David Lombao

Unha ducia de ligazóns entre Galicia e Escocia

Ao pobo escocés deixáronlle votar e máis da metade decidiu quedar onde estaba, no Reino Unido, aínda que con máis autogoberno. Desmóntase así o plan lanzado polo vigués que se lanzou a recoller sinaturas para propoñerlle a David Cameron que, se Escocia marchaba, Galicia ben podía ocupar o seu lugar. Para isto alegaba unha serie de semellanzas entre os dous países que agora recuperamos e á que nós nos atrevemos a engadir algunha máis.

  1. 01

    As gaitas

    Unha das máis evidentes. O instrumento nacional de ambos países é o mesmo e, da banda galega, mesmo chegamos a unha hibridación que amosamos por todo o mundo da man da Real -para algunhas persoas, "irreal"- Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. O conxunto, por outra banda, xa ten experiencia co repertorio escocés.

  2. 02

    No fútbol, de Celta a Celtic

    Escocia ten o Celtic de Glasgow e nós, o Celta de Vigo.

  3. 03

    Somos países verdes

    Temos unhas paisaxes ben semellantes. É certo, así e todo, que a nosa veciñanza do norte ten máis querencia pola ordenación territorial e menos polos nosos idiosincráticos peches con somieres, ladrillos vistos e demais enxeñarías populares.

  4. 04

    O gusto polo bo vivir...

    ... e polo bo beber. Mesmo temos un amor especial pola cervexa, coma o pobo escocés.

  5. 05

    As persoas de pelo rubio e loiro

    Un dos poucos estudos existentes sobre a distribución das persoas rubias en Europa indica que Escocia e Irlanda son, xunto con algúns territorios do leste, as zonas do continente con máis persoas rubias. En Galicia estamos uns 8 puntos por baixo, pero por riba de boa parte do sur europeo. Se a isto lle engadimos as persoas loiras, xa temos outro punto en común.

  6. 06

    A chuvia

    Nisto si que somos ben semellantes. En Galicia e en Escocia chove moito, aínda que alí o fai un chisco máis. Os mapas pluviométricos ratifican a crenza popular.

  7. 07

    Somos un pobo de artistas

    Aínda que haxa a quen lle pese, a cultura galega é vizosa e diversa. E a escocesa, tamén.

  8. 08

    Somos un país Atlántico

    Báñanos o mesmo océano e, en sentido amplo -mar por medio-, somos países limítrofes. A Commonwealth xa ten chegado bastante máis lonxe!

  9. 09

    As bandeiras

    A bandeira galega e a escocesa teñen certas semellanzas, tanto se ollamos cara ás enseñas actuais como cara ás históricas.

  10. 10

    A monumentalidade de Compostela e Edimburgo

    As nosas dúas capitais destacan pola súa monumentalidade e a súa historia pétrea. Mesmo polas súas catedrais.

  11. 11

    Un idioma propio

    Hai a quen lle gustaría que o galego siga o camiño do gaélico en canto ao seu uso e futuro, pero ese é outro conto.

  12. 12

    O licor café na botella de Cardhu

    Histórica e frutífera alianza.