Unha ducia de elementos da mostra '60 pezas para sesenta anos' da Fundación Penzol
O 5 de maio de 1963, hai 60 anos, inaugurouse en Vigo a Fundación Penzol. Dende entón, a institución mantén seis décadas de traballo ininterrompido a prol da cultura galega, cun arquivo-biblioteca que está entre os máis importantes do país. Dende o pasado mes de febreiro a mostra '60 pezas para sesenta anos' amosa obxectos, documentos e outros elementos que percorren a historia recente de Galicia ao tempo que a propia traxectoria desta entidade, tan intimamente ligada, ademais, a Francisco Fernández del Riego. Pode visitarse ata o 21 de maio.
-
01
Morteiro de bronce de Xosé María Chao
A mostra conta con 60 pezas, unha por cada ano de funcionamento da fundación. Hai retratos, manuscritos, carteis, xornais... pero tamén obxectos que forman parte do arquivo da Penzol e dos fondos que xestiona. Algúns deles son ben curiosos, como este morteiro do boticario Xosé María Chao, nacido en Leiro en 1790, que forma parte da historia dos liberais galegos.
Fabricado en 1741, cóntase que nel se puido preparar o explosivo da carta-bomba que se enviou ao represor xeneral absolutista Eguía, capitán xeneral de Galicia (1824-1832), na que perdeu unha man e dous dedos da outra. Deste obxecto e do seu propietario falou Xosé María Torres neste artigo, no que apuntaba que a autoría de Chao no atentado fora negada por Murguía pero afirmada por Curros.
-
02
Carauta de Pimpinela obra de Castelao
Outro dos obxectos presentes na mostra é esta carauta de Pimpinela deseñada e elaborada por Castelao para a estrea de Os vellos non deben de namorarse no Teatro Mayo de Buenos Aires, en setembro de 1941
-
03
Proxecto de edificio para o Seminario de Estudos Galegos (1947) obra de Manuel Gómez Román
A Penzol amosa tamén o proxecto de edificio para o Seminario de Estudos Galegos, realizado por Manuel Gómez Román en 1947. Estes debuxos compoñen unha "arquitectura de papel" (edificios nunca realizados) que simbolizan á pefección "a expresión dos desexos imposibles logo da derrota" na Guerra Civil, destaca a Fundación
-
04
Doazón do rei Afonso VII ao mosteiro de San Xoán de Caaveiro (1135)
O documento máis antigo nos fondos da Fundación Penzol é este de 1135, que pode ver na exposición. Trátase do privilexio real concedido polo rei Afonso VII ao mosteiro de San Xoán de Caaveiro, polo que se amplían os lindes do seu couto, exime os seus moradores de responder dunha serie de impostos, prohibe a outros señores ter vasalos dentro deste couto e establece o pago da metade das súas posesións aos habitantes que o queiran abandonar.
-
05
Cartel 'O Estatuto libertará a nosa terra', de Seoane
Entre os varios carteis expostos figura “O Estatuto libertará a nosa terra”, de Luís Seoane, ao igual que o “Para que a nosa terra sexa nosa. Vota o Estatuto” de Castelao, ambos os dous realizados para a campaña do referendo de aprobación do Estatuto de Autonomía de 1936
-
06
'Os rogos dun gallego establecido en Londres...' (1813)
Tamén se pode ver o orixinal de Os rogos dun gallego establecido en Londres, dedicados os seus paysanos para abrirlles os ollos sobre ciertas inorancias, e o demais que verá o curioso lector, impreso en 1813 e obra probablemente de Manuel Pardo de Andrade, exiliado en Inglaterra, aínda que publicado de forma anónima. É un romance con pouco valor literario pero un gran valor histórico, como mostra do discurso liberal na Galicia de comezos do século XIX. A obra, unha das primeiras do Rexurdimento, defende a supresión da Inquisición polas Cortes de Cádiz en 1813, que estaba a causar unha gran polémica e críticas entre os sectores máis conservadores
-
07
Conjetura sobre el nombre de un pez cetáceo (1760), de Martín Sarmiento
Hai, igualmente, varios libros manuscritos, coma esta Conjetura sobre el nombre de un pez cetáceo que con otros 212 de la misma especie, bararon a primeros de Julio de 1760 en la playa de la villa de Zumaya, en Guipúzcoa, escrito por Martín Sarmiento en 1760
-
08
'Nova orientación do galeguismo', de Ramón Piñeiro
Hai outros documentos moito máis recentes, coma o orixinal mecanografado de 'Nova orientación do galeguismo', escrito por Ramón Piñeiro ao redor de 1965. Piñeiro avoga por aceptar a "irreversibilidade da Guerra Civil" e por primar a "resistencia cultural".
-
09
Álbum de auto-caricaturas de Castelao
Son moitas as obras e elementos ligados a Castelao na exposición. Por exemplo este 'Álbum de autocaricaturas', realizadas entre 1903 e 1907, e que se compón dunha carpeta con debuxo de portada e seis láminas.
-
10
Arredor de si. Manuscrito autógrafo de Otero Pedrayo
Outro dos valiosos manuscritos que se poden ver na exposición é este de Ramón Otero Pedrayo, de 1929, cos textos orixinais que deron lugar a Arredor de si, e que inclúe notas, debuxos e algunhas contas.
-
11
Portada do primeiro número de 'Vida Gallega' (1909)
Na exposición hai moitos exemplos de xornais e revistas, especialmente da prensa publicada en galego dende as últimas décadas do século XIX. Así, pódense ver os primeiros números de A Monteira (1889), A Nosa Terra ou Nós. Pero tamén está na mostra o primeiro número de Vida Gallega, unha revista gráfica que na súa primeira etapa se publicou en Vigo entre 1909 e 1938 e que na súa primeira portada contou cun debuxo de Castelao
-
12
Mapa Gallaecia Regnum (1635), de Fernando de Ojea
Na exposición pódense ver, finalmente, dous mapas. Por unha banda, a Carta geométrica de Galicia que Domingo Fontán entregou á raíña Isabel II en 1834. E, ademais, o Mapa Gallaecia Regnum (Mapa do Reino de Galicia) realizado por Fernando Ojea en 1635, unha versión corrixida do primeiro mapa que elaborara en 1603 o mesmo autor, dominico nacido en Ourense e residente en México.