Marcos Pérez Pena

Unha ducia de festivais para este verán en Galicia

Este domingo comeza o verán, o tempo dos festivais musicais. Festivais hainos de todo tipo: grandes e pequenos, na praia e no monte, de rock, de tradi e de electrónica, con entrada e gratuítos, con grupos de aquí e de fóra... Repasamos aquí algunhas das citas máis interesantes dos vindeiros tres meses no país.

  1. 01

    Noites do Porto

    Hai que dicir que os festivais non comezan co verán. Aínda a pasada fin de semana celebrouse a derradeira edición do Surfing The Lerez de Pontevedra e a finais de maio foi a quenda do Festival Alternativo Millo Verde de Cesantes (Redondela).

    Pero o cambio de estación supón a multiplicación destas citas, comezando por exemplo con O Son do Camiño (esta fin de semana no Monte do Gozo). Ou, a partir deste luns 22 co coruñés Noites do Porto, que ata o 5 de xullo levará a música a varias localizacións da cidade herculina, tanto en salas coma no Peirao de Batería. 

    Estarán The Horrors, Curtis Harding, Barry B+Vera Fauna, ELLiS-D, María José Llergo ou Nadadora. Un dos momentos máis especiais chegará na Noite de San Xoán, cando Xoel López e Caamaño & Ameixeiras tomarán o Peirao de Batería na noite máis curta (ou máis longa) do ano.

  2. 02

    Fisterra Experience

    Precisamente Caamaño & Ameixeiras serán unhas das protagonistas, uns días despois, do Fisterra Experience, que se celebra do 26 ao 28 de xuño en Fisterra. No cartel, Adhara & Ritman, Caamaño & Ameixeiras, Catuxa Salom ou Depedro.

    Durante toda a vindeira semana, ademais, o barrio de Perlío (Fene) acolle o Perla Mural Fest, no que muralismo e música van da man. Os concertos chegarán entre o 26 e o 28, coas actuacións de Rufus T. Firefly, Tu otra bonita, Carlangas, Melon Diesel, Luis Fercán, True Mountains, Battosai ou Zavala & Atalaias de Caión

  3. 03

    Armadiña Rock

    Xa en xullo chega o Armadiña Rock, que dende hai uns anos se celebra en Combarro (Poio), na Praza da Chousa. Con entrada de balde, un amplísimo cartel inclúe entre o 3 e o 5 de xullo as actuacións de Rager, Orquestra Bravú Xangai, Bule, Lisdexia, Noite fechada, Ruxe ruxe ou Monoulious DOP.

  4. 04

    Portamérica

    A seguinte fin de semana é a quenda do PortAmérica de Caldas de Reis. Entre o 9 e o 11 de xullo o recinto da Azucreira de Portas acolle os concertos de Rigoberta Bandini, Fillas de Cassandra, The Rapants, Niña Polaca, Grande Amore, Repion, Eladio y los Seres Queridos, Amaia, Xoel López, Sanguijuelas del Guadiana ou Instituto Mexicano del Sonido.

  5. 05

    Festival de Ortigueira

    Nesa mesma fin de semana chega unha nova edición do Festival de Ortigueira, que se celebra do 9 ao 12 de xullo. No cartel, Anxo Lorenzo Band, Rubén Alba, Noon, Yves Lambert, Solas, Lúnasa, Valtos, Xara ou Bagad de Vannes.

  6. 06

    Rock in Rio Tea

    E como a música no verán non para de norte a sur de Galicia, os días 10 e 11 de xullo Ponteareas acolle o Rock in Río Tea, con entrada de balde. No Parque da Feira Vella estarán Kiko Veneno, Los Enemigos, Rebelióm do inframundo, Arrhythmia, Estrogenuinas, Errantes, Pladür ou O Caimán do río Tea.

  7. 07

    Atlantic Fest

    O Atlantic Fest de Vilagarcía de Arousa celebra o seu décimo aniversario cun cartel con nomes como Franz Ferdinand, Los Planetas, Two Door Cinema Club, Carolina Durante, Joe Crepúsculo, Aiko El Grupo, Carlos Ares, Nacho Vegas, Shame, Depresión Sonora, Triángulo de Amor Bizarro ou Nadadora.

  8. 08

    17º Ribeira Sacra Festival

    Hai festivais que destacan non só polo seu cartel, senón pola contorna na que se realizan. É o caso do 17º Ribeira Sacra Festival, que entre o 24 e o 26 de xullo propón non só interesantes concertos (The Divine Comedy, Sidonie, Baiuca, Anni B Sweet, Puño Dragón, Vera Fauna, Mariagrep & Mundo Prestigio...) senón tamén experiencias vencelladas ao territorio, como visitas a bodegas, viaxes en catamarán ou roteiros de sendeirismo.

  9. 09

    Son Rías Baixas

    A cabalo entre xullo e agosto celébrase en Bueu o SonRías Baixas, que entre  xoves 30 e o sábado 1 trae ao Recinto Multiusos da Estacada a La M.O.D.A., La Pegatina, Biznaga, Ultraligera, Zahara, Barry B ou Alcalá Norte.

  10. 10

    Castelo Rock

    Comeza agosto e en Muros o Castelo Rock trae entre os días 6 e 8 a Big Special, Kid Kapichi, Law, Martin Human, Nadie González, Orquestra Bravú Xangai, Parquesvr, Saraiba, Tête de la course, True Mountains ou Viva Belgrado. 

  11. 11

    Carballeira de Zas

    Esa mesma fin de semana, entre os días 7 e 8, a Carballeira de Velar acolle nada máis e nada menos que a 41ª edición da Festa da Carballeira de Zas, que este ano trae a Baiuca, David Pasquet, Paco Nogueiras, Xabier Díaz, Cé Orquestra Pantasma, Alana, Radio Cos, BackWest ou Fillas de Cassandra.

  12. 12

    Rock in Rian

    Unha semana máis tarde, os días 14 e 15 de agosto, Rianxo acolle o Festival Rock in Rian , coas actuacións de 9Louro, De Ninghures, Tona, Tapa D'Orella, Familia Caamagno ou Orquestra Bravú Xangai.

  13. 13

    Nachiños Fest

    E esa mesma fin de semana do 14e 15 en Ferrol celébrase o Nachiños Fest. No Peirao de Curuxeiras actuarán The Rapants, Baiuca, La Milagrosa, Puño Dragón, Pavlenha, Eris Mackenzie, Hydn ou Raze.

  14. 14

    Osa do Mar

    Chega setembro, pero a música non remata. En Burela, entre os días 6 e 8, o Festival Osa do Mar presenta un cartel no que destacan The Rapants, Depedro, Eris Mackenzie, Fillas de Cassandra, Ginebras, Ortiga ou Portosanto.

  15. 15

    Revenidas

    E chegamos ao Revenidas de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), o festival que todos os anos marca case a fin do verán. Entre os días 10 e 13 a cita acolle a música de The Rapants, El Drogas, Evaristo, La Gossa Sorda, Sara Hebe, The Salsa Punk Orkestra, Rebeliom do Inframundo, Kumbia Queers, Ilan Amores, Arrhythmia, Süne ou Nadie González.