Marcos Pérez Pena

Unha ducia de festivais de verán

O verán é tempo de música e de festivais. De Foz a Nigrán, de Carballo a Pardiñas, de Viveiro a Compostela, Galicia énchese estas semanas de concertos, que abranguen todos os estilos. Repasamos algúns deles nesta ducia sonora.

  1. 01

    Sereas e Piratas (11 de xullo)

    Neste verán xa tivemos un feixe de festivais de todo tipo (Cultura Quente, Festival do Norte, Derrame...). O seguinte no calendario é o Sereas e Piratas de Carballo, celebrado coma todos os anos nun escenario inmellorable: a praia de Razo. O festival celebra o seu décimo aniversario cun cartaz moi interesante: Aerolíneas Federales, Los Punsetes, Jupiter Lion, Bigott, Puma Pumku, Álex Casanova..., actividades para nenos e tamén relacionadas co surf. Música e praia!

  2. 02

    Vrao (10-11 de xullo)

    O Festival Vrao, de Foz, celebra esta fin de semana a súa segunda edición, de novo organizado pola asociación Ó! Cultural, e cunha gran presenza de novas bandas galegas, como Cazador, Músculo!, Bala ou Cuchillo de Fuego.

  3. 03

    Festival de Ortigueira (16-19 de xullo)

    Un ano máis o Festival do Mundo Celta levará ao Ortegal algúns dos mellores artistas do folk galegos e de todo o mundo. Son xa 31 edicións e nesta algúns dos protagonistas serán Cristina Pato (Galicia), Sharon Shannon (Irlanda), Xabi Aburruzaga (País Vasco), Budiño (Galicia), Finnegan - McSherry Project (Irlanda) ou Capercaillie (Escocia)

  4. 04

    Resurrection Fest (16-18 de xullo)

    O Resurrection Fest de Viveiro leva anos consolidándose coma o máis importante festival de heavy e hardcore da Península. O pasado ano máis de 40 mil persoas pasaron por el, e este ano de seguro repetirá o seu éxito, cos atractivos de Motörhead, KoRn ou Refused.

  5. 05

    Portamérica (16-18 de xullo)

    Volve o Portamérica. Do 16 ao 18 de xullo pasará polo Porto de Molle (Nigrán) unha variada programación, na que destacan Molotov, Calle13, Vetusta Morla, Buzzcocks, The Divine Comedy, Xoel López, Arizona Baby, Supersubmarina ou Is Tropical

  6. 06

    Sinsal San Simón

    A Illa de San Simón acolle un ano máis o Sinsal. Un festival diferente por moitas cousas: polo espazo escollido -ao que só se pode acceder en barco-, polo seu cartaz -que permanece oculto ata o seu mesmo comezo- e polo coidado co que se escollen os grupos e artistas participantes.

  7. 07

    Festival Intercéltico do Morrazo

    O XXXI Festival Intercéltico do Morrazo celebrarase en Moaña o 24 e 25 de xullo, presentando este ano unha imaxe gráfica e web renovadas e cun cartaz encabezado por Roi Casal, Uxía e Narf.

  8. 08

    Festival de Pardiñas (1-2 de agosto)

    O Festival de Pardiñas, en Guitiriz, celebra a súa XXXVI edición, coa participación de Nao, Sés ou O Sonoro Maxín.

  9. 09

    Noroeste Pop Rock (3-7 de agosto)

    O Concello da Coruña anunciou recentemente que mudará o formato do Noroeste Pop Rock, estendendo os seus concertos por toda a cidade e incrementando a súa duración. Haberá 30 concertos de bandas de ámbito galego, español e foráneo.

  10. 10

    Felipop (6-8 de agosto). V de Valarés (14-16 de agosto)

    O Felipop de Limodre (Fene) chega á maioría de idade coa súa 18ª edición. Do 6 ao 8 de agosto actuarán Puma Pumku, The Pretty Things, Camarada Nimoy ou Tachenko. Unha semana máis tarde, do 14 ao 16 de agosto, a praia de Valarés, en Ponteceso, vivirá unha nova edición do seu festival Con V de Valarés, que finalmente recibiu o necesario permiso da Xunta para a súa celebración, en dúbida por estar este espazo incluído na Rede Natura 2000.

  11. 11

    Revenidas 2015

    O Revenidas 2015, que se celebra a finais de agosto en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), aínda non ten cartaz, que se anunciará nas vindeiras semanas, pero o que é seguro é que o festival seguirá apostando pola música e as bandas galegas, coma na masiva edición do pasado verán.

  12. 12

    Osa do Mar (4-5 de setembro)

    En setembro aínda hai tempo para achegarse a algún festival, por exemplo a Burela, onde o Osa do Mar celebra a súa segunda edición. Jupiter Lion, Novidades Carminha, Disco Las Palmeras!, Toundra..., nun cartel aínda aberto.

  13. 13

    WosInc (11-13 de setembro)

    O WosInc de Compostela servirá un ano máis para despedir o verán, buscando repetir a fantástica experiencia do pasado verán. E, coma o pasado ano, haberá moito máis que (boa) música: debate, performances, artes escénicas..., distribuídas por espazos singulares de toda a cidade. Incubando ideas! E sen esquecer que ao longo de todo o verán (do 2 de xullo ao 29 de agosto) a Cidade da Cultura acollerá a completa programación musical dos Atardeceres no Gaiás