Unha ducia de lugares de América que tomaron o seu nome de Galicia
A relación entre Galicia e América foi continua e intensa nos últimos 500 anos. Primeiro como navegantes e colonizadores, despois como emigrantes ou exiliados, milleiros de galegos e galegas cruzaron o Atlántico, nunha viaxe que moitas veces foi de ida e volta e que nas últimas décadas se fixo, sobre todo, na dirección contraria. Foi moito o que América deu a Galicia, pero tamén os galegos e galegas deixaron unha pegada imborrable no continente, comezando polos nomes, a toponimia, que dende o norte á Patagonia reproduce denominacións de diversos lugares do noso país. Velaquí algúns deles.
-
01
Corunna, en Michigan (EUA)
No condado de Shiawassee, en Michigan, no medio dos Grandes Lagos, existe unha cidade chamada Corunna. A localidade, de 3.497 habitantes e cun pasado mineiro, foi fundada en 1837. Un dos fundadores, Andrew Mack, escolleu o nome de Corunna (a grafía da cidade herculina en inglés) xa que coñecía a Coruña galega, á que viaxara anos atrás buscando mercar ovellas. Non só tomou o nome senón tamén, como se ve na imaxe, a Torre de Hércules para o escudo da localidade.
Non lonxe desta Corunna hai outra, en Ontario (Canadá), fundada por un veterán da Batalla de Elviña, Lord Beresfold, que chegou ao lugar en 1823, 14 anos do enfrontamento militar. Ademais, escolleu o nome de varios dos seus compañeiros de batalla para as rúas de Corunna e mesmo chamou Mooretown (por Sir John Moore) a unha localidade próxima.
-
02
Nova Galicia (México)
Os colonizadores do actual México bautizaron como Nova Galicia un territorio que abranguía os actuais estados de Jalisco, Nayarit, Aguascalientes e Zacatecas e que formaba parte do Virreinato de Nova España (pero moitas veces independente na súa adminitración), como recolle este mapa de Willem Janszoon Blaeu, realizado en Amsterdam en 1635.
O nome oficial era inicialmente Reino de la Nueva Galicia. En 1786 a Provincia de Nueva Galicia converteuse na Intendencia de Guadalajara,
-
03
Compostela (México)
A segunda capital dese Reino de la Nueva Galicia foi unha localidade chamada Compostela, ata que a capitalidade pasou a Guadalajara. A vila, denominada Compostela de Indias, Santiago de Compostela de la Nueva Galicia ou Coactlán, sitúase no actual estado de Nayarit. Foi fundada en 1540, despois de que a primeira localidade bautizada como Compostela e designada como capital (Tepic) tivese que ser desaloxada polos colonizadores por mor dos ataques nativos.
-
04
Chiloé (Nova Galicia)
Houbo en América outra Nova Galicia, no sur de Chile (o arquipélago de Chiloé) e neste caso a denominación parecía obrigada á vista das paisaxes que se poden ver nestas illas. En 1567 os conquistadores españois (moitos deles galegos) atoparon unha semellanza moi grande coa Galicia europea, polo que non dubidaron en chamar Nova Galicia a estas terras. Buscábase, ademais, honrar a Rodrigo de Quiroga y López de Ulloa, nacido en Pantón en 1512, que fora designado Gobernador de Chile.
Catro séculos despois Blanco Amor, que visitou Chile en 1949 e 1950, ficou impresionado pola paisaxe de Chiloé, que tanto lle lembraba á súa Galicia.
-
05
Ponte Vedra Beach, en Florida (EUA)
Do sur, ao norte. En Florida atopamos un Pontevedra (en realidade Ponte Vedra Beach) que, en realidade, non foi fundado por galegos nin por ter semellanzas coa Pontevedra orixinal. A cidade, hoxe con 30.000 habitantes, foi fundada en 1929 a partir dun inicial asentamento mineiro chamado Mineral City. Na procura dun nome máis atractivo e tendo en conta que a zona fora colonizada inicialmente por España, buscouse nun mapa algunha localidade española que ficase fronte a estas praias.
Erroneamente calcularon que Pontevedra estaba na mesma latitude (en realidade a vila galega está moito máis ao norte) e así escolleron o nome.
-
06
Orense (Arxentina)
En Arxentina tiña que haber algunha localidade con nome galego e, en efecto, haina: Orense. Trátase dunha pequena localidade duns dous mil habitantes na costa sur da provincia de Bos Aires, fundada en 1910 en terras doadas por Ángela Santamarina de Temes, filla de Ramón Santamarina, nacido en Ourense e que fixo fortuna en Arxentina cun negocio de carretas para posteriormente converterse en terratenente.
A carón de Orense sitúase o Balneario Orense, tamén coñecido como Punta Desnudez, e que destaca pola beleza das súas praias.
-
07
Península Ferrol (Perú)
Na costa do Pacífico, en Perú, está a Penísula de Ferrol, situada entre a baía de Chimbote e a baía de Samanco e preto da cidade da importante cidade de Chimbote, de máis de medio millón de habitantes. A orixe do nome non está tan clara coma noutros casos, pero cóntase que os exploradores españois que chegaron a este lugar, algún deles de orixe galega, atoparon semellanzas coa costa ferrolá.
Trátase dun lugar, ademais, especialmente golpeado pola contaminación por mor dos vertidos urbanos e industriais ás augas. Hai dous anos, ademais, un vertido responsabilidade de Repsol deitou 6.000 barrís de petróleo no mar.
-
08
Santiago de los Caballeros (República Dominicana)
Hai moitos Santiagos no mundo, cuxo nome procede directamente do Apóstolo, ao igual que o nome da cidade de Compostela. No caso de Santiago de los Caballeros, a segunda maior urbe da República Dominicana, a cidade foi fundada en 1515 tomando o nome da actual capital galega, engadíndolle o seu apelido porque os seus primeiro poboadores foron trinta cabaleiros da Orde de Santiago.
-
09
Cerro Galicia (Venezuela)
Non é unha localidade habitada, pero no norte de Venezuela unha importante elevación leva o nome de Cerro Galicia, o punto máis elevado da Sierra de San Luis, con 1.600 metros de altitude.
-
10
Betanzos (Bolivia)
Temos tamén un Betanzos, en Potosí (Bolivia). Trátase dunha localidade de cinco mil habitantes situada a 3.200 metros de altitude. O seu nome procede de Juan Díez de Betanzos y Araos, un explorador e cronista nacido probablemente no Betanzos galego en 1510. Foi un dos poucos conquistadores españois que aprendeu o quechua, lingua o imperio Inca, o que lle permitiu ser o intérprete de Francisco Pizarro. Posteriormente casou con Angelina Yupanqui, curmá e prometida de Atahualpa, o derradeiro monarca inca.
-
11
Río Gallegos (Arxentina)
A cidade arxentina de Río Gallegos, capital da provincia de Santa Cruz e porta da Patagonia, recibe o seu nome do piloto Vasco Gómez Gallego ou Blasco Gallego, un dos mariñeiros que formaba parte da tripulación de Fernão de Magalhães e Juan Sebastián Elcano que completou a primeira volta ao mundo. Gallego foi o primeiro en avistar o río que dende entón leva o seu nome e que bautizou posteriormente este asentamento.
-
12
Toponimia galega nas viaxes de Colón
Nos últimos anos vense falando moito da posibilidade de que Cristóbal Colón, cuxa identidade sempre estivo cuberta por un gran número de enigmas, sexa galego. Un dos argumentos empregados pola Asociación Cristóbal Colón Galego para defender a galeguidade do navegante é a gran cantidade de topónimos de orixe galega empregados por Colón para dar nome a lugares e accidentes xeográficos no Caribe nas súas primeiras viaxes. Topónimos procedentes, principalmente da Ría de Pontevedra e das Illas Ons.