Unha ducia de Festivais para 2012
Chega a primavera, as tardes son máis longas, e volven os festivais de música. Esas fins de semana de tenda de campaña, de tickets, e vasos de plástico, de reencontro con amigos festivaleiros e de coñecer novos grupos. De festa. Este venres e sábado celébrase en Vilalba o FIV. E despois virán o Festival do Norte, o Reperkusión, Derrame, Resurrection, Brincadeira, Cultura Quente... E que ninguén esqueza Portugal!
-
01
FIV
O Festival Independente de Vilalba (FIV) escríbese con uve. Os seus responsables, que destacan que xa se converteu na "marca nova" da vila, esperan xuntar a catro mil persoas esta fin de semana, para ver a Delafé y las Flores Azules, Corizonas, El Columpio Asesino u Sidonie.
-
02
Festival do Norte
Coas mesmas dificultades económicas de todos os eventos este ano, a cita de Vilagarcía de Arousa repite. O máis importante dos festivais pop de Galicia, o Festival do Norte, adianta unha semana as súas datas habituais e celebrarase o 27 e 28 de abril. Estarán Love os Lesbian, Lori Meyers, Fangoria, La Casa Azul, Enemigos ou Disco las Palmeras.
-
03
Reperkusion
O Reperkusión pega forte este ano. Celebrarase o 17, 18 e 19 de maio en Allariz e alí estará Manu Chao, que actuará dous días. Ademais, Festicultores, La Troba Kung-Fu ou Os 3 Trebóns.
-
04
Optimus Primavera Sound
Este ano Galicia non contará co Sónar, pero si teremos ás portas da casa a cara b dun dos festivais máis importantes do continente. O Primavera Sound barcelonés este ano terá unha edición no Porto, o Optimus Primavera Sound, que do 7 ao 10 de xuño acollerá case un cento de bandas, de Beach House a Björk ou Spiritualized, pasando por Wilco, Black Lips, The Walkmen, M83, The XX, The Rapture, Atlas Sound ou Yo la Tengo. O festival do ano en Galicia celébrase no Porto.
-
05
Derrame Rock
Ourense acollerá durante tres días (28, 29 e 30 de xuño) un dos festivais de rock máis completos do ano na Península. Ducias de grupos, encabezados por Sepultura, Enemigos, Rosendo, Banda Basotti ou Heredeiros da Crus.
-
06
Festival de Ortigueira
O folk ten a súa cita máis destacada en Ortigueira do 12 ao 15 de xullo. Aínda non se confirmou a programación deste ano, pero no 2011 Luar na Lubre foron os protagonistas.
-
07
Cultura Quente
O festival de Caldas chega á súa decimoquinta edición, con redución de orzamento, pero mantendo os dous días de concertos nun escenario ideal. O ano pasado ano Delorean, OK Go, Klaxons ou Standstill completaron un cartaz de luxo.
-
08
Sereas e Piratas
A mediados de xullo chegará o Sereas e Piratas, unha noite de música (precedida de todo un día de actividades, moitas delas relacionadas co surf) na praia de Razo, en Carballo. Moi pronto coñeceremos os nomes deste ano.
-
09
Revenidas
O Revenidas celebrarase o 15 e 16 de xullo en Vilaxoán de Arousa. O ano pasado Labregos no tempo dos sputniks, Banda Crebinsky, Medomedá ou Tony Lomba soaron en todo o Salnés.
-
10
Felipop
O Felipop é un milagre que leva unha década repetíndose en Limodre (Fene). Sen apenas orzamento, consegue un ano e outro cartaces de gran calidade, cun ambiente inmellorable. Un festival para namorar.
-
11
Resurrection Fest
O Resurrection Fest celébrase en Viveiro do 2 ao 4 de agosto, cun cartel xa pechado e encabezado por Desecendents e At the Gates.
-
12
Brincadeira
O Brincadeira de Ordes e o Rock in Cambre unen forzas e este ano celebraranse, por xunto, en agosto na vila próxima á Coruña. O ano pasado Europe foron a meirande atracción.
-
13
Paredes de Coura
Do 13 ao 16 de agosto celébrase, un ano máis o festival de Paredes de Coura, a uns vinte quilómetros ao sur do Miño. Os que vaian poderán gozar, ademais do famoso caldo verde, dun cartel que sempre acolle a grandes bandas, o ano pasado, por exemplo, Pulp.