Praza Pública

Unha ducia de imaxes da chegada do ser humano á Lúa

Estes días conmemórase o 50º aniversario da primeira chegada do ser humano á Lúa, en xullo de 1969. A lembranza da misión do Apolo XI trouxo consigo numerosas actividades divulgativas e tamén evocou as imaxes tomadas polos astronautas que chegaron ao noso satélite, moitas das cales é posible recuperar no arquivo gráfico aberto da NASA. Velaquí unha ducia delas, todas de dominio público.

  1. 01

    O lanzamento

    O 16 de xullo de 1969 a NASA lanzou o Apollo 11 dende o centro espacial Kennedy, en Florida. A bordo, o comandante Neil Armstrong xunto con Michael Collins, responsable do módulo de pilotaxe, e Edwin Aldrin, ao cargo do módulo luar.

  2. 02

    O módulo luar, sobrevoando a Lúa

    O módulo luar orbitou en torno ao satélite durante a misión do Apollo 11. Nesta imaxe dispúñase a ensamblarse ao módulo de mando da misión. Ao fondo, a Terra.

  3. 03

    A pegada

    Unha das imaxes máis icónicas da chegada á Lúa, a das pegadas dos astronautas na súa superficie.

  4. 04

    As andainas

    As imaxes dos paseos pola superficie da Lúa deron a volta ao mundo como proba da fazaña. Na imaxe, Edwin Aldrin fotografado por Neil Armstrong nunha desas andainas. Menres, Michael Collins orbitaba en torno ao satélite.

  5. 05

    Unha perspectiva inédita da Terra

    A chegada do ser humano á Lúa ofreceu tamén perspectivas ata ese momento inéditas do planeta Terra, nunha imaxe semellante á que é habitual ver do propio satélite, durante a noite, dende a superficie terrestre.

  6. 06

    Os traballos sobre a Lúa

    Unha vez lograda a chegada á Lúa, Armstrong e Aldrin tiveron que realizar múltiples traballos de pescuda e recolleita de mostras. Na imaxe, tomada por Armstrong, o seu compañeiro ao carón do módulo luar. Ao seu redor, moitas das pegadas que tornaron en iconas da viaxe.

  7. 07

    Recollida de mostras

    Durante dúas horas e medias de exploración da superficie luar, os astronautas do Apollo 11 recolleron algo máis de 20 quilos de materiais, segundo datos da NASA. Na imaxe, Aldrin realiza un estudo sísmico. 

  8. 08

    Detalles da fazaña

    Unha das misións dos astronautas era, precisamente, recoller todos os detalles posibles da chegada á Lúa mediante as cámaras fotográficas preparadas especialmente para a ocasión. Na imaxe detivéronse nos detalles das súas propias pegadas, neste caso fotografadas dende o módulo luar, chamado Eagle.

  9. 09

    O primeiro paso do segundo

    Armstrong pasou á historia como o primeiro ser humano en pisar a Lúa, ensombrecendo en certo xeito o traballo dos seus dous compañeiros. Nesta imaxe Aldrin, o segundo en descender do módulo, disponse a dar o seu primeiro paso sobre a superficie da Lúa.

  10. 10

    A bandeira

    A carreira espacial era tamén -se cadra, sobre todo- unha carreira política en plena Guerra Fría na que os Estados Unidos pretendían demostrar a súa primacía sobre a Unión Soviética, pioneira na exploración espacial. A misión do Apollo 11 quixo deixar claro que era estadounidense despregando a bandeira dos EUA sobre o satélite durante a exploración do Mar da Tranquilidade.

  11. 11

    Os cráteres

    A misión do Apollo 11 permitiu observar cunha nitidez ata ese momento inimaxinable a superficie do sastélite e os seus cráteres. Na imaxe, o cráter Dédalo, tomada durante un dos voos orbitais da misión.

  12. 12

    O regreso

    Os astronautas regresaron á Terra e foron recuperados a unhas 800 millas de Hawaii, moi preto do punto previsto segundo os seus cálculos.