Marcos Pérez Pena

Unha ducia de fitos dos 40 anos do Consello da Cultura Galega

En xullo de 1983 o Parlamento galego aprobou a lei do Consello da Cultura Galega, que en novembro elixiu o seu primeiro presidente e comezou a súa actividade. A institución conmemora este ano o seu 40 aniversario e faino cun gran número de actividades. Repasamos unha serie de momentos na historia da entidade, encargada polo Estatuto de Autonomía da "defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego"

  1. 01

    Unha institución prevista no Estatuto de Autonomía

    "Correspóndelle á Comunidade Autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Con tal finalidade, e mediante lei do Parlamento, constituirase un Fondo Cultural Galego e o Consello da Cultura Galega". O Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 prevé no seu artigo 32 a creación dunha institución para a defensa e promoción da cultura do país.

    A Lei 8/1983, do 8 de xullo, de creación do Consello da Cultura Galega, desenvolve este artigo, creando a institución. En cambio, o Fondo Cultural Galego nunca se converteu nunha realidade.

  2. 02

    Lei do Consello da Cultura Galega (1983)

    A Comisión Asesora da Cultura Galega, nomeada no ano 1982, foi a encargada de elaborar as bases do Proxecto de lei do Consello. Esa comisión estaba presidida por Xosé Filgueira Valverde e tiña 22 membros, entre eles Rafael Baltar (Museo do Pobo), José Manuel Suárez Núñez (reitor da USC), Manuel Iglesias Corral (Academia de Xurisprudencia e Lexislación), Ramón Lorenzo (Instituto da Lingua Galega), Francisco Fernández del Riego (Fundación Penzol), Agustín Sixto Seco (Padroado Rosalía de Castro), Xesús Alonso Montero, Ramón Castromil, Isaac Díaz Pardo, Ramón Piñeiro ou Manuel Sánchez Salorio. Entre eles, ningunha muller.

    O proxecto entrou no parlamento en abril de 1983 e foi aprobado o 8 de xullo como Lei 8/1983, converténdose nunha das primeiras normas aprobadas polo Parlamento galego

  3. 03

    Ramón Piñeiro, primeiro presidente (1983)

    En novembro de 1983 tivo lugar a primeira reunión plenaria desta entidade, da que saíu elixido presidente Ramón Piñeiro, que ocupou este cargo durante os sete primeiros anos da institución, ata o seu falecemento en agosto dese ano

  4. 04

    Congreso sobre Rosalía de Castro (1985)

    Neses primeiros anos o Consello da Cultura foi creando as súas estruturas, ponencias e comisións técnicas. As comisións de Lingüística, de Patrimonio Histórico-Artístico e Patrimonio Ecolóxico estiveron entre as primeiras, en 1984.

    Tamén se levan a cabo as primeiras actividades. Unha das máis destacadas das realizadas polo CCG nos seus primeiros tempos foi o Congreso Internacional Rosalía de Castro e o seu tempo, en 1985

  5. 05

    Encontro sobre culturas minoritarias europeas (1987)

    Outra das actividades máis destacadas desta primeira etapa foi o 'Encontro sobre culturas minoritarias europeas', celebrado en 1987 no Hotel Araguaney coa participación, entre outros expertos, de Robert Lafont.

    Así mesmo, o ano 1988 dedicouse a homenaxear a Pedrayo. Cinco congresos internacionais deron conta da relevancia da súa figura e o seu tempo

  6. 06

    Congreso Internacional de Arquitectura Institucional (1990)

    O evento cunha participación máis masiva nesta primeira etapa foi o Congreso Internacional de Arquitectura Institucional, celebrado en 1990 no Auditorio de Galicia coa asistencia de case un milleiro de persoas.

  7. 07

    Inauguración da nova sede do CCG (1994)

    En 1994 foi inaugurada a nova sede do CCG, situada no Pazo de Raxoi, despois dunha rehabilitación a cargo de Pedro de Llano.

  8. 08

    Carlos Casares, presidente (1996)

    Ramón Piñeiro foi sucedido na Presidencia do CCG por Xosé Filgueira Valverde, que ocupou o posto entre 1990 e 1996. Nese ano Carlos Casares foi elixido presidente, manténdose no cargo ata o seu falecemento en en 2002. Durante a súa xestión o Consello da Cultura adquire unha maior presenza social e dinamismo

  9. 09

    Xornadas sobre o ensino superior da arte dramática (1998)

    Baixo a presidencia de Carlos Casares, o CCG acolleu en 1998 unhas Xornadas sobre o ensino superior da arte dramática, que significaron o xermolo para a creación, no ano 2005, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Na imaxe, Manuel F. Vieites, Damián Villalaín, Carlos Casares e Ramón Castromil.

  10. 10

    Posta en marcha de Culturagalega.org (2000)

    O 10 de outubro do ano 2000 bota a andar o portal Culturagalega.org, unha das webs pioneiras en Galicia, que leva máis de dúas décadas desenvolvendo o seu labor informativo.

  11. 11

    Ramón Villares, presidente (2006)

    Alfonso Zulueta de Haz converteuse no cuarto presidente do Consello da Cultura Galega en 2002 e no ano 2006 foi sucedido polo historiador Ramón Villares, que ocupou o cargo durante doce anos, o período máis longo de xestión na Presidencia da institución. Durante o seu mandato fomentou a promoción exterior da cultura galega e un achegamento ao países lusófonos, que deu lugar á incorporación do CCG á Comunidade dos Países en Lingua Portuguesa (CPLP).

  12. 12

    Concerto das Letras Galegas (2011)

    Dende o ano 2011 o Consello da Cultura Galega organiza todos os anos un Concerto das Letras Galegas, dedicado á figura homenaxeada na ocasión. Os recitais adoitan celebrarse na comarca de orixe do ou da protagonista do Día das Letras, como sucedeu en 2022 con Florencio Delgado Gurriarán (O Barco) ou en 2021 con Xela Arias (Vigo)

  13. 14

    Rosario Álvarez, primeira presidenta (2018)

    No ano 2018 Rosario Álvarez converteuse na primeira presidenta da institución, sucedendo a Ramón Villares. Baixo a súa xestión naceron proxectos coma o Álbum de Galicia (2019) ou o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (2019), o cuarto arquivo do CCG, que busca "facer visibles e promover a presenza e achegas das mulleres á cultura galega e constituír un lugar de consulta do material relativo as mulleres na sociedade".

  14. 15

    Conmemoración do 40 aniversario (2023)

    O Consello da Cultura vai celebrar o seu 40 aniversario ao longo de todo este ano 2023 cun gran número de actividades, comezando por oito sesións nas que diversas figuras intelectuais dialogarán sobre o papel da cultura e das institucións culturais. Entre elas, Remedios Zafra, José Luis Villacañas, Peter Kraus ou Josep Ramoneda. Ademais, buscarase visibilizar o fondo propio do CCG, abrir a institución á cidadanía e haberá dous grandes actos conmemorativos