Unha ducia de finalistas da 18º edición dos Premios Mestre Mateo
Os premios do audiovisual galego chegan á súa maioría de idade, unha 18ª edición que celebrará a súa gran noite o vindeiro 7 de marzo na Coruña. Esta semana coñecemos os candidatos e candidatas en cada unha das 25 categorías, destacando a serie Hierro e as longametraxes Quen a ferro mata e O que arde.
-
01
'Hierro'
A produción dirixida por Jorge Coira é o traballo que suma máis candidaturas (16) nesta edición, converténdose na serie con máis nominacións na historia dos galardóns, superando as 15 que acadara Matalobos en 2011. O propio Coira é tamén o director con mais premios (4) e nominacións (7) nos Mestre Mateo.
-
02
'Quen a ferro mata'
Xusto despois, con 15 candidaturas, aparece 'Quen a ferro mata', o filme de Paco Plaza protagonizada por María Vázquez, Enric Auquer, Xan Cejudo e Luís Tosar. Tosar é o actor máis premiado na historia dos Mestre Mateo, con 9 galardóns nas 17 edicións celebradas ata agora (un honorífico), ademais doutras catro nominacións.
-
03
'O que arde'
Este pode ser, con todo, o ano de O que arde. O filme de Oliver Laxe obtivo dous premios Goya e opta a 12 Mestre Mateo, entre eles o de mellor película, guión, dirección e mellor interpretación masculina e feminina. Por certo, dende este 14 de febreiro pode verse en Filmin.
-
04
'Eroski Paraíso'
O terceiro filme con máis candidaturas é esta adaptación da obra de teatro homónima de Chévere. Jorge Coira codirixe con Xesús Ron a película, que opta a 7 galardóns, entre eles os que poden obter os seus tres protagonistas: Miquel de Lira, Patricia de Lorenzo e Cris Iglesias.
-
05
'Longa Noite'
O filme dirixido por Eloi Enciso opta tamén ao premio á mellor película, completando a lista de longametraxes e confirmando a boa acollida que a obra tivo nos últimos meses, nos que pasou por multitude de festivais, antes de chegar ás salas de cinema.
-
06
'A Estiba'
A produción de Voz Audiovisual que emite a TVG suma seis candidaturas, entre elas a de mellor guión e tres finalistas en categorías de interpretación, ademais de pelexar polo premio á mellor serie.
-
07
'Manoliño Nguema'
Catro filmes optan ao premio ao mellor documental, entre eles 'Manoliño Nguema' (Filmika Galaika), que narra a historia de idas e voltas do galego-guineano Marcelo Ndong, a quen entrevistamos hai dous anos: "Unha persoa pode ser galega e africana ao tempo, ter o mesmo sentimento polas dúas culturas"
-
08
'Antes de perder'
'Antes de Perder' (RTVE e Cósmica Producións) é unha das catro producións finalistas na categoría de mellor webserie. A serie foi a primeira produción galega de Playz, a canle dixital de RTVE, e todo o seu equipo estivo integrado por mulleres, baixo a dirección de Sonia Méndez.
-
09
'Homomaquia'
'Homomaquia' (Abano Producións e El Gatoverde Producciones) foi unha das producións galegas finalistas dos Premios Goya. Agora opta a gañar o Mestre Mateo á mellor curta de animación, competindo con Elvis! e Fratoj
-
10
'Perfidia'
'Perfidia', o vídeo realizado por Trece Amarillo e PlayPlan para Tanxugueiras é un dos candidatos a gañar o Mestre Mateo ao mellor videoclip musical.
-
11
'16 de decembro'
Álvaro Gago, gañador hai dous anos do Mestre Mateo á mellor curtametraxe de imaxe real con 'Matria', volve ser candidato con '16 de decembro', un traballo que de novo se enmarca no feminismo e na crítica á violencia contra as mulleres
-
12
Benedicta Sánchez
Foi a gran protagonista da gala de entrega dos Premios Goya, nos que se fixo co galardón á mellor actriz revelación. Nos Mestre Mateo opta ao premio á mellor actriz protagonista, na que compite con Candela Peña, Cris Iglesias e Patricia de Lorenzo