O remate do ano é unha escusa perfecta para botar a vista un chisco atrás e repasar os últimos meses. En Praza imos tentar condensar este repaso en doce ducias. Para non perderse, velaquí vai unha guía do que podedes ler nos vindeiros días.

  1. 01

    Espolios, roubos e calotes

    As preferentes, os desafiuzamentos, a banca... non faltaron motivos durante o ano para levar a man ao peto ou poñela diante dos ollos, segundo de quen se trate.

  2. 02

    Accións solidarias e movementos sociais

    Os tempos de crise sono tamén de accións solidarias e de rebelión ante a inxustiza. As rúas e prazas do país foron mostra disto durante 2013.

  3. 03

    Meteduras de zoca

    Da neve ubicada presuntamente nos Picos de Europa ao presunto carácter público da catedral de Santiago, pasando polo relaxing cup of café con leche ou os datos sobre corrupción que non son certos "agás algunha cousa"

  4. 04

    Iniciativas científicas e talentos

    Malia á crise, malia á emigración e malia aos paus nas rodas das leis educativas en Galicia seguen a agromar o talento, a innovación e as iniciativas baseadas na ciencia. Recompilaremos algunhas delas.

  5. 05

    Berros e vitorias

    Foron moitas as reivindicacións destes tempos e entre elas houbo tamén algúns éxitos, caso por exemplo da parálise do proxecto mineiro de Corcoesto.

  6. 06

    Dereitos arrebatados

    Hai quen se pregunta que é o que veremos cando, dentro duns anos, ollemos atrás e vexamos cantos dereitos non están xa no seu lugar. O último cuestionado é o dereito ao aborto, pero todo semella indicar que non será o derradeiro.

  7. 07

    Palabras que aprendemos

    A actualidade e as circunstancias provocaron, ao longo do ano, que nos familiarizásemos con múltiples verbas incluídas no noso dicionario, nos doutras linguas ou en ningún: fracking, preferentista, bitcoin ou lixiviación son algúns exemplos.

  8. 08

    Paraísos

    Malia ao fracking, malia ás minas e tantos outros fenómenos no país aínda fican moitos paraísos, descubertos ou por descubrir. 

  9. 09

    Viláns

    Son personaxes que, polo seu labor ao longo do ano, semellaron querer emular o papel dalgúns malvados personaxes de banda deseñada, pero con menos aquel. Hai onde elixir.

  10. 10

    Iniciativas web

    Internet, lonxe de ser o futuro, é xa un presente que se desenvolve cada día e que nos sorprende con proxectos innovadores. Dentro e fóra de Galicia hai moitos que merecen a nosa atención.

  11. 11

    Heroes e heroínas

    Na banda contraria dos viláns están as persoas que destacaron polas súas boas accións ao longo do ano. Da veciñanza de Angrois ao persoal sanitario, da mocidade que resiste o paro ao persoal docente do ensino público.

  12. 12

    Novas

    Non por clásico é menos pertinente repasar a hemeroteca do ano e destacar algunhas das novas máis relevantes. Tentarémolo.