Ana G. Liste

Unha ducia de libros para rematar 2025

Unha visita a unha libraría (ou biblioteca) nos últimos días do ano pode ser o mellor (auto)agasallo nestas datas. Aquí vos propoñemos unha ducia de libros para rematar este ano 2025 con opcións para todo tipo de lectoras e lectores: novela, ensaio, álbum ilustrado, poesía, banda deseñada e relato curto. 

  1. 01

    'Con e de curcuspín'

    As cartas de amor á diversidade lingüística de Mario Obrero mostran a tenacidade do galego, aragonés, catalán, aranés, asturiano, estremeño e éuscaro por existiren. Coa tradución ao galego de Moisés Barcia, a editorial Rinoceronte publica estes textos escritos dende o Getafe (Madrid) natal do autor.

  2. 02

    'Vostede está aquí'

    Quen somos cando nos situamos lonxe da nosa orixe? Como observamos os lugares novos nos que nos instalamos? Vostede está aquí responde a estas preguntas (ou non) e é o primeiro libro de poemas de Antía Marante, editado por Cuarto de inverno.

  3. 03

    'A Casa Grande'

    A nai morreu, e na Casa Grande só fican as pantasmas axexando tras as fendas. Os tres irmáns regresan á vila para repartir os restos da herdanza, mais cada obxecto garda a pegada dunha memoria e a ameaza dun axuste de contas. Nesta novela, finalista do XLII Premio Xerais, Olaia Sendón mergúllase nas contradicións das relacións familiares sen deixar atrás as verdades incómodas e o humor.

  4. 04

    'Grande e pequena'

    Grande e pequena aborda o paso do tempo, a memoria, a natureza, a arte e a inspiración. A obra de Arianna Squilloni e Raquel Catalina foi distinguida co XVIII Premio Internacional Compostela para Álbumes Ilustrados, que edita Kalandraka.

  5. 05

    'Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes'

    A investigadora Alba Rodríguez Saavedra explica neste ensaio publicado por Laiovento como Ruth Matilda Anderson, investigadora, fotógrafa, tradutora e ensaísta, reivindicou a Galicia do campesiñado, das mulleres e da infancia, trasladando unha visión complementaria á que tradicionalmente ofreceu a historiografía canónica.

  6. 06

    'Adelina'

    En Adelina, Premio Castelao de Banda Deseñada 2024 da Deputación da Coruña, Sandra Lodi constrúe unha historia irreverente protagonizada por unha muller maior que foxe da residencia na que vive. Unha aventura que edita Galaxia.

  7. 07

    'Exuvia e saliva'

    “Préstome / a rabuñar nesa pel ávida / deixala marcada de saberes estraños”, escribe Lorena Souto en Exuvia e saliva, o seu último poemario, que acaba de publicar en Chan da Pólvora. Da conxunción da exuvia e da saliva xorde unha obra que lle pon palabras aos códigos dunha identidade inserida no rural e atravesada por un un cambio individual e colectivo.

  8. 08

    'A casa do calello'

    Antonietta, filla dun labrego endebedado, casa con don Lucio, un usureiro acredor de seu pai. A súa irmá máis nova, Nicolina, acompáñaa no seu traslado á cidade para que non se sinta soa na súa nova vida, pero o que nun principio ía ser unha curta estadía convértese nunha longa e abafante convivencia en que ambas as irmás se ven sometidas á férrea autoridade de don Lucio.

    A siciliana Maria Messina narra en A casa do calello cunha mestría o sufocante ambiente en que viven as dúas irmás protagonistas. Agora traducido por María Alonso Seisdedos para a editorial Irmás cartoné.

  9. 09

    'A Raíña Cadáver'

    Laura Suárez recupera a figura de Inés de Castro, a raíña galega que foi coroada en Portugal despois de morta. Unha lenda que renace no cómic A Raíña Cadáver, Premio Castelao de Banda Deseñada na categoría infantil e xuvenil 2024, outorgado pola Deputación da Coruña, e que edita Aira.

  10. 10

    'Guía ilustrada do Entroido Galego'

    Unha guía divertida e amena para coñecer algúns dos Entroidos máis sorprendentes do país. Dende os peliqueiros de Laza ata os xenerais da Ulla, pasando polos cigarróns ou os boteiros, a Guía ilustrada do Entroido Galego (Xerais) de Xabier Domínguez, Alba De Evan e Iria Prol é unha festa para reivindicar as nosas tradicións.

  11. 11

    'A honrada estafadora'

    Publicada orixinalmente en 1982, A honrada estafadora, de marcado cariz psicolóxico, explora non só a cuestión da honradez, senón tamén temas de calado como a construción da identidade, a relevancia do diñeiro ou a necesidade de compañía. Marta Dahlgren traduce directamente do sueco a Tove Jansson para a editorial Hugin e Munin.

  12. 12

    'Circe ou o pracer do azul'

    Unha boa maneira de ir festexando o ano das Letras de Begoña Caamaño é acudir ás súas obras. Propoñemos a relectura de Circe ou o pracer do azul, no que a escritora e xornalista viguesa imaxina unha historia con Penélope e Circe como protagonistas. A editorial Galaxia tamén conta no seu catálogo coa novela de Caamaño Morgana en Esmelle.

  13. 13

    'Bruxas e Dragóns: Baba Iagá'

    Facemos mención extra ao libroxogo Bruxas e Dragóns: Baba Iagá de Ledicia Costas e Luismi Pérez, con ilustracións de Bea Gregores. Unha homenaxe aos clásicos libros de “escolle a túa propia aventura” dos anos oitenta, nos que cada lector e lectora pode escoller o seu propio camiño a medida que toma decisións. A editorial Triqueta edita este primeiro volume da triloxía na que xa están a traballar.