Unha ducia de imperdibles arredor do (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña
Nesta décimo terceira edición do festival o (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña anima ao público a emprender unha viaxe polas estrelas. Ata este domingo 5 de xuño a Coruña recibirá a visita de múltiples artistas internacionais. Deste xeito, a presencialidade e a experiencia colectiva que supón o cinema en si mesmo vólvese este ano máis protagonista que nunca no (S8) combinando programas, talleres ou live performances.
-
01
Sinais
Nesta edición, o (S8) fai unha maior aposta pola formación e a renovación de novos públicos reubicando algunhas das súas seccións pero, sobre todo, abríndose aos creadores e creadoras máis novos. Adáptase así tamén a novas linguaxes, utilizando o cinema como ferramenta de futuro. Deste xeito a sección Sinais preséntase máis renovada acollendo obras de cineastas como Aura Vega, Álvaro Feldman, Claudia Pineda, Carla Andrade, Acacia Ojea, Inês Lima, Saru Miras, NUCBEADE (Quiela Nuc y Andrea Beade), Concha Barquero y Alejandro Alvarado, Jaione Camborda, Helena Estrela, Claudio Sodi, Marta Valverde, Sol Mussa, Tamara Goberna, Maria Pipla, Claudia Negro [autora da peza El otro día soñé que se me caían los dientes, á que pertence este fotograma].
-
02
Leah Singer e Lee Ranaldo
Lee Ranaldo, fundador da mítica banda de noise rock neoiorquina Sonic Youth, presentará esta fun de semana xunto á súa compañeira, a escritora e artista visual canadense Leah Singer, algúns dos traballos que realizaron en conxunto desde 1991, e tamén a súa performance Contre Jour, na que Ranaldo achega as improvisacións sonoras e Singer as imaxes proxectadas, nunha espectacular posta en escena na que o contido sonoro está intimamente ligado á forma cinematográfica.
-
03
Amy Halpern
Amy Halpern estreará en Europa a súa longametraxe Falling Lessons. Ademais, tamén será a encargada de impartir a clase maxistral de AulaCREA “Modular a imaxe co son, modular o silencio coa imaxe”, nunha sesión ilustrada con exemplos prácticos dalgúns dos seus traballos, e que complementa o programa que dedicamos ao seu cinema. A cineasta neoiorquina empezou a facer películas en 1972 e mudouse a Los Angeles en 1974, onde estudou cinema na UCLA. Alternou a súa propia práctica de cinema en 16mm co traballo noutras producións dentro e fóra de Hollywood como directora de fotografía, iluminadora e no ámbito dos efectos especiais. No (S8) vai proxectar pezas inéditas realizadas entre 2021 e 2022.
-
04
Richard Tuohy e Dianna Barrie
Simulando o mesmo que aconteceu en Galicia coa transmisión oral e a cultura popular, os cineastas experimentais australianos Dianna Barrie e Richard Tuohy, dúas das máximas referencias internacionais do cinema fotoquímico, impartiron un taller intensivo e presencial no que lles ensinaron aos asistentes todo o necesario para facer cinema en 16mm de maneira autosuficiente. Ademais, ofrecerán nesta fin de semana tres film performances nas que entran en xogo outros factores que tamén incumben ao funcionamento do aparello cinematográfico, ás súas posibilidades visuais e sonoras, e ao orgánico da intervención en vivo. A “triloxía” de performances que nos presentarán -Dot Matrix, Inside the Machine e Cyclone Tracery- conforman unha serie de “suites” en 16mm para ser interpretadas a dous ou tres proxectores, nas que patróns xeométricos sinxelos impresionados na película se recombinan en densas composicións sonoras e visuais.
-
05
Paraíso
Consolídase a sección Paraíso, o espazo que concentra o futuro do cinema experimental a través dun encontro de alumnas e docentes de Belas Artes. A pasada edición contamos coa complicidade das Facultades de Belas Artes de Vigo e de Cuenca, e nesta teremos a unha nova fornada da de Vigo, guiada pola cineasta Xisela Franco, e coa da Universidade de Salamanca da man de Laura Gómez Vaquero.
-
06
Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica
O (S8), o LIFT Liaison of Independent Filmmakers of Toronto e Acción Cultural Española (AC/E) teñen aberta a convocatoria da sexta edición das Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica – BAICC. Está aberta a recepción de obras para participar nunha residencia de produción dunha peza audiovisual rodada en formato analóxico en Toronto e na Coruña. Ademais, nesta edición do festival poderase asistir á estrea mundial das últimas dúas pezas que foron producidas a través desta residencia artística: O son das imaxes, de Laura Moreno Bueno [á que pertende esta imaxe] e Frame manoeuvres to port, de Bruno Delgado Ramo.
-
07
Sesións con escolares
A Mostra de Cinema Periférico reforza o seu departamento de didáctica e aposta por crear novos públicos á hora de difundir a creación cinematográfica de vangarda con proxeccións organizadas para máis de 300 escolares procedentes de centros educativos como o IES Urbano Lugrís, o IES Ramón Otero Pedrayo, o CEIP Concepción Arenal, o CEIP Sanjurjo de Carricarte, o IES Ramón Menéndez Pidal ou o IES Eusebio da Gard.
-
08
INPUT
O (S8) continúa exercendo como impulsor de proxectos cinematográficos en desenvolvemento en INPUT, un espazo de titorización e asesoría que leva a cabo en colaboración coa Fundación Luis Seoane. Nel, a cineasta, programadora e coordinadora do programa audiovisual de Tabakalera (San Sebastián) Lur Olaizola; Vanja Milena Munjin Paiva, parte do comité de selección do Festival Internacional de Cinema de Valdivia (Chile); e Concha Barquero, docente, membro do comité de selección da sección documental do Festival de Málaga e coordinadora do encontro Málaga Docs, asesorarán os proxectos Film Quilt, de Sofía Blanco [na imaxe]; Como un buzo muerto en el ojo de Dios, de Rafael Guijarro e La peli del disco duro, de Claudia Negro.
-
09
Observatorio sobre o sector
O Observatorio, a parte do festival dedicada a reflexionar sobre distintas cuestións importantes para a Mostra e o sector, será o lugar no que se poña sobre a mesa “Entre o feixe de luz e a pantalla. Programar cinema experimental hoxe”, como se enfoca a programación de salas e festivais a día de hoxe, tratando temas como a reactivación das proxeccións presenciais, a creación de públicos ou o compromiso co cinema experimental e cos formatos analóxicos. Asistirán Angelika Ramlow –programadora e encargada de distribución de Arsenal (Berlín, Alemaña)–, Ieva Balode [na imaxe] –fundadora do Baltic Analog Lab e directora do festival Process (Riga, Letonia)–, Bryan Konefsky –director do festival Experiments in Cinema e da organización sen ánimo de lucro Basement Films ( Albuquerque, Novo México, EUA)–, e Scott Miller Berry –director do colectivo de curaduría The re:assemblage collective e director executivo de Workman Arts (Toronto, Canadá)–.
-
10
O (S8) en streaming
Para quen non poida asistir presncialmente á Coruña, o (S8) habilita un servizo de streaming a través do que seguir as actividades formativas (en castelán e inglés), o Observatorio (tamén en castelán e inglés) e todas as film performances, buque insignia do festival. Non as perdades na súa canle de Youtube!
-
11
Ute Aurand
A berlinesa Ute Aurand empezou a súa andaina como cineasta en 1980 despois de estudar na DFFB (Deutsche Film und Fernsehakademie Berlin). É continuadora do legado de Jonas Mekas e Marie Menken, e unha das figuras máis prominentes a día de hoxe no ámbito do cinema diarístico e persoal. O foco que o festival lle dedica recolle unha selección das súas películas desde o seu debut, obras que remiten á alegría do presente, o espírito colectivo e ás formas poéticas do cinema, que no seu caso se relacionan coas haikus xaponeses.
-
12
Ultreia et Suseia
Alén disto, o (S8) continúa coa súa programación online dispoñible no seu sitio web ata o próximo 27 de xuño. A programación presencial compleméntase con Ultreia et Suseia, un monográfico de cinema galego formado por entrevistas que o (S8) lles fixo en exclusiva a cineastas como Carla Andrade, Diana Toucedo, Helena Girón e Samuel Delgado, Xisela Franco, Tono Mejuto, Xiana do Teixeiro, Alexandre Cancelo e Berio Molina, e pensada para a súa promoción internacional, con subtítulos en galego, castelán e inglés.