Praza Pública

Unha ducia de espazos para camiñar Pontevedra

A pasada primavera, a Comisión Europea outorgou a Pontevedra o seu Premio de Seguridade Viaria Urbana, un recoñecemento ás boas prácticas de mobilidade sostible. Foi un galardón máis para o modelo urbano da Boa Vila que, hai dúas décadas, se basea en recuperar espazos para camiñar, en detrimento do vehículo privado, con reducións de ata o 75% de coches en diversos puntos da cidade. Son espazos recuperados que saltan á vista, pero que tamén teñen efectos na saúde das persoas e do planeta. Imos de paseo por algúns deles.

  1. 01

    A imaxe que virou icona

    Esta imaxe da rúa Gutiérrez Mellado virou, posiblemente, nunha das iconas da transformación urbana de Pontevedra. Unha liña de aparcadoiro en batería, outra en liña e unha dobre fila como parte da paisaxe onde agora o que destacan son as palmeiras e, sobre todo, o paso das persoas.

  2. 02

    Rúa Michelena

    Unha das arterias da zona histórica de Pontevedra, a rúa Michelena, era tamén noutrora zona na que dar voltas á procura de aparcadoiro, cos coches a chegar practicamente ás portas da Peregrina. Dende hai anos, o que abondan son os grupos de veciñanza e visitantes, dende os maiores ata nenas e nenos que van ao colexio a pé.

  3. 03

    Praza de Compostela

    A vellísima normalidade pontevedresa incluía vehículos amoreados sen excesiva orde na céntrica praza de Compostela. Hai xa case dúas décadas que é punto de encontro da veciñanza e o que destaca nela é a súa fonte.

  4. 04

    Praza de Curros Enríquez

    Houbo un tempo no que a pontevedresa praza de Curros Enríquez era máis ou menos peonil. Pero o certo é que os vehículos non só podían pasar por ela, senón tamén estacionar. Unha imaxe ben diferente da actual.

  5. 05

    A contorna da Alameda

    A contorna da Alameda, das ruínas de San Domingos ou da Praza de España son tamén espazos para o paseo e mesmo para o deporte. Así o amosa o triatleta Javier Gómez Noya nun dos vídeos da campaña Efecto PO2, coa que o consistorio pontevedrés subliña os efectos do seu modelo urbanos no medio ambiente e na saúde.

  6. 06

    Praza da Verdura

    Mesmo á popular Praza da Verdura chegaban os coches noutrora. Agora non só é lugar habitual de paseo e esparcimento; tamén acolle á Casa das Luces, núcleo dun bo número de actividades sociais e culturais da cidade.

  7. 07

    Á beira do Lérez

    A conexión co río Lérez e as súas beiras é tamén peza importante do modelo urbano de Pontevedra. Tanto para recuperar espazos para o paseo e o deporte como do punto de vista deportivo e turístico.

  8. 08

    Para maiores e rapazada

    O modelo urbano pontevedrés tamén procura facilitar o tránsito para maiores e pequenos, a pé ou, se cómpre, sobre rodas ou axudados por un caxato. Na imaxe, a confluencia da rúa da Oliva coa praza da Peregrina.

  9. 09

    A Peregrina

    A praza da Peregrina, outra das iconas da cidade, é tamén dende hai anos símbolo da recuperación do espazo público para o tránsito peonil en Pontevedra. Boa mostra disto é é esta imaxe.

  10. 10

    "Por rúas e prazas, non por corredores de centros comerciais"

    A recuperación de espazos para camiñar Pontevedra ten tamén unha derivada no comercio de proximidade. "A cidade que pasea por rúas e prazas, non por corredores de centros comerciais", resume unha das presentacións do modelo pontevedrés para os foros internacionais.

  11. 11

    Marqués de Riestra

    Outra das imaxes que adoita sorprender a quen non coñece Pontevedra á destes dous ciclistas que, botándolle valor, pedaleaban no pasado pola rúa marqués de Riestra esquivando vehículos. Agora é ben máis doado pasar en bici sen risco.

  12. 12

    ... e para non perderse, o Metrominuto

    Un dos emblemas do modelo urbano pontevedrés: o Metrominuto orienta a veciñanza e visitantes polos espazos para camiñar a cidade e xa son varias as vilas e cidades que, en Galicia e fóra dela, o adoptaron para impulsar as peonalizacións.