Marcos Pérez Pena

Unha ducia de galegas e galegos premios nacionais de investigación

Non só en cultura Galicia é unha potencia. A pasada semana tres investigadoras galegas - Beatriz Pelaz, Cristina Blanco e Verónica Bolón- foron recoñecidas co Premio Nacional de Investigación en cadansúa modalidade, dentro do apartado destinado a persoal de menos de 40 anos. Únense a unha longa serie de galardoadas e galardoados con este premio, que concede o Ministerio de Ciencia e que constitúe a convocatoria máis importante para investigadores no Estado.

  1. 01

    Verónica Bolón

    A pasada semana Verónica Bolón Canedo foi galardoada co Premio Nacional de Investigación María Andresa Casamayo na área de matemáticas e tecnoloxías da información e as comunicacións, na modalidade de Talento Novo. O xurado recoñeceu o seu traballo en múltiples áreas da aprendizaxe automática, destacando a investigación para a promoción da sustentabilidade da intelixencia artificial, usando os seus algoritmos de selección de características para o diagnóstico de enfermidades ou a detección de verteduras no océano.

    Verónica Bolón Canedo é profesora Titular da Universidade da Coruña no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información e investigadora no CITIC.

  2. 02

    Cristina Blanco

    Na mesma convocatoria foi tamén galardoada Cristina Blanco Sío-López, Premio Nacional de Investigación María Moliner de Humanidades 2024 (Modalidade Talento Novo). O xurado destacou a súa traxectoria no ámbito internacional e os seus recoñecidos estudos sobre o proceso de integración europeo.

    Cristina Blanco é Investigadora Distinguida Sénior no Equipo de Investigación Sociedades en Movemento (ESOMI) da Universidade da Coruña, na Facultade de Socioloxía.

  3. 03

    Beatriz Pelaz

    A terceira galardoada galega foi Beatriz Pelaz, que recibiu o maior recoñecemento en España para persoal investigador novo na modalidade Felisa Martín Bravo. O Ministerio de Ciencia recoñeceu con este premio "a excelencia e calidade do seu traballo con marcado recoñecemento internacional e o seu liderado e independencia científica no ámbito dos nanomateriais avanzados con aplicacións terapéuticas".

    Beatriz Pelaz é profesora e investigadora do Centro Singular en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago.

  4. 04

    Felipe Criado Boado

    As tres premiadas da convocatoria 2024 dos galardóns únense aos investigadores galegos premiados anteriormente, comezando polo compostelán Felipe Criado Boado, que o pasado ano recibiu o Premio Nacional de Investigación Ramón Menéndez Pidal na área de Humanidades. Felipe Criado foi recoñecido "polas súas achegas pioneiras e innovadoras á arqueoloxía que contribuíron á nosa comprensión de como as sociedades humanas interactuaron e modificaron a paisaxe no transcurso da historia".

    Criado é Director do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, con sede en Santiago.

  5. 05

    Belén Riveiro Rodríguez

    Un ano antes, nos galardóns destinados ao persoal investigador de menos de 40 anos, Belén Riveiro Rodríguez (Cotobade, 1983) foi galardoada co Premio Nacional de Investigación Matilde Ucelay na área de enxeñarías e arquitectura. O xurado destacou a "orixinalidade e o impacto das súas investigacións, que radican na combinación de diferentes disciplinas para dar solución a retos actuais da enxeñaría estrutural" achegando melloras na resiliencia a eventos extremos das infraestruturas do transporte.

    Riveiro é profesora titular na Universidade de Vigo no Grupo de Investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas

  6. 06

    Carlos Gómez Rodríguez

    Nesa mesma convocatoria de 2022, tamén na modalidade de talento novo, o profesor da UDC Carlos Gómez Rodríguez recibiu o Premio Nacional de Investigación María Andresa Casamayor na área de matemáticas e tecnoloxías da información e as comunicacións. O xurado recoñeceu "a orixinalidade e o impacto das súas achegas ao desenvolvemento de algoritmos que incorporan a linguaxe natural a contornas dixitais propios da intelixencia artificial".

    Carlos Gómez Rodríguez, nacido en Murcia en 1982, é catedrático da Universidade da Coruña e investiga no CITIC - Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación

  7. 07

    María José Alonso Fernández

    No ano 2021 María José Alonso Fernández obtivo o Premio Nacional de Investigación Juan de la Cierva, na área de Transferencia de Tecnoloxía. O Ministerio recoñeceu "a excelencia da súa traxectoria científica no ámbito da nanomedicina", así como a súa "importante achega para a adecuada e equilibrada transferencia de tecnoloxía e coñecemento". 

    Nacida en León e asentada en Compostela dende os 18 anos, María José Alonso é catedrática do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago e xefa do grupo Nanobiofar do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). 

  8. 08

    Manuel Francisco Carreiras Valiña

    O lucense Manuel Francisco Carreiras Valiña recibiu en 2020 o Premio Nacional de Investigación Pascual Madoz na área de Ciencias Sociais. O xurado destacou que o seu traballo é "unha referencia internacional no campo do procesamento da linguaxe, no ámbito da psicoloxía experimental".

    Formado na Universidade de Santiago, despois dunha longa traxectoria por centros de investigación de distintos países no ano 2008 puxo en marcha en Donostia o Basque Center on Cognition, Brain and Language (BCBL), do que é director científico, un centro internacional de investigación interdisciplinar para o estudo da cognición, o cerebro e a linguaxe.

  9. 09

    Enrique Castillo Ron

    Os Premios Nacionais de Investigación entréganse sen interrupción dende o ano 2019 (os destinados a investigadores novos dende o 2022). Anteriormente a súa convocatoria interrompérase en varias ocasións. En 2010 o compostelán Enrique Castillo Ron recibiu o Premio Nacional de Investigación en Enxeñaría Leonardo Torres Quevedo.

    Enrique Castillo é profesor da Universidad de Cantabria e é recoñecido internacionalmente como un dos mellores expertos en estatística de valores extremos e en fiabilidade de obras civís.

  10. 10

    Santiago Castroviejo Bolibar

    Un ano antes o moañés Santiago Castroviejo Bolibar recibiu o Premio Nacional de Investigación Alejandro Malaspina na área de ciencias dos recursos naturais. Fíxoo a título póstumo, pois morrera moi pouco antes da concesión.

    Doutor en Bioloxía e botánico, foi director do Real Xardín Botánico de Madrid. Deu nome a un gran número de especies vexetais.

  11. 11

    Félix Vidal Costa

    Xa en 1997 o físico compostelán Félix Vidal Costa foi galardoado co Premio Nacional de Investigación Santiago Ramón y Cajal.

    É catedrático de Física da Materia Condensada da Universidade de Santiago e foi director do Centro de Estudos Avanzados da USC e anteriormente traballara no MIT e na Universidade de París.

  12. 12

    Ángela Ruíz-Robles e Ángeles Alvariño

    Non foron recoñecidas cos Premios Nacionais de Investigación -que comezaron a entregarse nos anos 80 do pasado século- pero dúas investigadoras galegas (ferrolás as dúas) danlle nome a dous destes galardóns. O Premio Nacional de Investigación na área de transferencia de tecnoloxía leva o nome de Ángela Ruíz-Robles. E o Premio Nacional de Investigación na área de ciencias dos recursos naturais leva o nome de Ángeles Alvariño.