Houbo un tempo no que todo evento ou conmemoración que se prestase tiña que ter mascota de seu. Eran personaxes polo xeral riquiñas, que ficaban na memoria colectiva e que a infancia cobizaba para decorar camisolas ou estoxos escolares. A década dos 90 foi, probablemente, a última idade de ouro para as mascotas. Houbo, no entanto, tentativas posteriores, pero con éxito máis ben discreto.

  1. 01

    Pelegrín

    A mascota galega por excelencia de, cando menos, as dúas décadas. Creada como emblema maior do Xacobeo 93, sobreviviu con plena vixencia ata a seguinte edición do evento, en 1999, e en 2004 xa comezara a ser relegado. A Xunta chegou a anunciar unha nova vida para Pelegrín no Xacobeo 2010, pero finalmente preferiu defenestralo. A gran icona xacobea que chegou a ter unha versión disque feminina, a mesma que tivo un himno nas voces de Montse e Luís Queimada, sobrevive agora nalgúns corazonciños e pouco máis.

  2. 02

    Cobi

    A obra de Mariscal para os Xogos Olímpicos de Barcelona chegou ao imaxinario colectivo uns meses antes que Pelegrín. Seica era un can e mesmo chegou a ter unha serie de debuxos animados. "Cobi / mascota xenial / vive / xunto ao mar en Barcelona", dicía a cabeceira da súa versión galega, emitida pola TVG.

  3. 03

    Curro

    En 1992, compartindo protagonismo con Cobi, Curro personificou (ou paxarificou?) a Expo de Sevilla. O paxaro multicor aínda sobrevive, cando menos, nunha web conmemorativa daquela exposición universal. Na parte inferior esquerda da pantalla saúda co seu habitual sorriso e mesmo se lle poden facer preguntas. Proben, proben...

  4. 04

    Naranjito

    O último éxito español en materia de mascotas ata a chegada do devandito Curro. Era unha alegre laranxa de Valencia vestida coas cores da selección española de fútbol para o Mundial de 1982, no que España non tivo un gran éxito.

  5. 05

    Xubi

    Agárrense, que veñen curvas. Tras o despedimento de Pelegrín houbo quen tentou ocupar o baleiro nos nosos corazóns con Xubi, sorrinte mestura de lámpada e pera que mesmo chegou a ter un grupo de seu no Facebook, pero relativo ao "medo" que daba. Igual que veu, marchou.

  6. 06

    Mexi-Llón

    Na senda de Xubi. Foi, neste caso, a elección da Deputación de Pontevedra para darlle sabor ás tiradas da Volta Ciclista España que transcorrían pola provincia. Aproveitando que a carreira partía dunha batea naceu este peculiar personaxe.

  7. 07

    Xaco e Cami

    Porque sempre se pode ir un chisco máis alá. Cando xa estábamos máis ou menos repostos de coñecermos a Mexi-Llón a Xunta sorprendeunos neste 2014 con Xaco e Cami, peregrinos que non saben de fatiga e que, cun permanente -e un chisco desacougante- sorriso recibiron os ciclistas da Vuelta 2014.

  8. 08

    Wippy

    Os 90 fican cada vez máis lonxe. Así e todo, hai quen pensa que aínda se pode estirar un chisco a era das mascotas para, neste caso, ilustrar os colectores de reciclaxe de roupa en cidades como Santiago. Wippy, chámanlle.

  9. 09

    Xabarín

    Moito máis que unha mascota. O compañeiro de xogos de toda unha xeración da infancia galega. O porco bravo con máis agarimo polo galego que algunhas políticas lingüísticas.

  10. 10

    Ciao, Italia

    No punto oposto dos Xubis, Xacos e Camis está a estilizada mascota do Mundial de Italia en 1990. Descoñecemos, no entanto, se pretendía ou non ser unha persoa. 

  11. 11

    O pingüín de Linux

    Riquiñísima mascota para darlle folgos ao software libre.