Unha ducia de etapas do treito galego da Eurovelo 1, de Tui a Fisterra
Eurovelo é unha rede transfronteiriza de rutas ciclistas de longa distancia que atravesan o continente. Hai 17 rutas, que suman máis de 90.000 quilómetros. Dúas delas pasan por Galicia: a Eurovelo 3, denominada Ruta dos Peregrinos, que vai de Trondheim (Noruega) ata Compostela seguindo o Camiño de Santiago; e, dende esta primavera, a Eurovelo 1, un longo trazado que percorre a fachada atlántica europea, dende o Cabo Norte noruegués ata o Algarve luso e que despois se dirixe de novo ao norte seguindo o litoral portugués e galego, rematando no Faro de Fisterra. Repasamos as 10 seccións nas que Turgalicia divide a Eurovelo 1 en Galicia, dende Tui ata Fisterra.
-
01536,7 quilómetros para percorrer a costa galega
O pasado mes de abril anunciouse a expansión da Eurovelo 1, que pasou de rematar en Valença para facelo en Fisterra. 536,7 quilómetros entre Tui e o faro fisterrán divididos en 10 seccións ou etapas. Unha ampliación que foi realizada grazas ao traballo conxunto de Turgalicia, ConBici —Centro Nacional de Coordinación EuroVelo en España— Sherpa Projects e European Cyclist Federation.
-
02Sección 1 (Tui - Baiona) • 74,04 km
O percorrido, que se pode seguir de forma detallada nesta páxina, con mapas e perfís de altimetrías, iníciase en Tui, xusto na Ponte Internacional que une a vila con Portugal, onde continúa e Eurovelo 1. Esta sección ou etapa é a máis longa de todo o camiño, con 74 quilómetros ata chegar a Baiona, seguindo primeiro a ribeira do Miño e despois a liña litoral.
-
03Sección 2 (Baiona - Redondela) • 42,27 km
A segunda sección vai de Baiona a Redondela, pasando por Vigo. Aínda que os percorridos si están fixados con detalle, priorizando as vías ciclables e os camiños ou estradas máis cómodas para circular en bicicleta, os inicios e finais de etapa pódese alterar, alongando os percorridos ou incluíndo máis paradas para mellor gozar da contorna. Este treito inclúe a “Senda da Auga”, que ofrece unhas vistas panorámicas espectaculares da ría de Vigo e da ponte de Rande.
-
04Sección 3 (Redondela - Moaña) • 35,73 km
A terceira sección é a máis curta, tan só 35,7 quilómetros entre Redondela ou Moaña, rodeando o interior da ría de Vigo e pasando pola Ponte Sampaio, en Soutomaior.
-
05Sección 4 (Moaña - Bueu) • 43,17 km
A cuarta sección percorre boa parte do litoral da península do Morrazo entre Moaña e Bueu, con algo máis de 43 quilómetros. Son moitas as praias polas que pasa a ruta aquí e fermosas paisaxes, por exemplo as da Costa da Vela.
-
06Sección 5 (Bueu - Portonovo) • 46,96 km
A quinta etapa é a da ría de Pontevedra, con case 50 quilómetros entre Bueu e Portonovo e pasando pola propia cidade de Pontevedra na metade do percorrido.
-
07Sección 6 (Portonovo - Torres do Oeste) • 60,55 km
A ruta continúa cara ao norte, nunha sexta etapa de máis de 60 quilómetros que percorre o Salnés e o litoral arousán entre Portonovo e as Torres do Oeste, en Catoira, e pasando pola Lanzada, Cambados, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.
-
08Sección 7 (Torres do Oeste - Santa Uxía de Ribeira) • 62,31 km
Seguimos na Ría de Arousa, desta volta na súa parte septentrional, cunha sétima etapa, de novo con máis de 60 quilómetros, entre Catoira e Ribeira, pasando por Rianxo, Boiro e A Pobra e o fermoso e variado litoral do Barbanza.
-
09Sección 8 (Santa Uxía de Ribeira - Noia) • 66,11 km
A península do Barbanza complétase na oitava etapa, de 66 quilómetros de lonxitude, que une Ribeira e Noia, pasando polo Parque Natural de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán.
-
10Sección 9 (Noia - Muros) • 45,78 km
Xa nos imos achegando ao final. A penúltima etapa, entre Noia e Muros, ten algo máis de 45 quilómetros e pasa por Ponte Nafonso e Outes antes de aproximarse a Muros por Esteiro.
-
11Sección 10 (Muros - Cabo Fisterra) • 59,77 km
A ruta remata cunha décima etapa entre Muros e o Cabo Fisterra, que se vai observando a medida que o percorrido se achega a el dende o sur. Polo camiño, o percorrido pasa pola Lagoa de Louro, as praias de Area Maior, Lariño, Carnota e Langosteira ou a fervenza de Ézaro. Case nada.
-
12Eurovelo 3
En Fisterra a Eurovelo 1 únese á Eurovelo 3, a Ruta dos Peregrinos que remata en Compostela pero que engade un último treito (de 80 quilómetros) ata o cabo que marcaba a fin do mundo coñecido.
En Galicia esta ruta de máis de 5.500 quilómetros que parte dende Trondheim e o Camiño de San Olaf ten cinco seccións ou etapas: de Pedrafita a Sarria, de Sarria a Melide, de Melide a Compostela, de Compostela a Olveiroa e de Olveiroa a Fisterra.