Héctor Anllo

Unha ducia de de eurotemazos

Esta fin de semana decídense moitas cousas, como por exemplo o país gañador da LX edición do festival de Eurovisión. Ocórresevos un xeito mellor de pasar a xornada de reflexión que lembrando os mellores eurotemazos dos últimos anos, antes ou despois de que comece a gala final de Eurovisión? A min non!

 

Se queredes revivir outros momentos e cancións históricas do festival, recoméndovos completar esta lista de cancións coa ducia de momentos de Eurovisión que fixo hai uns anos o gran Modesto. Ou tamén, se a cousa se vai das mans ou buscades máis petardeo, cunha playlist de máis de 120 cancións eurovisivas en SpotifyLet the Eurovision Song Contest begin!

 

  1. 01

    Ivi Adamou - La La Love (Chipre 2012)

    Unha das letras máis pegañentas que coñezo. Iso, xunto cunha música discotequeira a máis non poder, o ventilador a máxima potencia e un baile completamente aleatorio non foi suficiente para que unha riquiñísima Ivi Adamou conseguise nada máis ca un 15º posto en Eurovisión 2012. Iso si, o seu eurotemazo foi un éxito en todas as pistas de baile Europeas durante ese verán. E aínda agora!

  2. 02

    Suzy - Quero ser tua (Portugal 2014)

    Aos nosos veciños o festival de Eurovisión non se lles dá moi aló. Desde a incorporación das semifinais, Portugal só conseguiu pasar a #noitedecriba eurovisiva tres veces. Nin o ano pasado, coa guapísima Suzy e o seu pegañento e verbeneiro Quero ser tua. Alerta! Atentos este sábado ás vosas pantallas, xa que este ano Suzy volve por uns intres a Eurovisión para dar os votos do xurado e os telespectadores portugueses. E Gayoso, por favor: lévaa pronto ao Luar.

  3. 03

    Sébastien Tellier - Divine (Francia 2008)

    Os franceses son, se cadra, un dos países que máis arrisca ou experimenta cos seus representantes en Eurovisión. De aí que no ano 2008 escollesen para representalos a Sébastien Tellier, un recoñecido cantante indie. Nin o seu coro de mulleres barbudas, nin o uso do helio durante unhas liñas de canción, nin a súa chegada en caddie ao escenario conseguiron levalo aos primeiros postos da clasificación, pero aínda así é unha das actuacións e cancións máis lembradas do festival.

  4. 04

    Milan Stanković - Ovo je Balkan (Serbia 2010)

    Unha especie de Justin Bieber serbio que non paraba de dar berros nin chimpos. A actuación de Milan Stanković e mailos seus catro bailaríns, situados en plataformas xiratorias como se se tratase de manequíns, conseguiu conquistar os eurofans máis frikis e deixalo nun excelente oitavo posto na edición do 2010. Queredes un extra de bizarrismo? Botádelle un ollo á versión en castelán. En serio.

  5. 05

    Loreen - Euphoria (Suecia 2012)

    Sen dúbida un dos temazos eurovisivos máis coñecidos dos últimos anos, e se cadra tamén dos 60 anos de certame. Loreen conseguiu no 2012 a vitoria coa segunda maior puntuación da historia do festival (só por detrás de Fairytale de Alexander Rybak) e estableceu un novo récord de 18 12 points. Esta sueco-bérber foi a encargada de resucitar o movemento das “divas eurovisivas”, que este ano están representadas por, entre outras, Georgia, Alemaña ou España. Ollo o sábado á posta en escena de Edurne, moi moi similiar á de Loreen.

  6. 06

    Jedward - Lipstick (Irlanda 2011)

    Estes dous xemelgos irlandeses, descubertos na edición 2009 do programa musical británico X Factor, foron os encargados de representar a Irlanda no ano 2011 cunha estética que podía saír perfectamente dun videoclip de Lady Gaga. Os seus tupés e mailo seu carácter férvelle-férvelle leváronos ao oitavo posto da clasificación ese ano. Un ano máis tarde, este dúo de irmáns volveu ao festival coa canción Waterline, coa que só conseguiron quedar no 19º lugar.

  7. 07

    Verka Serduchka - Dancing Lasha Tumbai (Ucraína 2007)

    Dancing! Así é. Unha drag queen que polas pintas ben podería parecer King África cun traxe feito de papel de aluminio. Verka Serduchka, a representante ucraína en Eurovisión 2007 converteuse nunha das iconas máis petardas do festival, conseguindo alzarse cun fantástico segundo posto. A historia das drags en Eurovisión é, como diría a miña querida Conchita, unstoppable: no ano 2002 o trío Sestre representaba a Eslovenia e no 2007, DQ foi por Dinamarca.

  8. 08

    Ruslana - Wild dances (Ucraína 2004)

    Se cadra a primeira canción que levou ao máximo expoñente o boom das cancións-espectáculo, eses temas que non precisan dunha gran execución vocal e que compensan cunha posta en escea memorable. Ruslana gañou o festival no primeiro ano no que se dividía en dúas semifinais e cobraba forza o coñecido como Big four, este ano reconvertido a Big seven co pase directo á final de Australia, o país convidado deste ano para celebrar os 60 anos de Eurovisión (e tamén unha das favoritas).

  9. 09

    Lena - Satellite (Alemaña, 2010)

    Co seu bo rollo, riquiñez, simpatía e mais unha pegañenta canción, a alemana Lena foi a única en romper a maldición do Big five desde a creación do concepto no ano 2000. A súa espontaneidade converteu a súa primeira actuación como gañadora nun dos momentos máis lembrados polos telespectadores, con innumerables “this is so crazy” ou “you are crazy” e movementos de cabeza para mostrar a súa incredulidade. Lena volveuno a intentar ao ano seguinte, e quedou nun meritorio décimo posto.

  10. 10

    Zaleilah - Mandinga (Romanía 2012)

    Un tema que comeza cun solo de gaita, aínda que romanesa. e redobre de tambores. Así é Mandinga, unha canción interpretada case íntegramente en castelán, foi a escolla de Romanía no ano 2012. O ritmo, a letra e maila posta en escena lembran a calquera das innumerables verbenas e orquestras que temos espalladas por Galicia ao longo do verán. Por iso nos gusta tanto.

  11. 11

    Sakis Rouvas - Shake it (Grecia 2004)

    Se temos que escoller a un país europeo como o máis petardo, sen lugar a dúbidas, temos que falar de Grecia. Case todas as súas cancións (salvo a deste ano), parecen fabricadas cunha plantilla: ritmos latinos con letra en inglés pegañenta a máis non poder, palabras noutros idiomas, pouca roupa e bailes que non lle teñen nada que envexar a calquera programa dirixido por José Luis Moreno. O seu máximo expoñente (e iso que hai moitos), foi a actuación de Sakis Rouvas no ano 2004.

  12. 12

    Hadise - Dum Tek Tek (Turquía 2009)

    Turquía é un deses países que coma Grecia ou Ucraína (a que a botades de menos este ano?), é tradicionalmente fiel á música máis petarda e pegañenta. Un claro exemplo é o Dum Tek Tek de Hadise, que conseguiu facerse co cuarto posto na edición do 2009. Como curiosidade, este ano os turcos tampouco participan no festival, continuando a súa ausencia desde o 2013 como protesta pola incorporación dun xurado nas votacións do certame e da existencia do Big Five. Pero hai boas novas: xa confirmaron que volverán a Eurovisión no 2016. Grazas por traelos de volta, UER!