Miguel Pardo

Unha ducia de historias de #onosoderbi

Celta e Deportivo enfróntanse de novo este sábado nun derbi en Primeira. Será outro encontro nunha das rivalidades máis igualadas que se coñece de ter en conta as estatísticas. Os coruñeses acumulan seis títulos (unha Liga, dúas Copas e tres Supercopas) e os vigueses máis tempadas en Primeira (48 fronte a 42).

Se sumamos todos os partidos disputados en Liga (Primeira, Segunda e Segunda B), o Deportivo suma 42 vitorias, polas 41 do Celta. En 1ª, o Dépor gañou dous máis có Celta (25-23); en 2ª, hai un empate a 17 vitorias, mentres que nos dous únicos enfrontamentos na 2ªB, os celestes gañaron un e o outro rematou en empate. Este sábado, outro episodio, pero houbo moitos máis. E moitos deles históricos

 

  1. 01

    O primeiro de todos

    Foi un 9 de novembro de 1924. O Celta fundárase un ano antes logo da fusión do Vigo e do Fortuna, unha unión que aproveitaron catro xogadores daqueles equipos (Isidro, Otero, Chiarroni e Ramón González) para fichar polo Deportivo, que nacera en 1906. As reclamacións duns e doutros acabaron coa descalificación do cadro coruñés por aliñación indebida no anterior campionato galego, polo que houbo que agardar ata aquela chuviosa tarde de outono para ver o primeiro derbi dos dous históricos galegos.

    Gañou o Deportivo en Riazor (3-0) con goles de Leonardo e Pereiro (2) nun encontro no que a prensa dunha e doutra cidade temían o comportamento dos afeccionados. No entanto, os xornais acabaron por louvar a deportividade amosada polos seareiros dun e doutro equipo na Coruña.

  2. 02

    O primeiro en Primeira

    Houbo que agardar até despois da guerra civil para que Celta e Deportivo se atopasen na máxima categoría do fútbol español. Foi na cuarta xornada da tempada 1941-42 e os celestes venceron os branquiazuis en Balaídos por 2-1 con dous tantos de Agustín por parte dos vigueses e un de Chacho polos coruñeses.

    Foi a temporada da estrea dos coruñeses na elite, á que chegaran os vigueses dous anos antes. Naquela campaña, os dous equipos galegos asinaron unha excelente traxectoria, rematando na cuarta e quinta posición respectivamente. Era o Deportivo de Acuña, Chao, Chacho ou Guimeráns e o Celta de Alvarito, Cons, Del Pino, Roig ou Agustín.

  3. 03

    1953: Un descenso a cara ou cruz

    O primeiro derbi galego verdadeiramente dramático tivo lugar no verán de 1953. Ambos os dous equipos, xunto a Tetuán, Hércules, Avilés e España Industrial, disputaban unha liguiña de promoción para manterse en Primeira. Deportivo e Celta enfrontábanse nunha xornada clave. O empate valíalle aos dous e dous irmáns -un deles ex directivo dos coruñeses e o outro vicepresidente celtiña- intentaron pactar o reparto de puntos.

    A última hora, o directivo do Celta negouse a pactar e o Deportivo, que non era o favorito, venceu en Balaídos (1-3) con tantos de Corcuera, Oswaldo e un tal Arsenio Iglesias. Os coruñeses salváronse e o Celta estaba abocado ao descenso. No entanto, a renuncia do España Industrial á Primeira División -era filial do Barcelona- permitiulle aos vigueses continuar na elite.

  4. 04

    1970: O Celta empurra o Deportivo a Segunda

    Posiblemente, o precedente máis dramático que se lembra. Deportivo e Celta enfróntase na antepenúltima xornada da tempada 1969-70 e xogan un partido clave para eludir o descenso a Segunda División. Os vigueses gañan en Riazor (0-1) cun tanto do mítico Rivera, centrocampista do Carballiño, a pouco do descanso e que se pode ver neste resumo emitido polo NO-DO.

    O Deportivo acaba descendendo malia gañar os dous últimos partidos, mentres o Celta salva a categoría que tamén abandona o Pontevedra, último clasificado da Primeira División naquela nefasta campaña para dous equipos galegos.

  5. 05

    Outro golpe para o Deportivo

    O 22 de abril de 1973, Deportivo e Celta enfróntanse en Balaídos a cinco xornadas para o final do campionato en Primeira. Loitando ambos os dous por evitar o descenso, un tanto de Sanromán no inicio do encontro dálle a vitoria aos vigueses, que acabarían salvándose cunha vitoria ante o Real Madrid na última xornada.

    O Deportivo, adestrado por Arsenio Iglesias, acaba descendendo a Segunda logo de sumar tan só tres empates nas catro últimas xornadas. Era a confirmación do alcume dun conxunto coruñés coñecido xa como o "equipo ascensor".

  6. 06

    Graves incidentes e fin da concordia

    Hai un derbi que  marcou un antes e un despois. Foi o celebrado en Riazor na antepenúltima xornada do play-off de ascenso a Primeira en 1987. O Deportivo era líder da liguiña e unha vitoria garantíalle case o retorno á Primeira, mentres o Celta precisaba dun triunfo para reengancharse á loita. A dous minutos do descanso, o colexiado Díaz Vega asubía un penalti a favor dos vigueses logo dunha caída de Alvelo a varios metros da área.

    Baltazar anota o gol que lle valería a vitoria ao conxunto celeste e os ánimos, quentes xa pola importancia do encontro e algún incidente nos partidos do campionato regular, acaban por rematar en incidentes entre a policía e numerosos afeccionados. Voou de todo desde un fondo até o campo e a concordia de dúas afeccións que viviran aquel partido mesturadas nas bancadas rachouse pola inconscencia duns poucos. Foi no mesmo ano no que se fundaron os Riazor Blues e os Celtarras.

  7. 07

    A rivalidade volve a Primeira vinte anos despois

    Case vinte anos despois do seu último enfrontamento en Primeira, Deportivo e Celta volvíanse atopar na elite. Foi na primeira xornada do campionato 1992-93 e os coruñeses venceron 2-0 con tantos de Bebeto e Claudio. Tito Vilanova, ex adestrador do Barcelona falecido tras sufrir un cancro, xogara aquel partido, no que errara un penalti.

    Era o Deportivo de Bebeto, Mauro Silva, Fran, Claudio ou Djukic e o Celta de Cañizares, Otero, Vicente, Patxi Salinas ou Engonga. Ao final da Liga, os branquiazuis remataran na terceira posición, clasificándose por primeira vez para Europa, mentres os celestes salvaban a categoría rematando no undécimo posto.

  8. 08

    O Turu sentencia a eliminatoria de Copa

    No inverno de 1999, Deportivo e Celta víronse as caras tres veces seguidas en poucos días. Ademais do partido de Liga, xogouse unha eliminatoria de oitavos de final da Copa do Rei. Na ida, o equipo coruñés chegaba con múltiples baixas que case lle fixeron imposible completar unha convocatoria. Irureta chegou a pedir o aprazamento do partido de Balaídos, pero os branquiazuis, con moitos suplentes, xogaron e gañaron 0-1 con gol de Turu Flores.

    Na volta, con todo a favor dos de Riazor, Cáceres levaba o partido á prórroga cun remate de cabeza a pesar de que o Celta xogaba con dez. Xa no tempo extra, e a tan só un minuto dos penaltis, o Turu Flores volvía amargar o equipo vigués. O dianteiro arxentino converteuse durante anos nun especialista nos derbis.

  9. 09

    Un derbi por todo o alto

    O 18 de decembro de 1999, Deportivo e Celta enfrontábanse en Riazor. Os branquiazuis eran primeiros na clasificación e os celestes, segundos. Ambos os dous equipos impresionaban daquela época co seu bo xogo e os detalles de figuras como Djalminha, Mostovoi, Makaay, Gustavo López, Turu Flores ou Karpin.

    Nun partido con demasiada tensión, para a memoria quedarán os enfrontamentos máis que dialécticos entre Djalminha e Mostovoi. Nun partido no que o Celta dominou máis, o Turu Flores acabou por decidilo a favor do Deportivo (1-0). Foi un derbi por todo o alto.

  10. 10

    Dramas de ida e volta

    O Celta chegaba a Riazor na penúltima xornada da tempada 2003-04 coa necesidade de gañar para soñar aínda con evitar o descenso e ante un Deportivo que nada se xogaba na Liga e que acababa de ser eliminado nas semifinais da Liga de Campións ante o Porto. O equipo vigués caeu goleado (3-0) e despediuse case matematicamente da categoría nun partido dramático para a afección celeste. O actual adestrador do Celta fora expulsado naquel penúltimo encontro dunha tempada onde o Depor tamén goleou o seu rival (0-5) na ida. 

    Unha tempada antes, o Deportivo viaxou a Balaídos a catro xornadas do final con serias opcións de gañar a súa segunda Liga para enfrontarse a un Celta que loitaba por xogar a Liga de Campións. Os branquiazuis recibiron unha malleira (3-0) e despedíronse das súas opcións de volver ser campións.

  11. 11

    Vilalba, o epicentro do derbi galego

    Na tempada 2011-12, e a oito xornadas do final, Celta e Deportivo disputan en Balaídos un derbi vibrante e emocionante na súa loita polo ascenso a Primeira. Os coruñeses adiántanse cun 0-2 con tantos de Lassad e Riki, pero o Celta saca folgos para empatar a pouco do final con tantos de De Lucas e Català. Cando os dous equipos parecían dar por bo o empate, o ourensán Borja acertou a conectar unha cabezada xa no tempo engadido que lle daba tres puntos e medio ascenso ao Deportivo.

    Antes do partido, Praza Pública visitou Vilalba, localidade que conta coas peñas decanas de Deportivo e Celta en Galicia, e realizou unha reportaxe sobre uns colectivos de afeccionados que dan exemplo sobre como tomar a rivalidade

  12. 12

    O himno galego cantado por máis de 30.000 almas

    No derbi da primeira volta, Deportivo e Celta saltaron ao campo ao son do himno galego, cantado polas máis de 30.000 persoas que presenciaron o partido en Riazor. Os branquiazuis venceron no encontro grazas aos goles do coruñés Lucas Pérez e do vigués Jonny en propia porta. No enfrontamento deste sábado, volverá soar o himno e volverá haber mosaico.