Unha ducia de hórreos que son patrimonio cultural e identidade de Galicia
Castelao elevou o hórreo a símbolo de fartura, e así ficou convertido no emblema da editorial Nós. "Fartura de corpo e de espíritu, ese ten que ser o noso país", díxolle Castelao a Ánxel Casal cando lle entregou o gravado de onde despois se obtivo a imaxe. En Galicia hai uns 100.000 hórreos, con diferentes nomes e características (de pedra ou madeira, alongados ou cadrados, individuais ou en conxuntos...). Todos eles foron fundamentais para a subsistencia da poboación no pasado e hoxe fican como patrimonio e como elemento de identidade, moitos deles á espera dun correcto mantemento e, sobre todo, dunha nova función. Velaquí apenas unha ducia deles.
-
01
Hórreo de Carnota
O Hórreo de Carnota é un dos máis coñecidos de Galicia, recoñecido como Monumento Nacional. Cos seus 34 metros de lonxitude, é un chisco máis curto que o seu veciño de Lira, tamén no termo municipal carnotán, durante moito tempo considerado o máis longo do país. De estilo fisterrán, foi construído en 1768 e ampliado en 1783, e forma un fermoso conxunto coa Igrexa de Santa Comba, a Casa Reitoral e o seu pombal anexo.
-
02
Hórreo do Araño (Rianxo)
En realidade, o máis longo é o Hórreo do Araño (Rianxo), con 37 metros de lonxitude e construído no século XVII.
-
03
Hórreo de Poio
O Hórreo situado a carón do Mosteiro de San Xoan de Poio reivindícase como o máis grande de Galicia, pois aínda que é máis curto que os anteriores (30 metros de lonxitude), é máis ancho (3,37 metros), acadando unha superficie meirande. Foi construído a finais do século XVIII.
-
04
Conxunto de canastros da Merca
A maior parte dos hórreos do país érguense de maneira individual, dando servizo a unha casa, pero tamén son habituais os conxuntos, os eirados, especialmente na provincia de Ourense, e moitas veces funcionaban de maneira comunitaria, cun sistema de quendas, coma os muíños.
Destaca neste senso o conxunto de canastros da Merca, o máis importante de Galicia. Son un total de 34, situados a carón do Camiño da Feira.
-
05
Canastros de Quins (Melón)
O conxunto de Quins (Melón) está formado por 24 canastros, dispostos en dous grupos de 10 e 14, respectivamente, no alto da localidade e a carón da igrexa e dun via crucis. Entre eles érguense tres cruceiros que lembran a unha representación do calvario.
-
06
Cabaceiros de Zorelle (Maceda)
A carón da Igrexa de Santiago de Zorelle, en Maceda, mantense un fermoso conxunto de sete cabaceiros, de pedra e madeira, e brillantes cores.
Poderiamos seguir enumerando conxuntos, coma os existentes en Avión (en Barroso e en Beresmo), en Cerdedo-Cotobade (na Eira Grande e na Eira da Ermida), en Carballeda de Avia (Vilar de Condes), en Leiro (Eira de Paredes), na Porqueira (Aira dos Canastros da Forxa) ou en Muros (Bornalle)
-
07
Hórreo de Codeseda (A Estrada)
Un dos grandes problemas que presentan os cen mil hórreos existentes en Galicia é a súa conservación, debido a que a maioría carecen de novos usos e funcións, e a falta de adecuadas rehabilitacións, moitas veces ante a ausencia de profesionais especializados. Porén, nos últimos tempos atopamos algúns exemplos de rehabilitacións moi axeitadas, como a realizada no Hórreo das Quintas (Codeseda, A Estrada).
-
08
Hórreo do Arco (Dodro)
Tamén foi correctamente rehabilitado o Hórreo do Arco (Dodro), construído en 1750 e que conta no seu centro cun arco de pedra. As obras, impulsadas polo concello, foron asesoradas por Apatrigal (Asociación do Patrimonio Galego).
-
09
Hórreo de San Fins de Estacas (Cuntis)
San Fins de Estacas (Cuntis) conta cun fermoso conxunto arquitectónico formado pola súa igrexa e Casa Reitoral, un via crucis e un hórreo de grandes dimensións (uns 15 metros), coa particularidade de que este se asenta nun conxunto de columnas de pedra que conseguen vencer o desnivel do terreo.
-
10
Hórreo do Outeiro (Santa María de Loxo, Touro)
O Hórreo do Outeiro, en Santa María de Loxo (Touro), foi declarado Ben de Interese Cultural en 2017. Nesta comarca, este tipo de celeiros, de maiores dimensións, é denominado hórrea, é adoita erguerse non sobre pés, senón sobre unha estrutura completa, que tamén era empregada como espazo de almacenaxe.
-
11
Hórreos en Combarro
Unha das imaxes máis empregadas (mesmo en exceso) para a promoción turística de Galicia é a dos hórreos construídos a carón do mar, como na fermosa (pero saturada) aldea de Combarro, que contén uns 30. Pero, efectivamente, os hórreos erguíanse moitas veces na mesma ribeira, para favorecer a ventilación do gran contido neles.
-
12
Hórreo no Piornedo (Cervantes)
E do mar á alta montaña, porque os cabazos, cabozos, canastros, canizos, cabaceiras, piornos, paneiras ou ornos esténdense por toda a xeografía do país. Iso si, con distintas denominacións e morfoloxía. Así, os horros da montaña lucense, como estes da aldea de Piornedo, con de planta cadrada, coma os asturianos e rematados cun teito de palla coma as pallozas ás que acompañan.