David Lombao

Unha ducia de escenas da loita gandeira

A pasada semana puñamos a vista na enorme tractorada de Lugo e esta paramos en Compostela. Unha ducia das moitas imaxes que estes días de loita gandeira deixaron nas rúas da capital de Galicia.

  1. 01

    Os primeiros

    Contra o mediodía do luns chegaban os primeiros tractores á explanada de Salgueiriños, no acceso norte da cidade.

  2. 02

    En marcha

    Baixo o lema "a vaquiña polo que vale" un tractor chegado de Mazaricos abriu a marcha da tractorada, que se dispuña a arrodear Santiago.

  3. 03

    Aplauso aos gandeiros

    Ao pasaren por diante do complexo administrativo de San Caetano unha nai e a súa filla pararon a aplaudirlles aos gandeiros. "Fainos moita falta", dixéronlles desde o tractor. Sería o primeiro de moitos aplausos.

  4. 04

    Ante os que venden

    Na segunda xornada a tractorada puxo o foco na distribución. Ante unha das grandes áreas comerciais de Santiago deixaron claro que non é posible vender leite a menos de 61 céntimos e que os produtores reciban un prezo xusto.

  5. 05

    Reparto de leite

    "Antes de que estes nola rouben, regalámola". Esa foi a filosofía que inspirou o reparto de leite de balde ante o Carrefour compostelán.

  6. 06

    Cara á Xunta

    O cerco a San Caetano adiantouse un chisco. Mentres algúns dos tractores se situaban nas principais vías de comunicación da cidade, outros atravesaban o centro.

  7. 07

    Co Gaiás ao fondo

    Unha das vías de comunicación nas que parou a tractorada, a SC-20, pasa fronte ao monte Gaiás. Esta coincidencia deu orixe a paradoxais imaxes da protesta gandeira fronte ao millonario complexo.

  8. 08

    'Tuning' gandeiro

    Algúns dos tractores que arrodearon o complexo administrativo da Xunta lucían diferentes decoracións. Podíanse observar bandeiras ou, por exemplo, esta vaquiña vermella.

  9. 09

    A noite

    Algunhas das accións de protesta requiriron que os tractores se desprazasen pola cidade cando xa caera a noite

  10. 10

    As vacas, no centro da cidade

    Na gran manifestación gandeira do xoves non houbo discusión sobre quen debía protagonizar a cabeceira. As protagonistas foron catro frisonas de Vila de Cruces.

  11. 11

    Repoñendo forzas

    A fonte da Praza de Abastos foi o lugar elixido polas vacas para repoñer forzas durante a manifestación

  12. 12

    Catando a Xunta

    Tras refrescarse, as encargadas de abrir a marcha chegaron a San Caetano e cataron o céspede do complexo administrativo do Goberno galego.