Unha ducia de liortas
Poden ser espectaculares ou case imperceptibles, ser froito de grandes conflitos ou algo tan habitual como a chuvia no inverno. As liortas, as leas, as refregas forman parte da vida e, ás veces, ata teñen un aquel de risa.
-
01
De tráfico
Non son poucas as persoas caracterizadas pola calma na súa vida diaria que sofren unha transformación ao estaren sentadas ao volante dun vehículo. Esa mudanza radical pode ser o xermolo dunha boa liorta de tráfico, xa sexa por un adiantamento con pouco xeito ou por unha entrada indebida nunha rotonda. Estas liortas teñen unha variante específica na acción de estacionar, na que ordes como "corta" ou as distincións entre esquerda e dereita poden derivar nunha boa lea.
-
02
Polos marcos
Poucas liortas hai máis galegas que as vinculadas aos marcos, xa sexan dunha leira, dun concello ou (xa non digamos) dunha organización política. Un exemplo deste tipo de liortas está no límite administrativo entre Galicia e Asturias, unidas e separadas por unha ría que desta banda é "de Ribadeo" e da outra, "del Eo". E xa está a liorta montada.
-
03
Pola herdanza...
... recibida ou por recibir. Non son poucas, por desgraza, as familias nas que houbo unha ou dúas palabras máis altas do debido a conta dunha herdanza por recibir. No que atinxe á recibida, real ou virtual, xa hai ríos de tinta e mares de bits escritos ao respecto dun tipo de herdanza especialmente elástica que, como o papel, ten conta do que lle boten enriba.
-
04
Por pagar
"-Cóbrame -Non, cóbrame a min! -Cóbrame a min! -Como lle cobres, non che volvo!". Diálogos coma este poden ser o inicio de grandes liortas, nun atávica -e pouco explicable- tradición que converte a cortesía ou mesmo a amizade nunha imperdoable afrenta. E todo, por impedir que a persoa do lado sexa quen convide.
-
05
Polo tempo
Se hai un tema que dá para falar, ese é o tempo atmosférico. Hai quen conta que en determinadas zonas do país, como A Mariña lucense, hai unha caste de pacto non escrito para dicirlle a quen chega nun día de chuvia que o seu é mala sorte, xa que os días anteriores foron "dun sol precioso". Pobre de quen contradiga que "onte non se movía unha folla" ou, pola contra, "que nunca tanto frío fixo coma esta semana".
-
06
Polo fútbol
Ou polo deporte en xeral. Por cuestións técnicas ou por puras filias e fobias, os enfrontamentos deportivos poden chegar a non entender de razóns. Galicia, tan dada a enfrontarse intestinamente, ten no fútbol unha escusa como calquera outra para ter unha liorta co veciño do norte ou do sur.
-
07
As periódicas
A do fillo ou filla coa familia cando forza a hora de chegar á casa. A da parella cuxos membros non dan acordado se poñer os pés no sofá é ou non axeitado. A sesión de control parlamentaria cada dúas semanas. Son episodios de liorta de baixa intensidade nos que, agás excepcións, non pasa nada especialmente grave nin nada que non estea máis ou menos previsto.
-
08
As de mentira
As liortas simuladas poden ser empregadas con utilidades diversas, especialmente en momentos da vida como a adolescencia, onde "facer que pelexamos" pode adquirir un sentido difícil de entender para a xente adulta. Non obstante, ninguén acadou ata o momento unha cota máis alta de enfrontamento simulado que a dos presuntos loitadores e loitadoras de Pressing Catch, o espectáculo de suposta loita libre que a infancia de finais de principios dos anos 90 podía, por algún motivo, ver en televisión nas mañás dos domingos. Anos máis tarde, o espazo de televisión Muchachada nui deitou algo de luz sobre o asunto.
-
09
As enquistadas
Son liortas que se remontan moitos anos atrás e cuxa resolución semella difícil. En Galicia se hai unha liorta enquistada esa é a do localismo. Con puntos álxidos como o debate da capitalidade a comezos dos 80, cuestións como os aeroportos fana rexurdir con vigor de norte a sur e de sur a norte.
-
10
As autóctonas
Gardan unha notable relación coas enquistadas e teñen especial incidencia no ámbito da política. Estas liortas poden derivar en longos debates, en votacións ou mesmo en separacións pouco amigables, segundos os casos.
-
11
As que non deberan ter que producirse
Como as que se producen derivadas da defensa dos dereitos das persoas, caso por exemplo do dereito á vivenda digna.
-
12
As que se esquecen
Porque nada é tan importante cando hai un obxectivo común... Disque.