Marcos Pérez Pena

Unha ducia de Imaxes da Transición

Hai 35 anos, o 15 de xuño de 1977, celebráronse as primeiras eleccións despois da morte de Franco. Con defectos, inxustizas, cesións ou violencia, pero a democracia volvía a España despois de corenta anos de ditadura franquista. A Transición non foi un proceso doado, tivo tirapuxas e momentos transcendentais. Tamén en Galicia, onde ademais se pelexaba polo autogoberno. Ao final, como dixo Manuel Iglesias Corral, "aquí pasou o que pasou".

  1. 01

    Por onde comezar?

    A historiografía dubida á hora de escoller o momento no que se inicia a Transición en Galicia; poderíamos fixar a fundación dalgún dos primeiros partidos políticos (UPG, PSG, PCG...), as mobilizacións estudantís en Compostela en 1968 ou as obreiras en Ferrol e Vigo en 1972. Pero pola súa importancia simbólica e porque funcionou como escola de mobilización para moitos, podemos comezar o relato en Castrelo de Miño e na loita popular (e académica) contra a construción do encoro en 1965.

  2. 02

    O noso 68

    Galicia tamén tivo o seu 68, e antes que París, ou Praga, ou México ou Berkeley. O que comezou como unha protesta puntual como un reitor prendeu en todo o estudantado e mesmo deu lugar, en paralelo, a fenómenos coma Voces Ceibes. Foi, tamén, unha escola de demócratas e de dirixentes: en primeira liña estiveron varios futuros deputados e algún que outro presidente autonómico.

  3. 03

    Erguéstesvos cedo aquel día...

    Erguéstesvos cedo aquel día, o costumbre do traballo, mañá cediño pra facernos coa vosa morte. Así lle escribiu Uxío Novoneyra a Amador e Daniel, mortos pola policía o 10 de marzo de 1972 en Ferrol, unhas mobilizacións nas que houbo moitos feridos de bala e ducias de detidos (o proceso dos 23). Seis meses despois foron os obreiros de Vigo os que saíron as rúas, en solidariedade cuns traballadores despedidos en Citröen.  Durante dúas semanas vinte mil traballadores fixeron folga.

  4. 04

    Franco ha muerto

    Poderiamos comezar a historia, in medias res, este 20 de novembro de 1975. O final de 40 anos de terror e de silencio. 

  5. 05

    Os primeiros organismos democráticos

    AN-PG, APG, Xunta Democrática de Galicia, Táboa Democrática, Consello de Forzas Políticas Galegas... Ao longo de 1976 agromaron e creceron as asembleas, partidos e plataformas de esquerdas que apostaban por unha ruptura co réxime anterior, mentes en Madrid o tándem Arias-Fraga, e máis eficazmente despois Adolfo Suárez, encarreiraban a reforma política

  6. 06

    A loita pola terra

    Encrobas, Baldaio, Xove, autoestrada, pasteiras, montes comunais..., conforman o cerne do imaxinario revolucionario da Transición en Galicia. Loitas que tiñan en común a loita pola terra, polos dereitos dos habitantes das zonas rurais e polo medio ambiente. Temos nas retinas os axentes da garda civil nas Encrobas, as carreiras en Baldaio, a marcha a pé e os enfrontamentos finais en Xove... Historia en fotogramas.

  7. 07

    Primeiras eleccións

    Dise que UCD era unha empresa creada para xestionar a Transición, levala a porto seguro, e que cando cumpriu a súa función, as distintas familias que a compuñan a desfixeron. Tamén se pode dicir que ao marcar as regras do proceso (o sistema electoral, o momento da legalización do PCE, o control dos medios de comunicación...), Suárez tiña as eleccións gañadas. Sexa como for, UCD gañou e en Galicia directamente arrasou, obtendo 20 dos 27 escanos, mentres que AP tivo 4 e o PSOE 3. PSG e PCG obtiveron un resultado moito máis baixo do agardado.

  8. 08

    Galicia quere autonomía

    Primeiro foron Catalunya (con Tarradellas e o seu Ja soc aquí) e Euskadi as que recuperaron as súas institucións de autogoberno, que mantiveran vivas no exilio. E Galicia tamén reclamou o seu organismo preautonómico, no camiño a un Estatuto de Autonomía. O 4 de nadal de 1977 medio millón de galegos e galegas (e case todos os partidos, agás AP e o BNPG) reclamaron nas rúas o autogoberno.

  9. 09

    A aldraxe

    O proceso de redacción do Estatuto de Autonomía foi longo e cheo de obstáculos, pero a Comisión dos 16, formada por representantes de UCD, AP, PSOE, PCG, POG, PTG e PG, redactou un texto que estaba á altura dos documentos vasco e catalán. Porén, este Estatuto foi recortado sucesivamente, e unha vez que chegou a Madrid, un acordo entre UCD e PSOE quixo facer da norma galega o novo límite para o desenvolvemento do Estado das Autonomías. Por un lado Catalunya e Euskadi, do outro todas as demais, encabezadas por Galicia. Os deputados galegos do PSOE plantáronse e outros partidos, coma Unidade Galega (POG, PSG e PG) e PCG encabezaron unha masivas mobilizacións nas rúas, de novo un 4 de nadal, pero de 1979.

  10. 10

    O mar galego non deixou de sufrir

    Polycommander (1970), Erkowit (1973), Urquiola (1976), Andros Patria (1978) e despois Cason (1987), Mar Egeo (1992) e Prestige (2002). Os anos setenta foron especialmente duros, cun accidente importante cada dous ou tres anos. E a iso temos que sumar os verquidos de residuos nucleares holandeses ou alemáns que se realizaban na foxa atlántica, a poucas ducias de quilómetros da costa galega. En 1980 un pequeno pesqueiro de Ribeira, o Xurelo, cun grupo de activistas ligados a Esquerda Galega, entre eles Manuel Méndez, Gonzalo Vázquez Pozo ou un novísimo Manuel Rivas, dirixiuse á foxa, para deter os verquidos. Dous anos de presión, en Galicia e en Holanda, conseguiron eliminar esta práctica.

  11. 11

    Galicia cambiou, e moito

    En realidade, moi por riba de eleccións, estatutos, manifestacións e demais, o que pasou en Galicia na Transición foi algo moito máis importante e decisivo. Aquí houbo unha mudanza sociolóxica, demográfica, de hábitat, da estrutura produtiva... O sector primario, claramente maioritario en 1960 (máis de dous terzos da poboación activa), perdeu importancia rapidamente e vinte anos despois xa ocupaba a só un terzo da poboación, para logo seguir descendendo. Isto provocou, como primeiro efecto, un importante transvase de poboación do campo ás cidades, que creceron moi rapidamente, retroalimentando o sector servizos. Isto foi o que pasou.

  12. 12

    Reconversión

    A reconversión industrial, en España e tamén en Galicia, acadou maior notoriedade a mediados da década, pero xa dende finais dos setenta se comezara a notar en industrias como Ascón. A Transición creou a España dos anos oitenta, a súa cultura e o deseño da súa estrutura produtiva, orientada xa cara ao ingreso na CEE e na apertura de mercados. A reconversión industrial, polo tanto, non se pode desligar do relato.

  13. 13

    "Anque chova, vota"

    Curiosamente, o 21 de nadal de 1980 non choveu. Pero así e todo, apenas o 28% dos galegos votou no referendo para aprobar o noso Estatuto actual. Fora un proceso moi longo e que desgastou moito, e a verdade é que a só uns poucos lles importaba a consecución da autonomía. Agora, seguramente a cousa sería ben distinta.

  14. 14

    "Aquí pasou o que pasou"

    E así foi, despois de idas e vidas, Galicia votou o seu Parlamento en outubro de 1981. O amazonas cambiou o seu curso e UCD, que iniciaba a súa descomposición, non foi o partido máis votado. O gañador para sorpresa de todos foi a AP de Fernández Albor, ou a AP de Fraga e Barreiro Rivas, mellor dito. Aquel primeiro Parlamento tiña a Mariano Rajoy, tivo tres deputados menos (os do Bloque.PSG que foron expulsados), tiña uns Camilo Nogueira e Geluco Guerreiro moi activos e tiña mesmo un grupo de deputados galeguistas nas fileiras do PSOE. Pero falar diso sería comezar outra ducia.