Unha ducia de bens do patrimonio galego que deixaron de estar na 'lista vermella' ao mellorar a súa protección
Dende hai máis dunha década, a Asociación Hispania Nostra -que traballa dende 1976 promovendo a conservación do Patrimonio- mantén unha lista vermella de elementos patrimoniais "ameazados, en perigo ou con eivas na súa conservación", que inclúe neste momento 77 elementos en Galicia. Porén, non sempre hai malas noticias. A entidade creou tamén unha lista verde con bens patrimoniais que figuraban na lista vermella por distintos motivos (desprotección, degradación...) e que a abandonaron ao mellorar a súa situación.
-
01Igrexa de Santa Baia de Palio (Lalín)
A igrexa de Santa Baia de Palio, en Lalín, que na actualidade aparece coma na imaxe, nun estado máis que correcto, estivo entre 2014 e 2016 na lista vermella debido ao seu abandono. Trátase dunha fermosa e sinxela capela románica de comezos do século XIII pero que ademais recolle os restos dun templo anterior, que fora destruído.
A igrexa levaba moito tempo en mal estado e xa en 2005 lle foi instalada unha cuberta metálica para protexela da chuvia. Porén, en 2014 sufriu un derrubamente e nese momento foi incluída na lista vermella. Un ano despois a Xunta iniciou a redacción dun proxecto para a súa rehabilitación, uns traballos que comezaron en 2016, polo que o templo pasou á lista verde. -
02Frescos da Igrexa dos Vilares (Guitiriz)
San Vicenzo dos Vilares, en Guitiriz, unha pequena capela do século XII que sufriu importantes intervencións posteriores, garda no seu interior unhas valiosas pinturas de estilo gótico flamenco, do século XVI, que foron descubertas en 1991. Porén, a humidade e a falta de mantemento foi degradando estes frescos, que estiveron a piques de desaparecer.
No ano 2019 a asociación incluíunos na lista vermella. Porén, en 2023, pasou á lista verde, debido ás obras de restauración realizadas, que permitiron a súa conservación e admiralas nun estado máis próximo ao orixinal.
-
03Mosteiro de Santa María de Oia
O Mosteiro de Santa María de Oia comezou a construírse no século XII, pero conta con moitos elementos posteriores, románicos, góticos e barrocos. Trala desamortización de 1835 pasou a mans privadas e en 1910 os xesuítas expulsados de Portugal crearon aquí un colexio (en 1932 a Compañía de Xesús tamén foi expulsada de España). Na Guerra Civil o mosteiro converteuse nun campo de concentración franquista.
Ten a consideración de BIC, pero pasou por épocas de degradación e abandono. En 2017, por exemplo as chuvias abriron un gran buraco no seu teito. No ano 2019 foi incluído na lista vermella ante o "risco alto de ruína por abandono". Porén, algúns meses despois leváronse a cabo obras de consolidación que permitiron a apertura ao público do mosteiro, que levaba dous anos pechado. Pasou, polo tanto, á lista verde.
-
04Convento do Bon Xesús de Trandeiras (Xinzo de Limia)
Construído en 1520, este convento de Xinzo de Limia foi destruído polas tropas napoleónicas en 1809 e trala desamortización o edificio foi abandonado. Foi vendido a particulares que empregaron as súas pedras para outras construcións. A igrexa consérvase en bo estado, pero o resto do inmoble estaba totalmente destruído, o que motivou numerosas denuncias a cargo de asociacións culturais da comarca, que propoñían a súa restauración.
Foi incluído na lista vermella no ano 2008, unha categoría que abandonou en 2024, unha vez que finalizou a primeira fase do proxecto de reconstrución do mosteiro, no que se investiu máis de medio millón de euros, con obras de consolidación das infraestruturas hidráulicas e a consolidación dos restos do mosteiro.
-
05Torre do Olivar (Toén)
A Torre do Olivar, en Toén, é unha fortificación militar dos séculos XV ou XVI que vixilaba as rutas que cruzaban a provincia. Estivo habitada ata mediados do século XX, momento no que comezou a súa decadencia e abandono, que levou á súa inclusión na lista vermella en 2011.
No ano 2024 leváronse a cabo traballos de restauración, que levaron á súa retirada da lista
-
06Sanatorio de Cesuras
O edificio do sanatorio, modernista, foi deseñado polo arquitecto Antonio González Villar entre 1922 e 1924. As obras foron paralizadas en 1931, completándose só o primeiro módulo dos varios que estaban previstos, co obxectivo de tratar a tuberculose nunha contorna saudable. O edificio está en ruínas. En 2013 houbo un proxecto para convertelo nunha residencia de anciáns que non se levou a cabo.
En 2007 foi incluído na lista vermella, da que saíu en 2024, unha vez completadas as obras de rehabilitación.
-
07Palacio Episcopal de Diomondi (O Saviñao)
O Pazo Episcopal de Diomondi, no Saviñao, data dos séculos XV e XVI e construíuse a carón do primitivo mosteiro de San Paio, iniiciado no século X, que incluía unha igrexa do século XII.
No ano 2014 pasou á lista vermella debido á derruba total a causa do deterioro causado pola chuvias e as filtracións de auga. Un ano máis tarde a Consellaría de Cultura levou a cabo traballos de rehabilitación, que protexeron o monumento, que pasou á lista verde.
-
08Pinturas murais da igrexa de San Xulián de Moraime
O mosteiro de Moraime (Muxía) foi fundado no século XI, mais só se conserva a igrexa, do século XII. No ano 1970 descubríronse unha serie de pinturas murais que ata entón permaneceran ocultas baixo a capa de cal. Con estilo gótico-flamenco, representan os sete pecados capitais e a morte. Ten consideración de Monumento Nacional dende 1972, pero as pinturas sufrían problemas de humidades e desaparición da cor.
As pinturas foron incluídas na lista vermella no ano 2012 debido ao risco de desaparición que sufrían, debido principalmente á humidade. No ano 2018 leváronse a cabo traballos de restauración que permitiron protexer as pinturas, que pasaron á lista verde.
-
09Castelo de Pambre (Palas de Rei)
O Castelo de Pambre, en Palas de Rei, estivo tamén na lista vermella entre 2008 e 2015 debido ao mal estado no que se atopaba o monumento, que sufría de forma periódica derrubas de elementos ou afundimentos de estruturas, malia contar cun recoñecemento equivalente a BIC dende 1949.
Porén, os traballos de restauración levados a cabo no ano 2015 permitiron o seu paso á lista verde e permitiron a protección desta fortaleza construída no século XIV.
-
10Pazo de Goiáns (Boiro)
O Pazo de Goiáns, en Boiro, foi construído no século XVI na desembocadura do río Coroño. Pasou por moitas mans privadas ata que no ano 2010 foi adquirido polo Concello. Ten declaración BIC, pero en 2019 foi incluído na lista vermella debido ao perigo de derruba do conxunto.
No ano 2023 saíu da lista, unha vez completado un amplo traballo de rehabilitación, que restaurou o edificio do pazo e a torre anexa.
-
11Igrexa de San Mamede de Vilasouto (O Incio)
A igrexa de San Mamede de Vilasouto, no Incio, foi construída no século XII, aínda que a nave actual data do XVI. O templo leva pechado ao culto dende 1970, debido á construción do encoro de Vilasouto.
En 2011 a asociación Lugo Patrimonio denunciou o seu mal estado de conservación e instou ás administracións a actuar. A súa degradación continuou e en 2014 foi incluída na lista vermella, pero nese ano a Deputación de Lugo anunciou a súa rehabilitación, que se levou a cabo en 2015, polo que o monumento pasou á lista verde.
-
12Ermida de San Bartolomeu (Monfero)
A Ermida de San Bartolomeu, en Monfero, situada nas Fragas do Eume, foi construída entre os séculos XVI e XVII. Mantivo durante séculos unha importante actividade, ata que deixou de ter uso e comezou a súa degradación. Entrou na lista vermella en 2020 debido ao risco de ruína.
A veciñanza de Monfero impulsou a súa rehabilitación, que levou a cabo a Xunta, e no ano 2023 o templo pasou á lista verde.
-
13Telleira de Padín (Valga)
En Valga existen dúas telleiras, de Padín e Roeiro, que estiveron na lista vermella e pasaron a estar máis protexidas unha vez que se levaron a cabo traballos de restauración. En ambos os dous casos, trátase dun patrimonio industrial que tivo actividade durante as primeiras décadas do século XX, fabricando tellas con barro procedente de Dena (Meaño) e que posteriormente foron abandonadas.
Ingresaron na lista vermella en 2020, da que saíron en 2023, unha vez que o Concello de Valga levou a cabo traballos de recuperación e limpeza.