enorme salto no tempo cara a un obxecto que non é arqueolóxico, pero si histórico: un dos milleiros de potes de ferro fundido de fabricación industrial que na segunda metade do século XIX entraron nas vivendas galegas, substituíndo os anteriores os pucheiros de barro e caldeiros de cobre, menos resistentes.

    En Ourense, o belga Manuel Malingre Parmentier, estableceu unha fundición que elaborou potes desde 1864. Todos os potes da fundición Malingre -que se atopaba no actual Parque de San Lázaro- acostuman levar un número, indicativo do seu modelo e que define a súa capacidade. Neste caso, trátase do número 5, con 37 litros de capacidade. Un invento relativamente moderno que se popularizou rapidamente e que agora identificamos coa tradición. Foi a peza do mes en abril de 2023

  11. 11

    Amuleto fálico

    A peza consiste nun amuleto fálico elaborado en ámbar do Báltico, concibido para o uso individual a xeito de colar. O achado, moi ben conservado, procede da campaña arqueolóxica de 2015 en Aquae Querquennae (Bande). A súa datación sitúase entre os anos 75 e 120 da nosa era. Foi escollida peza do mes en setembro de 2025.

  12. 12

    Cachimba de arxila

    A última peza escollida como peza mes, correspondente a decembro de 2025, é esta cachimba de arxila. atopada nos últimos meses na escavación arqueolóxica que se levou a cabo entre 2023 e este ano no Camiño Real de acceso á fortaleza de Monterrei. 

    Data da segunda metade do século XVII e trátase dunha pipa holandesa do tipo “Xonás e a balea”, un motivo moi popular nos Países Baixos nese tempo. Constitúe un bo exemplo dos instrumentos para fumar tabaco que se popularizaron entre as clases acomodadas europeas dende finais do século XVI.