Ana G. Liste

Unha ducia de libros para ler cos pícaros antes da volta ao cole

Achégase a volta ao cole pero queda moito tempo libre que compartir coas crianzas, por iso seleccionamos unha ducia de libros que poden ler elas e eles sós, ou que lles podemos contar os adultos. As historias non rematan nas páxinas dos libros e poden acompañar nos últimos días de praia deste agosto con altas temperaturas.

  1. 01

    Onde caben dous...

    Onde caben dous... de Cristina Oleby e ilustrado por Xiana Teimoy está publicado por Ediciones Jaguar. Mapache, Lebre, Sapo e Curuxa únense á cea romántica que preparou Raposo neste divertido álbum ilustrado para lectoras e lectores a partir dos tres anos de idade.

  2. 02

    Curriño. Benvido ao equipo

    Curriño. Benvido ao equipo, editado por Xerais, é a terceira entrega desta historia da viguesa Ledicia Costas. O can influencer métese nunha aventura, esta vez fóra da súa mansión, e contará con dous novos amigos como aliados. Para lectoras e lectores de seis anos en diante. E, coma xa sucedeu nos dous libros anteriores, con autocolantes na derradeira páxina!

  3. 03

    Os ratos da casa

    Os ratos da casa, que edita Kalandraka, forma parte dunha serie para lectoras e lectores a partir dos 3 anos de idade sobre as peripecias dunha intrépida familia de roedores. Un conto rimado que vai encadeando palabras, con estruturas propias da nosa tradición oral, escrito por Oli e ilustrado por Natalia Colombo.

  4. 04

    Puntiño e Borrón

    Puntiño e Borrón, de Anna Taraska con ilustracións de Daria Solak, pertence á colección petos de Triqueta verde. A nena Puntiño vive nun caderno con liñas. De maior gustaríalle converterse no punto do «i», pero de momento o que máis lle gusta é xogar, rubir polas liñas superiores e quedar con Borrón. Cando o seu amigo desaparece sen deixar rastro, a Puntiño vénselle o mundo enriba. Para atopalo, deberá emprender unha gran viaxe por outros cadernos.

  5. 05

    Pirata pregunta por ti

    Pirata pregunta por ti, escrito por Ana María Fernández e ilustrado por Lili Algo, pertence á colección Árbore da Editorial Galaxia para lectoras e lectores a partir dos oito anos. É a historia dunha nena que queda como responsable do gato da súa avoa falecida. Pirata, o gato, segue a buscar á avoa pola casa.

  6. 06

    Labores do lugar

    Labores do lugar recolle nove profesións con futuro que poden desenvolverse na contorna rural. Susana Peix e Víctor Mascato son os autores deste libro divulgativo pensado para nenas e nenos maiores de oito anos, que ilustra Jaume Mora para a editorial Cumio. Cada vez máis persoas apostan por establecerse no rural, neste libro achégannos a aquelas profesións que se dan nun pobo de costa, relacionadas co campo, o mar, os animais, a alimentación ou a artesanía local.

  7. 07

    A pés descalzos

    A pés descalzos, escrito pola artista e terapeuta polaca Katarzyna Samosiej, é un álbum ilustrado que axuda a comprender ás persoas que senten todo con alta intensidade. Foi traducido do polaco ao galego por Ana Garrido e revisado por María Reimóndez para a colección Verdemar de Alvarellos Editora, e está pensado para lectoras e lectores a partir dos seis anos. Este volume incorpora unha explicación didáctica moi útil para entender ás persoas PAS (Persoas con Alta Sensibilidade).

  8. 08

    A última fronteira

    A última fronteira, ilustrado e escrito por Cecilia Heikkilä, e traducido ao galego por David Álvarez, narra a historia de avó e osiño, que comparten o soño de visitar a última fronteira: un lugar especial e difícil de atopar cheo de criaturas salvaxes e marabillosas, un lugar onde o aire arrecende a arume de piñeiro, un lugar que só viron nunha postal. Está editado por Patas de Peixe para lectoras e lectores de 0 a 99 anos.

  9. 09

    Un becho estraño

    Un becho estraño, de Mon Daporta e Óscar Villán e editado por Kalandraka, é un conto para contar, cunha rima e un ritmo que enganchan á historia. Un libro de pequeno formato que segue a fórmula dos chamados contos sen fin, que xa se lle pode dar aos bebés.

  10. 10

    Seis leiras e un piano

    Seis leiras e un piano é un poemario da xornalista e filóloga compostelá Claudia Castro para nenas e nenos de 11 anos en diante, que edita Xerais e conta coas ilustracións de Laura Tova. “Son poemas para seren lidos en voz alta. Para cantalos e acompañalos con xestos e palmas. Pero tamén para reflexionar sobre o fondo que moitos gardan e comentalos posteriormente en animadas paroladas. É boa poesía. E diso se trata”, salienta o poeta Antonio García Teijeiro no epílogo do libro.

  11. 11

    Cando o mundo é azul

    Cando o mundo é azul, de Óscar Reboiras, foi a obra gañadora do VII Premio de literatura infantil Carlos Mosteiro. Nuno vive coa súa nai. Encántalle pintar e ler. Enche centos de follas cos seus debuxos, e sempre usa a mesma cor, o azul. Un día aparece na casa un home grande e inchado coma os globos das festas. É o seu avó, que vai vivir con eles, pero Nuno non sabe moi ben para que serven os avós. Edítao Galaxia na colección Árbore, a partir dos oito anos.

  12. 12

    Dona Carme

    Dona Carme é un libro para primeiros lectores do mestre e editor vigués Manuel Bragado. Publicado en 1989 por Ir Indo edicións, Triqueta verde recupérao nunha nova edición con ilustracións de Iván R para a súa colección Canto Conto Conta, que nos devolve historias para espantar o medo e o frío ou para explicar o mundo.