Marcos Pérez Pena

Unha ducia de filmes que verás en Cinema Crianza

A vindeira fin de semana Bertamiráns e Milladoiro (Ames) acollen a segunda edición do Festival de Cine Infantil Cinema Crianza, do que xa vos falamos o ano pasado. Entre o venres 15 e o domingo 18 proxectaranse 73 curtametraxes chegadas dos cinco continentes e seleccionadas entre as máis de dúas mil propostas presentadas. As sesións organízanse por idades (maiores de 2 anos, maiores de 5 e maiores de 7) e fan fincapé en valores como a multiculturalidade ou a defensa do medio ambiente, e tamén temas como o fútbol. Ademais, Gramola Gominola, Mao Verde ou Magín Blanco poñerán a música.

  1. 01

    A reporteira Lúa no Culturgal 2017

    Esta é a segunda edición de Cinema Crianza. O pasado ano Marcos Nine, director artístico do certame, dicíanos que "o cine dálles aos nenos e nenas mecanismos para se enfrontar ao mundo" e destacaba que "hai unha gran produción cinematográfica infantil no planeta que aquí non chega nunca". A reporteira Lúa encargouse de presentar aquela edición (que se celebrou en decembro) durante o Culturgal.

  2. 02

    A Gramola Gominola: "A fábrica de Carmela"

    Antes dos filmes, un pouco de música. O sábado o público asistente cantará ao son da Gramola Gominola, Oviravai, Monoulious Dop, Mao Verde ou Magín Blanco, que presentará o seu último videoclip, "O avó Leié".

  3. 03

    Miau (EE.UU.)

    Esta película está inspirada nunha historia real sobre como a directora da curta tivo que deixar o gato na súa cidade natal cando a súa familia e máis ela marcharon do país. Lamentablemente fuxiu da persoa que o estaba a coidar e estivo perdido case catro meses. Despois de rematar o seu primeiro semestre en Calarts puido volver á súa cidade natal e, como por arte de maxia, soubo que estaba alí e volveu a ela.

  4. 04

    O pequeno lobo gris. A primavera e o xeo á deriva (Noruega)

    A primavera é o tempo do xeo á deriva nun río. Wolfy e Hare, levados polas súas andanzas, de súpeto atópanse no medio dunha xigante corrente xeada. A corrente fría agocha moitos perigos, mais a súa imaxinación acode a axudar. E os seus amigos, por suposto!

  5. 05

    Miles de viaxe (Suíza)

    Miles é un neno que ten como mellor amiga a unha árbore. Xuntos aventúranse nunha viaxe e gozan dun día de verán perfecto no parque de atraccións. Esta é unha pequena curtametraxe para crianzas, cunha simple mensaxe: nunca estarás só ou aburrido se deixas que a imaxinación te guíe.

  6. 06

    O cazador de árbores xigantes (Brasil)

    Un neno que xoga no xardín da súa casa descobre un cofre enterrado que revela un segredo. Máis de cincocentos anos atrás os homes venderon as maiores árbores da terra aos reis máis poderosos. Un día todo rematou e nunca máis se oíu falar dos cazadores de árbores. O rapaz, coa axuda do seu amigo Bug, irá na procura das árbores xigantes que el cría atrapadas no ceo.

  7. 07

    A Terra nas miñas mans (Arxentina)

    Que pasaría se toda a auga da Terra desaparecese? Mara, de trece anos, é unha rapaza aventureira que adoita telo todo e nunca se cuestionou sobre o medioambiente. Mais cando descobre o que realmente sucede coa Terra, grazas á súa gata Pantufla, as cousas cambian.

  8. 08

    O derradeiro libro da Terra (España)

    Poñémonos na pel do astronauta que atopa o derradeiro libro da Terra. Que nos contaría?

  9. 09

    Como un corpo (Austria)

    Esta curtametraxe animada compara a vida interior do protagonista principal á súa situación cotiá. Móstralle ao corpo limitado os límites da mente. Ao final, a mensaxe é sinxela; ata unha situación de desgraza pode levar á felicidade.

  10. 10

    O pequeno heroe (Romanía)

    Nun fermoso día de primavera, xusto despois de que deixase de chover, un rapaciño intenta convencer a súa nai, sempre ocupada, para saíren e xogaren xuntos. Decepcionado pola súa negativa, sae só, mais a caprichosa aparición dunha bolboreta tórnase nunha aventura imaxinaria para rescatar a súa nai da tediosa prisión do traballo e preocupacións. 

  11. 11

    O paxaro e a balea (Irlanda)

    "O paxaro e a balea" é unha historia sobre unha balea nova que loita para atopar a súa voz. Despois de estar lonxe da súa familia para explorar un naufraxio, descobre o único sobrevivente, un paxaro cantor engaiolado. Xuntos loitan para sobrevivir perdidos no mar.

  12. 12

    Ryoko (España)

    Un traxecto normal en tren pode converterse nunha viaxe chea de sorpresas.

  13. 13

    A ilusion de Joseph (Italia)

    O fenaquitoscopio é un instrumento óptico antigo inventado en 1832 por Joseph Plateau que anima imaxes. O resultado de combinar estas animacións cun stop motion de xoguetes de papel do século dezanove é este traballo feito como homenaxe ao inventor do fenaquitoscopio

  14. 14

    Mão Verde: "A Cor da Rosa"

    E para rematar, outro pouco de música. Chegados dende Portugal, Mão Verde (Capicua & Pedro Geraldes) están a obter un grande éxito cos seus temas infantís, como "Erva-de-cheiro" ou "A Cor da Rosa", cancións sobre plantas, a agricultura ou a alimentación cunha clara motivación ecoloxista.