David Lombao

Unha ducia de datas para lembrar no mes das letras

O mes de maio comeza con reivindicacións obreiras e mais coa festa dos maios e segue cunha morea de actos en torno ao Día das Letras. No entanto, maio é un mes cun bo número de datas para lembrar en Galicia, tal e como recolle o Almanaque das Irmandades da Fala que, co gallo do seu centenario, impulsaron a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e mais a AS-PG.

  1. 01

    1 de maio de 1800 - El catón compostelano

    Considerado o primeiro xornal galego. El Catón Compostelano semanalmente e trataba asuntos que na altura resultaban especialmente polémicos, como a necesidade de que as mulleres puidesen acceder ao sistema educativo.

  2. 02

    4 de maio de 1907 - Centro Galego de Bos Aires

    O 4 de maio de 1907 fundábase o Centro Galego da capital arxentina, que nos anos 50 chegou a ter 120.000 persoas asociadas que recibían servizos sanitarios, pero tamén despregaban unha importantísima actividade cultural. Na actualidade padece serios problemas financeiros que ameazan a súa supervivencia.

  3. 03

    5 de maio - Fundación Penzol

    O 5 de maio de 1963 bota a andar en Vigo a Fundación Penzol. Tiña o obxectivo de preservar o legado de Fermín Penzol e, ao tempo, de crear un centro de estudos especializado en lingua e literatura.

  4. 04

    5 de maio de 1936 - Consello Nacional do PG

    O 5 de maio de 1936 o Partido Galeguista reúnese en Santiago por impulso do alcalde da cidade, Ánxel Casal. O Consello Nacional do partido acordou nesta xuntanza impulsar o plebiscito do Estatuto de Autonomía.

  5. 05

    6 de maio de 1931 - Anteproxecto de Estatuto do SEG

    O 6 de maio de 1931 o Seminario de Estudos Galegos publicaba o seu Anteproyeito de Estatuto de Autonomía da Galiza, que concibía o país como un estado libre no seo dunha España republicana e federal.

  6. 06

    10 de maio de 1885 - Revista 'Galicia'

    O 10 de maio de 1885 comezábase a publicar en Ferrol a revista Galicia. Cencias, literatura, artes, que combinaba a divulgación coa reivindicación do uso normal do galego.

  7. 08

    17 de maio - Día das Letras

    Este ano, centrado na figura de Manuel María, nado en Outeiro de Rei en 1929 e finado na Coruña en 2004. O Almanaque das Irmandades inclúe este recitado do seu poema Rosas.

  8. 09

    18 de maio de 1916 - Irmandades da Fala

    Será o día 18 cando conmemoremos o centenario das Irmandades da Fala. Foi ese día cando se fundou a primeira Irmandade dos Amigos da Fala nunha xuntanza nos locais da Academia Galega na Coruña. Os persoeiros das Irmandades impulsan, ademais, A Nosa Terra como o seu voceiro.

  9. 10

    20 de maio de 1906 - Boletín da RAG

    O 20 de maio de 1906 publícase por primeira vez o Boletín da Academia, que chegaría ata finais de 1980, con 360 números. A súa publicación retomouse no ano 2000.

  10. 11

    22 de maio de 1890 - Letra do himno

    O 22 de maio de 1890 sae publicado o texto definitivo d'Os pinos, a composición de Eduardo Pondal que fora solicitada polo músico Pascual Veiga. A estrea da obra, xa musicada, realizouse no Gran Teatro da Habana, o 20 de decembro de 1907.

  11. 12

    27 de maio de 1933 - Decreto para o plebiscito do Estatuto

    O 23 de maio de 1933 o Goberno da II República asina o decreto de convocatoria do plebiscito do Estatuto galego, que o Comité Central da Autonomía viña reclamando dende había sete meses. As mudanzas políticas non permitirían a celebración efectiva do referendo ata tres anos despois.