Unha ducia de medos
Os días de Samaín, Santos e Defuntos son unha boa escusa para ollarmos dentro dos miolos e ver que cousas nos arrepían. O medo, como sentimento irracional, pode estar vinculado a case calquera cousa, física ou imaxinaria, e pode chegar a ser paralizante. Estes son algúns, pero hai moitos maís.
-
01
Á escuridade
Na escuridade non se ve e, polo tanto, nela pode haber calquera cousa. Non son poucas as persoas que aceleran o paso por unha rúa escura na que dá medo ata que non pase nada. Se a escuridade é no interior e cadra co silencio nocturno, cada ruidiño da madeira do chan ou cada estalido dos mobles pode dar para fiar unha historia terrorífica que, as máis das veces, só ten sentido na cabeza de quen a compón.
-
02
Á morte
Un dos medos máis ancestrais que a contemporaneidade agudizou, ata o punto de estendelo en lugares como Galicia, onde a convivencia coa morte, os seus rituais e os seus lugares, coma os cemiterios, sempre formou parte da propia vida.
-
03
Aos pallasos
Son figuras concibidas para facer rir pero, nalgúns casos, provocan desacougo. Nisto poden ter que ver, ou non, a obra literaria de Stephen King ou a obra disque gastronómica de McDonald's.
-
04
Á troika
Un medo moi dos nosos días a ese organismo presentado como etéreo pero que está formado por persoas con fins moi claros que gustan de brandir unha tesoira política e financeira bastante ben afiada. Hai quen lle ten medo, hai quen lle fai casos e hai quen se enfronta a ela ou, cando menos, o intenta.
-
05
Aos ratos
Para algunhas persoas son animaliños adorables, para outras, bechos noxentos que provocan repulsión e, nalgúns casos, verdadeiro pavor.
-
06
Ás alturas
A vertixe ou o temor a caer adoitan estar na orixe do medo ás alturas. O ascenso pode ser custoso e facer tremer as pernas, pero non acceder ás alturas adoita impedir contemplar vistas espectaculares.
-
07
Ás preguntas
Din profesionais veteranos do xornalismo que "non hai rolda sen preguntas, se acaso, será sen respostas". O certo é que as cuestións formuladas pola prensa adoitan desacougar notablemente a algúns dirixentes políticos, que optan por non responder ou mesmo por fórmulas máis innovadoras, plasma mediante.
-
08
A voar
En ocasións, vencellado ao medo ás alturas. Moitas persoas non son quen de aturar a sensación de estar suspendidas no aire ou de viaxar nun enorme artefacto cuxo control depende de alguén a quen non ven. O certo é que as estatísticas acreditan que o avión é o medio de transporte máis seguro, con independencia de que os seus escasos accidentes teñan unha enorme repercusión.
-
09
A falar en público
Coñecido tecnicamente como glosofobia, pode ir dende un lixeiro reparo a expresarse diante de moita xente ata un verdadeiro impedimento que debe ser tratado por especialistas. Na banda contraria poderíase situar a quen fala en público sen vergoña ningunha, con independencia do que diga.
-
10
Á auga
Un susto na infancia ou pouca habilidade para nadar poden estar nas causas do medo á auga. Este temor pode ser propio ou por outras persoas como, por exemplo, nas nais e pais que temen polos fillos e fillas cando teiman en demostrar as súas habilidades acuáticas na praia.
-
11
Ás atraccións de feira
A velocidade, a súa colocación sobre soportes de madeira, o seu carácter efémero, a velocidade coa que son montadas e desmontadas... Son múltiples os motivos alegados polas persoas que non se fían en exceso destes artiluxios. Tamén hai quen non concibe unha festa sen elas, claro.
-
12
Aos cambios
Non vaia ser...