Unha ducia de edificios de Rodolfo Ucha en Ferrol
Rodolfo Ucha (Vigo, 1882 - Ferrol, 1981) foi arquitecto municipal de Ferrol entre 1909 e 1936 e nese tempo realizou unha vintena de edificios de estilo modernista, que constitúen unha parte moi destacada do patrimonio arquitectónico da urbe. O Concello iniciou en xaneiro o proceso para concederlle o título de fillo adoptivo da cidade, lembrando ademais o 40 cabodano da súa morte. Repasamos aquí unha ducia destes edificios que desbotan por completo a idea (por desgraza demasiado estendida) de Ferrol como unha cidade fea.
-
01
Rodolfo Ucha e o legado modernista
A pasada semana o Concello de Ferrol estreou esta vídeo-homenaxe polo 40 aniversario do falecemento de Ucha, no que participan o alcalde da cidade e mais a filla do arquitecto, Lucila, que fai un percorrido pola súa figura e obra.
-
02
Edificio da imprenta de El Correo Gallego
El Correo Gallego comezou a publicarse en Ferrol en 1878 e segiu a editarse na cidade naval ata 1938 en que se trasladou -trala súa fusión con El Eco de Santiago- a Compostela, onde continúa. O edificio da súa imprenta (Rúa Magdalena, 186) foi construído en 1912.
-
03
Casa Brañas
A Casa Brañas (Rúa Real, 125) foi construído en 1913. Dende o Concello de Ferrol, Eva Martínez Montero, concelleira de Patrimonio Histórico, destacou que Ucha foi "un profesional excepcional que coñecía o acontecer mundial da súa especialidade e que superou, con abraiante brillantez, a difícil tarefa de estar ao día da súa profesión na periferia”.
-
04
Casa Romero
A Casa Romero (Rúa da Igrexa, 72), foi construída en 1910. O inmoble acolleu un comercio xestionado pola familia Romero, que conta entre os seus descendentes con George A. Romero, que en 1968 inaugurou o xénero de películas de zombies con A noite dos mortos viventes.
-
05
Casa Antón
A Casa Antón, también coñecida como chalet Antón, foi un encargo de Emilio Antón Iboleón, comerciante e alcalde da cidade. Foi construída en 1918 pero en 1960 sufriu unha reforma que desvirtuou en parte a súa estrutura modernista.
-
06
Casa Pereira, na rúa Dolores
A Casa Pereira (Rúa Dolores, 64) foi construída en 1912. As súas formas, con motivos vexetais, combina elementos Secesión con outras fontes da arquitectura modernista.
-
07
Casa Pereira, na rúa María
Existe unha segunda Casa Pereira (Rúa María, 172), tamén construída entre os anos 1912 e 1913 e que supón unha mostra da variedade de estilos empregados por Ucha nos seus deseños
-
08
Peixería Municipal
Ucha, como arquitecto municipal, foi tamén o responsable de edificios públicos, coma o mercado de peixe, construído entre 1910 e 1923. As súas obras “están significativamente ligadas ao noso Ferrol mariñeiro e aberto ao mundo”, destacan dende o Concello.
-
09
Casa Rodríguez Fernández
A Casa Rodríguez Fernández (Rúa Rubalcava, 55), construída en 1912, contén elemenos modernistas pero tamén eclécticos
-
10
Fachada do Teatro Jofre
O Teatro Jofre (inaugurado en 1892) é un dos edificios máis recoñecibles de Ferrol e destaca, sobre todo, pola súa rica decoración interior. Con todo, é tamén moi destacable a súa fachada, realizada por Ucha en 1921. Ucha deseñou tamén o Cine Callao, construído en 1935 nun fermoso estilo Art Déco. Lamentablemente foi derrubado en 1976 para construír unha sede bancaria sen valor ningún.
-
11
Edificio Hotel Ideal Room
O edificio do Hotel Ideal Room (Rúa Real 83-85) atópase nun dos lados da Praza de Armas, ollando de fronte á Casa do Concello, construído décadas máis tarde. Construído en 1915, era no seu tempo un dos grandes hoteis da cidade. A súa parte superior, máis traballada, foi transformada anos despois, restándolle parte da súa singularidade. Con todo, aínda son visibles numerosos elementos modernistas en portas, galerías e forxados. En 1917 o hotel acolleu o primeiro acto das Irmandades da Fala en Ferrol.
-
12
Casa Munduate
A Casa Munduate (Rúa Magdalena, 61) data do ano 1910.
A riqueza arquitectónica, da que Rodolfo Ucha é o principal responsable, leva a Ferrol a formar parte dende o ano 2003 da Ruta Europea do Modernismo, liderada por Barcelona e á que pertencen 72 cidades de todo o continente
-
13
Casa Rodríguez Trigo
A Casa Rodríguez Trigo (rúa Real, 146) está datada entre 1914 e 1915.
-
14
Cociña económica de Ferrol
A sede da Cociña Económica (institución que funciona en Ferrol dende 1891) é un edificio sinxelo pero de gran fermosura, realizado por Ucha en 1921 e que se atopa no número 29 da Rúa Rubalcava. Mestura elementos modernistas con outros doutras inspiracións, coma o estilo neo-mudexar en auxe en España nese tempo.
-
15
Fonda Suíza / Hotel Suizo
Situados un fronte ao outro entre a rúa Dolores e a rúa Real, estes dous edificios serviron como hotel nalgún momento. A Fonda Suíza (1909), máis estritamente modernista, acolle nestes momentos o actual Hotel Suízo, mentres que o orixinal Hotel Suízo (1916), foi xa construído nun estilo ecléctico e en 1973 foi baleirado por completo, aínda que respectando as fachadas.
-
16
Casino de Ferrol
Finalmente, o Casino Ferrolano é un amplo edificio contruído en 1920 que nos seus numerosos salóns e espazos inclúe fermosas pinturas murais de estlo modernista realizadas polo pintor Bello Piñeiro nos anos 20 e 30.
Unha vez que Ucha deixou de ser arquitecto municipal, en 1936, continuou ocupado como Arquitecto de Facenda (1919-1952) e trala guerra civil seguiu traballando por libre en Ferrol. Porén, as obras desta última etapa carecen da forza e a orixinalidade anteriores e adoitan ser encargos de escaso valor: vivendas rurais nos arredores da cidade na súa maioría.