Unha ducia de libros infantís e xuvenís en galego premiados internacionalmente
Este sábado 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, que conmemora o nacemento de Hans Christian Andersen. A calidade da LIX en galego é recoñecida ano a ano por numerosos galardóns e traducións a linguas diversas. Velaquí unha mostra a través de 12 obras en galego incluídas nas últimas dúas décadas na Lista IBBY (International Board on Books for Young People), que se realiza cada dous anos.
-
01
Tinta de Luz
No ano 2017 Pepe Cáccamo e Berta Cáccamo publicaron en Chan da Pólvora este fermoso libro, unha obra "especialmente indicada para estimular o sentido lúdico dos xogos de palabras, introducir as nenas e os nenos na xeometría, ao tempo que lles propoñen un exercicio da fantasía mediante a liberdade da cor". Tinta Luz foi incluído na Lista de Honra do IBBY no ano 2020, dous anos despois do pasamento de Berta Cáccamo
-
02
Lendo lendas, digo versos
Nesta listaxe de obras en galego galardoadas incluímos os libros escollidos para formar parte da lista do IBBY, pero poderían estar outros que mereceron premios coma o White Ravens ou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, que gañaron varios autores e autoras galegas, como Paco Martín, Xabier Docampo, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas ou Antonio García Teijeiro.
Antonio García Teijeiro conta tamén con varias obras incluídas na Lista IBBY, como Lendo lendas, digo versos (premiado no 2018), escrito con Antonio Reigosa e con ilustracións de Xosé Cobas.
-
03
Escarlatina, a cociñeira defunta
No ano 2016 Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas con ilustracións de Víctor Rivas, foi incluído na lista do IBBY. A obra publicada en Xerais recibira xa numerosos premios, coma o Merlín de Literatura Infantil do ano 2014 ou o Neira Vilas ao mellor libro Infantil e Xuvenil.
-
04
Palabras de auga
No 2014 o libro en galego na lista IBBY foi Palabras de auga, de Marcos Calveiro, con ilustracións de Ramón Trigo, gañador tamén do Premio Merlín en 2012 e publicado polo tanto en Xerais. A obra é unha viaxe cara ao interior do continente africano e da súa cultura, mais tamén un camiño iniciático cara á madurez.
-
05
Chamádeme Simbad
Chamádeme Simbad, de Francisco Castro, aparece na Lista IBBY do ano 2012. A obra publicada en Galaxia está protagonizada por un avó que é un pirata que non lembra nada e Paulo, un mariñeiro que vive as aventuras con el.
-
06
O único que queda é o amor
Unha trama de fíos invisibles une as vidas dos personaxes deste libro de relatos que parte dunha cita de Orhan Pamuk: “na vida o único que queda é o amor”. Todos namoran e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro e facerlles a vida doutro xeito. Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008, aparece na Lista de Honra do IBBY 2010.
-
07
A sombra descalza
A sombra descalza, de An Alfaya, recibiu numerosos recoñecementos, coma o Premio Lazarillo de Creación Literaria, o Premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil ou o Premio The White Ravens antes de ser incluído na Lista de Honra do IBBY do ano 2008.
Na obra de Xerais, unha emocionante e descarnada novela sobre a recuperación da dignidade das mulleres e a necesidade de esculcar no pasado para facelo, Elsa, unha moza de dezaseis anos, vive asfixiada nun ambiente poboado de segredos familiares procedentes dun pasado escuro.
-
08
O país de amarnos
No ano 2006 a lista do IBBY incluíu o poemario 'O país de amarnos' de Ana María Fernández con ilustracións de Xosé Cobas. Son poemas "que nos falan e nos convidan a buscar o espazo no que gardamos as emocións e no que nos podemos sentir, libremente, namorados do amor".
-
09
Pel de lobo
Pel de lobo (Xerais), de Xosé Miranda, obtivo o Premio Merlín de Literatura Infantil no 2002 e aparece na Lista do IBBY do ano 2004. Trátase dunha novela de aventuras e terror que recrea o mito popular e literario do lobishome e que constitúe unha homenaxe á memoria de tódolos habitantes das montañas de Lugo e Ourense
-
10
Aire negro
Aire negro, de Agustín Fernández Paz, obtivo o Premio The White Ravens en 2001 e foi incluído na lista de honra do IBBY no 2002. Na obra a visita ao doutor Vítor Moldes de Laura Novo, unha muller coa memoria borrada, desencadea unha serie de acontecementos, propiciando que agromen os terrores máis fondos da paciente.
-
11
Anxos en tempos de chuvia
Anxos en tempos de chuvia (Xerais), de Miguel Vázquez Freire, é unha novela de finais dos anos noventa do pasado século que trata temas como a problemática dos accidentes de tráfico, a droga, o consumo de alcohol, a sida, o rock bravú ou a lingua e a identidade galegas.
-
12
Na fogueira dos versos
O duodécimo e derradeiro libro aparece na Lista de Honra do IBBY de 1998. O poemario Na fogueira dos versos, de Antonio García Teijeiro, con ilustracións de Enjamio, obtivera previamente o Premio Merlín do ano 1996. Partindo de versos escollidos dunha longa nómina de poetas (dende Curros ou Celso Emilio ata Xohana Torres, Luz Pozo ou Bernardino Graña), o autor desenvolve, recrea e reinventa o tema principal da composición.