Praza Pública

Unha ducia de Libros para o verán

Que si, que xa está aquí o verán. A area, as barrigas morenas, as cunchas e os pés a remollo no río. É tempo de folgar e é tempo de ler, de levar á praia eses libros que levas meses con gana de ler. Falamos cunha ducia de escritoras e xornalistas e pedímoslles que nos recomendasen un libro para ler este verán.

  1. 01

    Iria (Anxo Angueira)

    Marcos Calveiro recomenda a última novela de Anxo Angueira, editada por Xerais, "para ler nun dos fermosaos areias do mar de Arousa pola súa lingua que se saborea no padal como gorentosa cereixa".

  2. 02

    Os fillos do mar (Pedro Feijoo)

    Rosa Aneiros tamén queda no mar (en que estará pensando?) e recoméndanos Os fillos do mar, de Pedro Feijoo, que define como "un baño refrescante no Buraco do Inferno das Ons e na historia de Vigo".

  3. 03

    Das cousas de Ramón Lamote (Paco Martín)

    Marta Veiga, xornalista de El Progreso, queda cun clásico, porque o verán tamén é un bo tempo para reler eses libros que nos marcaron. Conta que Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín, "foi o primeiro libro de narrativa que lin en galego" e recoméndao "porque a profesión de mestre de chairego e pintor de soños é envexable" e "por reivindicar a literatura infantil e xuvenil de primeirísimo nivel que fan os autores galegos".

  4. 04

    Cristo parou en Éboli (Carlo Levi)

    Samuel Solleiro recoméndanos Cristo parou en Éboli, as memorias noveladas do escritor Carlo Levi durante o seu exilio na aldea de Aliano, no sur de Italia. Di que tirou a recomendación de The Pillars of Hercules de Paul Theroux "e descubrín con gran sorpresa que existe unha tradución galega de Silvia Gaspar publicada por Xerais". A edición é de 1990 e parece estar máis que descatalogada, cumprirá explorar librarías de vello e bibliotecas.

  5. 05

    Castelao na Unión Soviética en 1938 (Xesús Alonso Montero)

    O xornalista Iago Martínez queda con Castelao na Unión Soviética en 1938, de Xesús Alonso Montero, que está lendo estes días, "porque Castelao atrevíase a denunciar naquela altura o que algúns se resisten a confesar aínda hoxe: que a democracia liberal é unha tapadera".

  6. 06

    En vías de extinción (María Reimóndez)

    Fran Alonso escolle En vías de extinción, de María Reimóndez, unha obra que comeza a circular estes días, "unha novela directa, desconcertante, profundamente sincera, protagonizada por un personaxe chamado Gaia, e constitúe unha reivindicación do valor da diferenza e da singularidade nos nosos días como elemento imprescindible para construír a pluralidade".

  7. 07

    Stratos (Miguelanxo Prado)

    A banda deseñada, as novelas gráficas e demais tamén son literatura. A poeta e xornalista Xiana Arias escolle para ler este verán Stratos (tamén podería ser Trazo de Xiz, di), agora que por fin podemos ler en versión orixinal a Miguelanxo Prado.

  8. 08

    Xardin de inverno (Ledicia Costas)

    A recomendación de María Lado é un libro de poemas que vén de saír. É Xardin de inverno, de Ledicia Costas, un libro "moi agradable de ler, con imaxes moi vivas e sorprendentes e versos de ritmo cautivador, que ao tempo conteñen unha reflexión sobre a perda dun ser querido. E cunhas fotografías de Daniel Puente Bello tamén moi fermosas". María Lado engade que "a poesía é unha lectura de verán excelente, porque che permite ir lendo pequenos textos e disfrutar do sol ao mesmo tempo".

  9. 09

    Dúas Letras (Fina Casalderrey e Eloy Varela)

    Francisco Castro recomenda Dúas Letras (Galaxia), de Fina Casalderrey e Eloy Varela, que contén o libro e a película en DVD. E faino "por explicar fermosamente, tanto no texto literario como na fita, a dor da emigración galega e dos que esperan".

  10. 10

    Diabolus in Música. Conversas con Rogelio Groba

    O xornalista Diego Giráldez queda con Diabolus in Música. Conversas con Rogelio Groba, de Manrique Fernández (Galaxia). É un libro que nace das conversas do xornalista co compositor na hora do café diario e "trascende da intimidade para ser un documento histórico imprescindible que ofrece a oportunidade de entender non só a inmensa aportación de Groba á música culta galega, senón tamén de bucear no seu pensamento, na súa relación co país en diversos ámbitos". Giráldez salienta que "convida á reflexión". Ademais, o libro inclúe un CD con pezas da obra do compositor "que harmoniza á perfección coa lectura conseguindo un conxunto refrescante". 

  11. 11

    Grupo Abeliano (Cid Cabido)

    Agustín Fernández Paz le moito, e por iso cando lle pedimos que recomendase un libro para ler no verán, recomendou catro, comezando por Grupo Abeliano, de Cid Cabido, "unha novela distinta dentro do panorama da literatura galega. Moderna, divertida, iconoclasta... magnífica!". Pero Agustín tamén levará na maleta Xente ao Lonxe, de Blanco Amor; Herba Moura, de Teresa Moure; e Os outros feirantes, de Álvaro Cunqueiro.

  12. 12

    A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño

    O xornalista Alberto Ramos, colaborador de Praza e Dioivo, recomenda A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño (Laiovento), de Xosé Manuel Fernández Castro. Di que "á espreita de que Positivas comece a publicar as súas obras completas á volta do verán, nestes meses non estaría mal que nos foramos armando para o Ano Vidal Bolaño". Ramos cóntanos que esta obra nos presenta "unha biografía e unha análise clara do que significou esta figura cuxo ollo crítico e o seu talento incisivo conformarían, hoxe por hoxe, un rescate dos de verdade, un rescate que nos salvase de tanta orfandade e tanto páramo". 

  13. 13

    A perspectiva desde a porta (Patricia Janeiro)

    Mario Regueira recomenda A perspectiva desde a porta, de Patricia Janeiro, "unha novela fluída, escrita con mestría que tivo o valor de tocar o tema político co dramatismo xusto e sen arengas nin discursos maniqueos".

  14. 14

    Laura no deserto (Antón Riveira Coello)

    E para rematar, a xornalista Montse Dopico recoméndanos, Laura no deserto (Galaxia) de Antón Riveiro Coello, "pola súa prosa engaiolante, pola fondura do retrato psicolóxico das personaxes, pola súa reflexión sobre a condición humana e o que podemos chegar a facer en circunstancias extremas, polo valor da súa pescuda na documentación sobre as historias de vida das vítimas do franquismo e do nazismo. Porque engancha desde a primeira páxina, malia ter 700. E porque non deixará a ninguén indiferente".