Unha ducia de fitos da historia do tren en Galicia
O ano 2021 é o Ano Europeo do Ferrocarril e será, ademais, o ano no que rematarán as obras da conexión de alta velocidade coa meseta, despois de décadas de proxectos e obras. Repasamos aquí algúns dos momentos máis importantes da historia do tren en Galicia, comezando pola primeira liña entre Cornes e Carril e da que esta semana se conmemorou o 148 aniversario
-
01
1873: Primeira liña Cornes-Carril
O 15 de setembro de 1873 inaugurouse a primeira liña de ferrocarril galega, que unía as estacións de Cornes (na foto), a carón de Compostela, e Carril, preto de Vilagarcía. Impulsada pola Sociedade Económica de Amigos do País, a concesión fora recibida en 1861.
-
02
1875: Liña A Coruña-Lugo
Dous anos máis tarde inaugúrase a liña entre A Coruña e Lugo, primeiro treito da liña que uniría a cidade herculina con Palencia e, en xeral, coa Meseta.
-
03
1876: Inauguración do viaduto de Redondela
A vila de Redondela está atravesada por dúas pontes ferroviarias: o Viaduto de Pontevedra (na imaxe, inaugurado en 1884) e o Viaduto de Madrid, inaugurado en 1876, converténdose en todo un símbolo da localidade e en dúas das mellores obras de enxeñaría da época en Galicia. En 1877 inaugurouse en Porto outra gran construción en ferro: a ponte de María Pia sobre o río Douro, deseñada por un dos socios de Gustave Eiffel.
-
04
1881: Liña Vigo-Ourense
En 1881, despois de case dúas décadas de obras entrou en servizo a liña entre Vigo e Ourense. Un entusiasmado Curros Enríquez dedicoulle á ocasión o poema 'Na chegada da primeira locomotora'. "Velaí ven, velaí ven avantando/ comaros e corgas, e vales, e cerros/ ¡Vinde vela, mociños e mozas!/ ¡Saludaina, rapaces e vellos!/ (...) / Tras dela non veñen/ abades nin cregos;/ mais vén a fartura/ ¡i a luz i o progreso!"
-
05
1883: Liña A Coruña-León. Galicia, unida á Meseta
En 1883 complétase a conexión ferroviaria entre A Coruña e León a través de Lugo, Monforte, O Barco de Valdeorras e Ponferrada, que permitía viaxar a Madrid, que un ano antes inaugurara a Estación do Norte.
-
06
1886: Inauguración da ponte sobre o Miño
En 1886 inaugurouse a Ponte Internacional sobre o río Míño, que unía Tui e Valença. Catro anos antes a liña ferroviaria chegara a Valença e había galegos que para chegar a Madrid optaban por viaxar a través de Portugal e Cáceres, un traxecto de só 34 horas, pero máis rápido que as vellas dilixencias.
-
07
1899: Conexión Vigo-Santiago. 1913 Conexión A Coruña-Ferrol
En 1899 complétase a liña entre Pontevedra e Carril, co que xa se pode viaxar por tren entre Vigo e Compostela. Uns anos máis tarde finalizaríase a liña entre A Coruña e Ferrol. Porén, curiosamente, quedaría aínda pendente a conexión entre Santiago e A Coruña. En 1889 a Sociedade de Amigos do País de Santiago deseñara unha rede de ferrocarril que chegaba a case todos os recunchos de Galicia
-
08
1905: Vilaoudriz-Ribadeo
Houbo unha liña ferroviaria que conectaba Ribadeo coas minas de Vilaoudriz, na Pontenova, e que entrou en servizo en 1905. Aínda que o principal obxectivo era a saída do mineral de ferro a través do Cantábrico, había tamén transporte de pasaxeiros. Funcionou ata o ano 1965. Puido ser o xermolo para unha liña que tren que unise Ribadeo co Bierzo, licitándose en 1918 o treito entre Vilafranca do Bierzo e Vilaoudriz, pero este ficou deserto.
-
09
1920: Ferrocarril eléctrico entre Vigo e O Porriño
En 1920 inaugurouse o 'ferrocarril eléctrico' entre Vigo e O Porriño, que non era máis que a continuación do tranvía urbano da cidade olívica, que se transformaba en tren eléctrico para conectala con varias localidades da súa contorna, como A Ramallosa. Aínda que o seu impulsor, Enrique Peinador, quería que o tren chegase ata o balneario de Mondariz, nunca puido completarse esta conexión.
-
10
1943: Inauguración da liña Santiago-A Coruña
En 1943 inaugurouse a liña entre Santiago e A Coruña que completou o actual eixo atlántico e que coincidiu coa entrada en servizo da estación herculina de San Cristobal, que fora rematada en 1935. Era un tren, por suposto, máis lento que o actual, pero que paraba en moitas máis estacións e apeadeiros, moitos desaparecidos na actualidade.
-
11
1944: Accidente de Torre del Bierzo
En 1944 tivo lugar o accidente ferroviarios máis grave da historia do Estado Español, só comparable ao do Alvia en 2013. En Torre del Bierzo o choque dentro dun túnel (hoxe desaparecido) dun tren de pasaxeiros da liña entre A Coruña e Palencia e un mercancías provocou entre 100 e 500 mortos, moitos deles galegos, aínda que a cifra nunca se puido saber con exactitude, debido á opacidade do réxime franquista.
-
12
1957: Viaduto de Gundián
En 1957 inaugurouse a ponte de Gundián sobre o río Ulla, que completaba a liña Ourense-Carballiño e a conexión directa de Galicia con Madrid a través de Zamora. Era a culminación de décadas de traballos, uns proxectos que comezaran xa nos anos 50 do século XIX, máis de cen anos antes.
-
13
1958: Primeiras locomotoras diesel en Galicia
Ao longo do século XX a tecnoloxía do ferrocarril avanzou rapidamente, mesmo en Galicia, aínda que aquí moitos dos novos adiantos chegaran con atraso. En 1958 comezaron a empregarse as primeiras locomotoras diesel en Galicia; en 1963 chegaron os ferrobuses que durante moitos anos serviron para os desprazamentos máis curtos, unindo as cidades e vilas galegas; aínda en 1966 desapareceron as locomotoras de vapor; e só en 1980 implantouse o Talgo para as conexións con Madrid, 30 anos despois de que comezara a usarse na liña Madrid-Irún
-
14
1972: Liña vía estreita Ferrol-Xixón
En 1972 complétase a liña de vía estreita (FEVE) entre Ferrol e Xixón, que durante décadas uniu todas as localidades costeiras do norte de Galicia e do resto do litoral cantábrico. Dende hai un tempo sofre un proceso de desmantelamento, malia as críticas e denuncias de entidades sociais.
-
15
2011: Inauguración da Alta Velocidade entre Ourense e Santiago
As conexión de alta velocidade tardaron moitos anos en chegar a Galicia. Só no ano 2011 inaugurouse a liña entre Ourense e Santiago e catro anos máis tarde completouse o eixo atlántico entre A Coruña e Vigo, que dende o ano 1997 contaban cos trens TRD, o que xa supuxera un pequeno avance. Mentres, continuaron desmantelándose o resto de servizos ferroviarios e continuou sen desenvolverse un auténtico servizo de Cercanías
-
16
2013. Accidente do Alvia
O 24 de xulo de 2013 tivo lugar na curva de Angrois, preto xa da estación de Compostela, o accidente do Alvia, no que faleceron 80 persoas e resultaron feridas 144. Foi o sinistro ferroviario máis grave da historia de Galicia. As vítimas e os seus familiares seguen a reclamar unha investigación máis profunda e a asunción de responsabilidades políticas polo sucedido. A raíz do accidente, Adif e Renfe iniciaron unha revisión dos seus protocolos de seguridade.
-
17
2021: O AVE
No remate deste ano 2021 completarase a conexión de alta velocidade entre Galicia e a Meseta, coa inauguración dos derradeiros treitos, despois de varias décadas de proxectos e obras.