Unha ducia de ideas para agasallar a un pai
Nas vésperas do 19 de marzo, día do Pai e mais das Pepas e Pepes do mundo, ofrecemos unha ducia de agasallos posibles e tamén algún imposible. Á espera do que nos poida suxerir opaipai, e deixando claro que calquera das suxestións vale tamén para nais, a maioría destas propostas son Made in Galicia / for Galicians. E case todas se poden mercar por internet. Que non se diga!
-
01
Diario dun pai acabado de nacer
Nesta deliciosa crónica Henrique Alvarellos Casas conta de xeito intimista as sensacións desde o momento que soubo que ía ser pai ata que seu fillo fixo cinco anos. Neste tempo o autor tamén perdeu a seu pai, e esa dor mesturada coa ilusión de ver crecer a seu neno fan de Diario dun pai acabado de nacer unha xenial reflexión sobre o papel do pai, unha función que non se adoita tratar tando como a da nai, especialmente no relacionado co embarazo, o parto e os primeiros anos de vida dos fillos. Imprescindible para quen estea nese labor. En Xerais.
-
02
O DVD/CD dos Crebinsky
A moitos pais lles gustan os inventos e as historias da Segunda Guerra Mundial. Se tamén lles presta a música galego-báltica e o cinema galego, o mellor agasallo é este paquete co DVD da película Crebinsky e o CD coa banda sonora, que ademais presta moito para poñer no coche percorreo os cantís da Galicia máis septentrional, e máis surrealista. Por 14,95 € en Toupa.
-
03
Unha táboa para churrasco
A que pai non lle presta o churrasco? Tanto papalo como facelo ou convidar polo día do seu santo na parrillada de confianza. Para os que lles dean ben á brasa e lles guste amañalo na casa, podemos mercar por internet esta táboa para servir o churrasco, con furados para depositar o prebe incluídos. Só 2,99€ en Tenda Galiza.
-
04
Un bautismo de mergullo en Fisterra
Coñecer os nosos fascinantes fondos mariños é unha experiencia ao alcance de quen poida pagar 179 euros por esta Smartbox que ofrece un bautismo-inmersión de 4 horas para quen nunca antes se mergullara. Tamén hai ofertas para os máis experimentados: disque unha vez que probaches quedarás engaiolado de por vida na paixón de andar debaixo da auga.
-
05
Uns calzóns do Rei Zentolo
Agasallar camisolas con motivos simpáticos é un valor seguro, pero aquí gustamos do risco e das persoas que se atreven a levar gallumbos diferentes, como por exemplo este do "Falo galego" con forma de percebe, da colección de primavera-verán de Rei Zentolo. Por 15 euros podemos atopar nas súas tendas este e outros modelos máis. Para pais graciosetes.
-
06
Ou mesmo, sen calzóns
Se de atrevemento falamos, por que non ir a por todas e agasallarlle ao noso pai un Kilt galego como está mandado? Si, polo visto o tartán é un tecido que non só vén de Escocia senón que se empregaba tamén no resto das terras atlánticas, incluída a galega, hai máis de dous mil anos. Así o reivindica a xente de Tartán Gallaecia, que vende por internet estas saias canda os seus complementos: unha camisa enxebre e unha faltriqueira de coiro. Non vaia de gala sen elas.
-
07
Unha desbrozadora
Coa seca que levamos nos últimos meses os nosos montes corren serio perigo de arder este verán. Cómpre pórse mans á obra, e de paso, cumprir o caprichiño que todo home galego do rural ou rururbano alberga aínda que non o admita: manexar unha boa máquina de rozar. Hainas de moitos modelos e prezos, na súa comercial agrícola máis ao xeito. Se aínda non están convencidos vexan este esperrechante capítulo de Era visto: que home non quere unha Jenny para ir gozar con ela ao monte?
-
08
Unha lareira para a Wii
Para os que gusten do rústico pero menos diso de desbrozar e cortar leña, velaquí a sensación de hai un par de invernos aínda dispoñible para a Wii. Trátase de My Fireplace, un invento feitio en Galicia por Continental Games que arrasou en vendas cunha idea moi sinxela, para algúns ata ben parva: unha lareira virtual. Custa 500 WiiPoints na WiiWare.
-
09
Unha lata de lacón con grelos
No capítulo gastronómico, despois da táboa para o churrasco, aquí temos o inventazo para cociñeiros especialistas en usar o abrelatas: o lacón con grelos en lata de Embutidos Lalinense, que se está a converter no produto estrela en canta feira ou foro gastronómico atopamos por aí. Por 14,95€ podemos agasallar o noso vello cun kilo de lacón cos seus grelos, patacas e chourizo, ao que só lle cómpren 2 minutos de microondas. Do corazón do Deza á súa despensa, señor. Especialmente indicado para quen teña a seu pai na emigración.
-
10
Un curso para facer Gin Tonics
Despois dun bo lacón con grelos presta unha boa dixestión, e a moda é dixerir con Gin Tonic. Pero, como saberán, non vale un "llintoni de bifiter" como se pedía antes, agora hai tantas xenebras diferentes como tónicas, aderezos ou maneiras de preparalos. Se seu pai ten ínfulas de gourmet do combinado, o agasallo perfecto é este curso que organiza María Fechoría (a empresa creada polo sumiller galego Xoán Cannas) o vindeiro 21 de marzo en Vigo e o 22 en Santiago. Custa 25 euros e aínda quedan prazas, mesmo para agasallar.
-
11
Uns paus de billarda
Despois de comer e beber, recomendémoslle ao noso vello algo de deporte, e se cadra un que xa practicou cando era novo: a billarda. En Tenda Galiza venden este xogo de paus para xogar por 10 euros. Para aprender a xogar hai completa información na Galipedia, e despois xa saben: a inscribirse na LNB.
-
12
Unha camiseta dos 20 anos dos Heredeiros da Crus
Os Heredeiros fan 20 anos, e aínda que a maioría deles son respetables pais de familia iso non lles quita de volver os escenarios coa caña de sempre e milleiros de devotos fans, dos de aquela e dos de agora. Se teu pai é da súa quinta seguro que apreza algo do merchandising desta xira, que se pode mercar na tenda de Aira Pro e mais nos seus concertos. Unha entrada para volver velos este verán tampouco sería mal agasallo, non. Aquí un petisco.