Unha ducia de éxitos e esperanzas deportivas galegas
O ascenso do Breogán foi o último dos éxitos deportivos galegos dunha temporada á que aínda lle quedan os Xogos Olímpicos en Toquio, con varias bazas que poden aumentar os triunfos para Galicia.
-
01
Julia Benedetti
Con tan só 16 anos, a skater coruñesa conseguiu praza na modaliade park de skateboarding, unha disciplina que debuta nos Xogos. Certificou o seu billete nos EAU, na última proba puntuable do Mundial da categoría, entrando na historia e soñando cun bo papel na capital xaponesa.
-
02
O Liceo volve facer historia
O Liceo da Coruña foi este ano na elite do hóckey sobre patíns o único equipo non catalán. Subcampión de Liga e só superado polo xigante Barcelona na Liga, logrou a Copa de Rei na casa e sumou o seu 10º título nesta competición cos galegos Carbalelira e Torres como xogadores clave.
-
03
O Breogán volve á elite para acompañar o Obradoiro
O Breogán de Lugo regresou á liga ACB, onde se reencontrará co Obradoiro de Santiago no derbi galego. O equipo lucense certificou unha gran temporada coa vitoria no último partido do play-off en Granada, onde caera o Básquet Coruña, outro galego que quedou a un paso da elite tras outra boa campaña.
-
04
O Burela gaña a Liga e suma nove títulos consecutivos
Sen palabras. O Burela Pescados Rubén feminino continuou facendo historia ao facer pleno de títulos nesta temporada, sumando o seu noveno galardón consecutivo coa reválida do título de Liga, a cuarta na historia do club mariñao.
-
05
Ana Peleteiro suma outra medalla internacional
"A todas esas mulleres que loitan cada día por ocupar o lugar que merecen". Esa foi a dedicatoria que a galega Ana Peleteiro fixo o pasado 8 de marzo da medalla de prata que un día antes conseguira nos Europeos de Atletismo de pista cuberta tras o ouro conseguido dous anos antes en Glasgow--
-
06
Belén Toimil: récord de España e billete a Toquio
A mugardesa Belén Toimil logrou en lanzamento de peso o sétimo posto e a clasificación para os Xogos Olímpicos de Toquio nos Europeos de atletismo en pista cuberta, pero sobre todo bater un récord de España que fora acadado cando ela só tiña dous anos: 18,64 metros, 70 centímetros máis alá que os 17,94 que conseguira Martina de la Puente hai 25 anos.
-
07
Teresa Portela
A piragüista do Morrazo consegiu a clasificación para os seus sextos Xogos Olímpicos, en Toquio, e xa é a deportista española con máis participacións. Con 39 anos, competirá en Xapón logo de impoñerse na proba selectiva interna da Federación Española do K1-200.
-
08
Javier Gómez Noya
Cinco veces campión do mundo de tríatlon e medalla de prata en Londres 2012, o ferrolán, con 38 anos, buscará o podio en Toquio logo de que unha caída o deixase fóra dos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro.
-
09
Irene Blanco
A haltera coruñesa Irene Blanco proclamouse campioa de España absoluta en 87 quilos ao ser quen de levantar 97 kg en arrancada e 116 en dous tempos, unha marca olímpica de 213 coa que tería sido subcampiona do mundo júnior nun capionato ao que non foi reclamada por decisión técnica da Federación Española.
-
10
Chano Rodríguez
Con 64 anos, o vigués Chano Rodríguez volverá competir nuns Xogos Paralímpicos, desta vez nos 200 metros libres. Será a súa sexta participación tras os de Sídnei, Atenas, Pequín, Londres e Rio. Tentará sumar un novo metal aos quince xa conseguidos nesas pasadas edicións.
-
11
A canteira do fútbol galego
A habitual aposta do Celta pola canteira confirmouse doutra volta esta temporada coa estrea de varios rapaces no primeiro equipo que certificaron a boa saúde da base celtiña, que colocou o seu filial líder da fase regular na Segunda B e a un paso do ascenso a Segunda. Na Coruña, Abegondo parece comezar a dar os seus froitos: o Deportivo xuvenil fixo historia ao proclamarse campión da Copa de Campións tras derrotar o Real Madrid e o Barcelona.
-
12
A proeza do Cisne xuvenil
O Cisne de Pontevedra acadou unha proeza en categoría xuvenil logo de proclamarse, no pasado mes de maio, campión de España tras derrotar na gran final ao potente FC Barcelona. O equipo galego fixo historia para o balonmán galego acadando un título e facéndoo contra o club referencia deste deporte en España.