Unha ducia de futbolistas para a selección galega
O vindeiro venres 11 de xuño dará comezo unha nova edición da Eurocopa de fútbol. Ningún galego --nin tan sequera Iago Aspas malia os seus bos números-- foi convocado por España nunha temporada histórica para os xogadores do país, coa mellor marca de goles nos últimos 65 anos e un conxunto de futbolistas que conformarían unha potente selección galega. Velaquí unha ducia deles.
- 01
Diego López
O de Paradela vén de ascender co Espanyol a Primeira División logo dunha excelente temporada. Con 39 anos, mantense na elite logo de pasar por equipos como o Real Madrid ou o Milan. Rubén Blanco e Iván Villar, do Celta, ou Diego Mariño (Sporting) e Ian Mackay (Sabadell), son as alternativas.
- 02
Hugo Mallo
O xogador con máis partidos en Primeira na historia do Celta recuperou o seu mellor nivel nesta tempada nun lateral dereito no que outros galegos do equipo, Kevin Vázquez e Carreira, demostraron tamén a súa calidade.
- 03
Róber Pier
Canteirán deportivista, consolidouse na titularidade no centro da defensa do Levante no final da temporada logo de superar unha grave lesión. Pode actuar de mediocentro pero é utilizado sobre todo nunha zaga na que Alende (Lugo) ou o celtista Fontán destacaron tamén este ano.
- 04
Pablo Insua
O de Arzúa sumou máis de 1.500 minutos en Primeira División co Huesca esta temporada ata que outra importante lesión volveuse cruzar no seu camiño. Central con experiencia no Deportivo, Leganés e mesmo a Bundesliga.
- 05
Angeliño
O de Coristanco converteuse esta temporada nun dos mellores laterais ou carrileiros esquerdos de Europa. Figura do RB Leipzig, sumou oito goles e once asistencias no equipo alemán logo do seu paso pola liga holandesa e a Premier tras deixar a canteira do Deportivo con 15 anos.
- 06
Denís Suárez
Colleitou a súa mellor temporada logo da súa volta ao Celta tras o paso polo Manchester City, Barcelona, Villarreal ou Sevilla. Titular indiscutible na Liga, o xogador de Salceda sería un indiscutible na selección galega, na que o mediocampo tamén se postulan Pedro Mosquera (Huesca), Dani Rodríguez (Mallorca) ou mesmo Álex Bergantiños, de novo líder dun Deportivo en 2ªB.
- 07
Brais Méndez
Nove goles para o de Mos na volta á súa mellor versión e tras asentarse na súa temporada máis completa e na que máis minutos sumou no Celta. David Ferreiro (Huesca) sería outro dos fixos nunha convocatoria da selección galega para o mediocampo onde tamén destacou, en Segunda, Hugo Rama (Lugo).
- 08
Lucas Vázquez
O extremo galego foi indiscutible este ano no Real Madrid, ben no lateral para suplir as numerosas baixas, ben na parte dianteira do equipo. Polivalente e fixo para Zidane, unha lesión afastouno das últimas xornadas de Liga e das súas posibilidades de xogar a Eurocopa.
- 09
Iago Aspas
14 goles e 13 asistencias noutra temporada espectacular da estrela do Celta. Nin así foi tido en conta para a selección española un dianteiro que leva seis temporadas sen baixar dos 14 tantos na Liga e que rolda os 150 desde que debutara no equipo vigués.
- 10
Joselu
Once tantos para o dianteiro centro do Deportivo Alavés, onde foi o máximo goleador do equipo e volveu asinar unha gran temporada. Con experiencia na Premier, na Bundesliga e na Liga, segue a ser un dos dianteiros máis importantes do fútbol español.
- 11
Borja Iglesias
Logo dunha mala xeira que durou demasiado, o santiagués anotou dez goles na segunda volta para rematar con once tantos a súa segunda temporada no Betis. Fundamental na clasificación do equipo andaluz para Europa, regresou ao nivel que amosara no Espanyol e no Zaragoza.
- 12
Lucas, Santi Mina, Jota...
Santi Mina (12 goles e 4 asistencias), Lucas Pérez (4 goles e 4 asistencias) ou Jota Peleteiro son algúns outros futbolistas galegos de ataque que se manteñen na elite e sendo importantes en cadanseus equipos. Máis alternativas para unha selección galega que, de talento ofensivo, vai sobrada.