Unha ducia de imprescindibles en Cineuropa 31
Os camiños do cinema son inescrutables mais sempre converxen en Santiago de Compostela no festival de festivais que é Cineuropa. Este ano, na súa 31ª edición, ademais de traernos coma sempre unha ampla selección do mellor cinema europeo e internacional, aproveita o centenario da Revolución de Outubro para ofrecernos unha ampla retrospectiva sobre o século XX e as súas convulsións político-cinematográficas. En total, máis de 250 filmes e só tres semanas para gozalos, de entre todos aquí vai unha ducia de imprescindibles.
-
01
El autor (Manuel Martín Cuenca)
Merecidísimo Premio Cineuropa para o director Manuel Martín Cuenca, ás veces esquecido e inxustamente valorado malia asinar dúas das mellores películas do cinema español dos últimos anos: La mitad de Óscar (2010) e Caníbal (2013). Na súa última película El autor adapta a primeira novela de Javier Cercas sobre un escritor disposto a todo por crear a súa gran novela.
Sábado 11, 19:30h
-
02
Hikari / Cara á luz (Naomi Kawase)
Coa sensibilidade e talento ao que nos ten afeitos, a directora xaponesa propón unha historia de amor entre unha audiodescritora e un fotógrafo que está a perder a visión, co protagonismo desa luz especial entre o día e a noite que en fotografía se coñece como “hora máxica”. Se Kawase fose galega, ben podería titular esta obra como Luscofusco.
Sábado 11, 19:30h / Luns 13, 23:30h / Martes 14, 20:30h
-
03
Le Grand Méchant Renard et autres contes / O malvado raposo feroz (Benjamin Renner)
No ciclo Cineuropa Miúda atopamos un raposo que non é tan malvado nin tan feroz como lle gustaría. Unha das películas de animación do ano, dos creadores da multipremiada Ernest & Célestine e baseada nun cómic do propio director.
Sábado 11, 12:00h, 16:00h / Sábado 18, 15:45h
-
04
Ex libris: New York Public Library (Frederick Wiseman)
Do mesmo xeito que fixo coa Universidade pública de Berkeley en 2013 ou coa National Gallery de Londres en 2014, o lendario director Frederick Wiseman mergúllanos agora noutra institución clave da cultura occidental: a Biblioteca Pública de Nova York. Aos seus noventaetantos posúe unha capacidade única para marabillarnos durante máis de tres horas. Se o mundo fose un lugar ideal Wiseman sería eterno e regalaríanos unha película destas cada ano.
Domingo 12, 19:30h / Martes 14, 19:30h / Venres 17, 18:15h
-
05
120 battements par minute / 120 pulsacións por minuto (Robin Campillo)
Esta historia sobre mozos activistas contra a SIDA no París dos 90 converteuse nunha das películas francesas do ano e foi seleccionada polo seu país para os Óscar. Ao seu paso por Cannes fixo moito ruído, pero non puido con The Square e finalmente levou o Gran Premio do Xurado, que non é pouco.
Luns 13, 21:00h / Mércores 15, 20.00h / Sábado 18, 22:15h
-
06
L’amant d’un jour / Amante por un día (Philippe Garrel)
Unha película de Philippe Garrel, fan falta máis motivos?
Luns 13, 19:30h
-
07
Le fond de l’air est rouge / O fondo do aire é roxo (Chris Marker)
Dentro do ciclo Novecento: o século das revolucións atopamos máis de 75 películas. Poderían recomendarse moitas cousas desde as ficcións de Godard ou Bellocchio ata os documentais de Patricio Guzmán. Pero de entre todas non está de máis destacar unha das obras cume do mestre do ensaio por excelencia: Chris Marker. Un repaso urxente dos 60 e 70 coa habilidade de xuntar imaxes que só el ten.
Venres 17, 17:30h
-
08
Visages, Villages / Caras e lugares (Agnès Varda e JR)
Outra icona: Agnès Varda. A chamada “avoa da Nouvelle Vague” hai pouco dixo que máis que avoa era xa un “dinosauro”, pero non nos engana; o seu espírito é novo e o seu cinema, inmortal. Aquí demóstrao xunto ao artista urbano JR nunha road-movie documental.
Sábado 18, 17:45h / Domingo 19, 17:30h / Martes 21, 20:00h
-
09
A fábrica de nada (Pedro Pinho)
Que mellor maneira de celebrar o centenario da Revolución que cun musical obreiro? Esta sorprendente proposta valeulle a Pedro Pinho o premio da crítica na Quincena dos Realizadores de Cannes. Cineuropa aproveita a ocasión e dedícalle unha retrospectiva.
Domingo 19, 19:15h / Luns 20, 17:30h / Venres 24, 17:45h
-
10
Estiu 1993 / Verán 1993 (Carla Simón)
A ópera prima desta directora catalá é o fenómeno cinematográfico do(s) noso(s) país(es), un drama autobiográfico dunha sensibilidade exquisita. Co aval triunfante de Berlín e Málaga puido estrearse comercialmente, este Premio Cineuropa é unha nova oportunidade para vela, pero seguro hai máis. Moitas vidas esperan por unha pequena película catalá que terá moito que dicir nos Goya e quen sabe se nos Óscar.
Domingo 19, 19:45h
-
11
Hong Sang-soo
Aquí facemos trampa, porque o director coreano non ten unha, senón tres! películas: The day after e La caméra de Claire, que pasaron por Cannes, e On the Beach at Night Alone, que estivo en Berlín (con premio á mellor actriz). A aqueles que estean familiarizados coa súa filmografía non lles estrañará este ano tan prolífico. Pola contra, quen non o coñezan teñen a oportunidade de descubrir o excelente estado de forma dun dos directores máis interesantes do mundo.
-
12
A estación violenta (Anxos Fazáns)
Cineuropa nunca perde o pulso do cinema galego e para demostralo aí está o sempre suxestivo Panorama Audiovisual Galego que este ano ademais detense no cinema de Alberte Pagán. E como acontecemento, a preestrea d'A estación violenta, a ópera prima da novísima (25 anos!) Anxos Fazáns que adapta a novela homónima de Manuel Jabois.
Sábado 25, 20.30h