Marcos Pérez Pena

Unha ducia de feitos e loitas de Concepción Arenal

Un día coma hoxe, hai 200 anos, nacía en Ferrol Concepción Arenal. Escritora, xornalista, pensadora, activista social e, como foi destacado dende o COTSG, pioneira do traballo social. Dela destácanse decote apenas unhas poucas facetas e feitos, como o seu papel como visitadora de prisións ou como se viu obrigada a vestir de home para acudir á universidade, pero Concepción Arenal traballou en moi distintos ámbitos.

  1. 01

    De Ferrol a Vigo, pasando pola Coruña

    Concepción Arenal naceu en Ferrol, pero con só 9 anos tivo que se trasladar a Cantabria, trala morte de seu pai, exiliado político e firme defensor do liberalismo. Pasou despois por Madrid e tamén pola Coruña, instalándose finalmente en Vigo, onde faleceu en 1893. Está soterrada no cemiterio de Pereiró; alí, na súa tumba pode lerse: "Á virtude, a unha vida, á ciencia"

  2. 02

    Vestida de home para poder ir á universidade

    Aos 21 anos Concepción Arenal decidiu cursar os estudos de Dereito. Porén, nese momento non se permitía legalmente o acceso das mulleres aos estudos superiores. Así pois, cortou o pelo, puxo capa, levita e chapeu de copa e asistiu a varias clases como oínte. Cando o seu disfrace foi descuberto, interveu o reitor, que lle permitiu seguir asistindo ás aulas como oínte.

    Para acceder ás clases debía ser acompañada á facultade por un familiar, recollida despois por un bedel que a depositaba nun cuarto ata que chegaba o profesor que impartía a materia. Asistía ás explicacións afastada dos alumnos varóns e ao remate da clase era de novo depositada nun cuarto baleiro ata a chegada do seguinte profesor.

  3. 03

    Educación

    Defendeu a importancia da educación, sobre todo para as mulleres, pero en xeral para todos os colectivos desfavorecidos, para os que reclamaba un acceso igualitario á formación. Concepción Arenal colaborou activamente cos círculos krausistas, principalmente con Francisco Giner de los Ríos e a súa Institución Libre de Ensinanza.

    "É un erro grave inculcar á muller que a súa misión única é a de esposa e nai [...]. O primeiro que necesita a muller é afirmar a súa personalidade, independentemente do seu estado, e persuadirse de que ten dereitos que cumprir, dereitos que reclamar, dignidade que non depende de ninguén, un traballo que realizar", escribiu.

  4. 04

    Feminismo

    Concepción Arenal foi unha das pioneiras do feminismo en España, grazas a obras como La mujer del porvenir. Incidiu nomeadamente no acceso da muller á formación e ao ensino e tamén ao mundo do traballo. Partía dende un pensamento cristián e posicións que hoxe semellan conservadoras, pero abriu un camiño polo que despois avanzaron outras mulleres.

    Ela mesma tivo que superar numerosos obstáculos polo feito de ser muller, facendo nas súas obras unha defensa da igualdade, e rebatendo as teorías que defendían a inferioridade fisiolóxica da muller. Levou esa defensa da muller á acción social, sobre todo daqueles colectivos femininos máis desfavorecidos e pobres.

  5. 05

    Prostitución

    Concepción Arenal ergueuse contra todas as formas de explotación, sempre movida por un firme concepto da xustiza social e de defensa dos e das desfavorecidas. Neste senso atacou o traballo infantil e a escravitude, defendeu as persoas pobres e tamén se manifestou contraria á prostitución, unha forma máis de pobreza, á que as mulleres eran obrigas polas súas necesidades económicas. "Consideraba que todo o que supuxera explotación, miseria, degradación ou traballo abusivo había que solucionalo", explica Encarna Otero.

  6. 06

    Escravitude

    Concepckón Arenal defendeu tamén a abolición da escravitude, nun momento en que esta práctica era aínda común nas colonias españolas, como Cuba. En 1865 créase a Sociedade Abolicionista co fin de acabar coa escravitude nas colonias españolas, creando entre outras actividades un certame literario que gaña Concepción Arenal cun poema titulado Oda á escravitude.

    Foi tamén unha fervorosa antimilitarista, denunciando o concepto do "dereito á guerra" e organizando en España a Cruz Vermella, coa que montou un hospital de campaña en Miranda de Ebro durante as terceiras Guerras Carlistas.

  7. 07

    Escritora e xornalista

    Dende 1855 traballa como xornalista, coa súa propia columna pero tamén escribindo os textos encargados ao seu home cando este caeu enfermo. Cando el morre, a dirección do xornal acepta seguir encargándolle artigos, pero pagándolle moito menos. Cando unha nova Lei de Prensa obriga a asinar todos os textos políticos, o xornal decide prescindir dela. En 1871 comeza a colaborar enLa Voz de la Caridad, onde ofrece información sobre a beneficencia e as prisións.

    Concepción Arenal publicou ademais varias ducias de obras, sobre todo de ensaio e moitas traducidas a outras linguas, intervindo así mesmo en congresos en todo o continente europeo. La mujer del porvenir, La cuestión social. Cartas a un obrero y a un señor, Estado actual de la mujer en España, La educación de la mujer, Manual del visitador del pobre ou El visitador del preso están entre as máis destacadas.

  8. 08

    Prisións

    Pasou á historia, en boa medida, como visitadora de prisións e por frases como "abride escolas e pecharán cárceres". Non só se preocupou por aliviar as necesidades inmediatas das persoas que se atopaban nas prisións, sobre todo as mulleres, senón que denunciou a corrupción existente no sistema e mesmo propuxo reformas da política penitenciaria en España. Aínda que, como lembra Encarna Otero, algunhas das súas ideas sobre os cárceres "como espazos de formación e rehabilitación e non só de castigo" aínda están lonxe de ser aceptadas.

  9. 09

    Vivendas sociais

    Mantivo unha gran preocupación polas condicións de vida dos obreiros, compartindo con Juana de Vega a idea de que estes debían contar con vivendas dignas que asegurasen ademais a súa saúde. En 1872 crea a Constructora Benéfica, unha sociedade dedicada á creación de casas baratas para obreiros. 

    Finada Juana de Vega nese ano, Concepckón Arenal recibe un importante donativo da condesa Krasinski e doutras aristócratas, que lle permite construír as primeiras vivendas en Xixón e en Madrid (barrios de Tetuán ou Pacífico), onde aínda se conservan algunhas en pé (na imaxe).

  10. 10

    Traballo Social

    Concepción Arenal “sentou as bases do traballo social”, destacaron estes días as organizacións colexiais deste ámbito nas homenaxes que lle tributaron. “A súa interpretación das desigualdades é a mesma que facemos dende o actual Traballo Social; ela pon o acento na estrutura e na organización social e non na culpabilidade das persoas pola súa situación", destaca Emiliana Vicente, presidenta do CGTS. 

    Aínda que Concepción Arenal era católica e se referiu en varias obras á “caridade”, no seu pensamento e acción ía moito máis aló da “compaixón” e a beneficencia, propoñendo reformas estruturais na sociedade. "No Franquismo creouse a imaxe da Concepción Arenal 'caritativa', pero foi unha muller moi avanzada", destaca Encarna Otero. "Tentaron deturpala, un pouco como pasou con Rosalía", comenta.

  11. 11

    Juana de Vega, Emilia Pardo Bazán...

    Concepción Arenal mantivo unha relación moi estreita con Juana de Vega, "unha muller moi liberal e que chegou a estar exiliada en Inglaterra, coa que forma un tándem absoluto", comenta Encarna Otero. "Unha relación que tamén foi económica, pois Juana de Vega pon o seu capital ao servizo de todas esas ideas de benestar e construción de dereitos", di.

    Tamén con Emilia Pardo Bazán, coa que coincide na loita pola educación das mulleres Pardo Bazán propuxo a candidatura de Concepción Arenal para ocupar unha vacante na Real Academia Española, pero foi rexeitada, o mesmo que dona Emilia tamén fora rexeitada en tres ocasións.

  12. 12

    O seu legado

    Concepción Arenal acadou un gran peso no seu tempo, sendo coñecida e recoñecida en todo o continente. Tamén nas décadas seguintes, ata chegar á Segunda República, cando as súas obras e pensamento foron reivindicados como pioneiras. "O que lle puxo a lousa enriba a Concepción Arenal foi o 1936, porque nas primeiras décadas do século XX ela foi moi reivindicada por ese movemento feminista que tanto loitou polo dereito á educación, o dereito ao voto, e o dereito ao divorcio", explica Encarna Otero. Despois da ditadura, "só nos anos 80 se comezou a recuperar en todas as súas dimensións", engade.