Unha ducia de ministros galegos
Foron moitos e variados. Xa só desde a época da República, pasando pola ditadura franquista até chegar á monarquía parlamentaria, máis dunha ducia de políticos galegos exerceron de ministros no Goberno de España. Velaquí doce deles, xusto ao pouco de que Mariano Rajoy designase o seu novo Executivo, no que por primeira vez desde 1993 non haberá ningún ministro ou ministra nada en Galicia.
-
01
Santiago Casares Quiroga
Este político e avogado coruñés foi nomeado ministro da Mariña coa chegada da República en 1931 no goberno provisional e máis tarde ministro de Gobernación. Elixido deputado polas Cortes Constituíntes pola ORGA, seguiu sendo ministro de Gobernación durante o goberno socialista-republicano presidido por Manuel Azaña. Tralas eleccións de 1936 é nomeado ministro de Obras Públicas e logo de que Azaña accedese á presidencia, converteuse en presidente do Goberno e ministro da Guerra.
-
02
Salvador de Madariaga
Diplomático, escritor, historiador e pacifista galego, durante a Segunda República Española foi ministro de Instrución Pública e de Xustiza en 1934, este último cargo no terceiro goberno de Alejandro Lerroux en 1934, se ben só ocupou a carteira durante algunhas semanas logo de chegar tras un reaxuste nos numerosos cambios de goberno.
-
03
Alfonso Daniel Rodríguez Castelo
En 1946, o Goberno republicano no exilio de José Giral instálase en París e Castelao é nomeado ministro. Os galeguistas do interior presionaron para que fose nomeado ministro porque xa había un vasco e un catalán naquel executivo. Trasládase a París e toma posesión en agosto. Por diferenzas cos socialistas de Indalecio Prieto, Giral vese obrigado a dimitir e disolve o goberno, co que Castelao, desilusionado, decide regresar a Buenos Aires, a onde marcha en xullo de 1947.
-
04
Manuel Fraga
Presidente da Xunta durante moitos anos, durante a ditadura franquista ocupou os cargos de ministro de Información e Turismo e embaixador de España no Reino Unido. Tivo tamén as carteiras de ministro de Gobernación e vicepresidente segundo do Goberno durante o mandato de Arias Navarro.
-
05
Pío Cabanillas
Nomeado procurador en Cortes en 1961, este pontevedrés foi secretario no Ministerio de Información e Turismo con Manuel Fraga. Nomeado ministro de Información e Turismo con Carlos Arias Navarro (1974), disque intentou ampliar a liberdade de prensa polo que foi destituído do seu posto por Francisco Franco.
-
06
Abel Caballero
O actual alcalde de Vigo e presidente de FEMP, foi ministro de Transportes, Turismo e Comunicacións entre 1985 e 1988, durante o Goberno de Felipe González.
-
07
Romay Beccaría
Presidente da Deputación da Coruña, conselleiro de Agricultura e de Sanidade na Xunta, tamén exerceu como ministro de Sanidade e Consumo entre 1996 e 2000 no goberno de José María Aznar.
-
08
José Blanco
Foi escollido senador (1989-1996), concelleiro de Palas de Rei (1991-1999) e deputado no Congreso dos Deputados en 1996. Secretario de Organización do PSOE durante case unha década, ocupou a carteira do Ministerio de Fomento entre 2008 e 2011, con José Luis Rodríguez Zapatero de presidente.
-
09
Elena Salgado
Esta ourensá exerceu numerosos cargos durante os gobernos de Felipe González ata que Zapatero a nomeou ministra de Sanidade e Consumo en 2007. En 2007 pasou a ser ministra de Administracións Públicas, cargo que abandonou para ocuparse do Ministerio de Economía até a derrota electoral do PSOE en 2011.
-
10
Elena Espinosa
Tamén ourensá, en xuño de 2004 foi nomeada ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación, e a partir de 2008 viu aumentadas as súas competencias coas do extinguido Ministerio de Medio Ambiente de España.
-
11
César Antonio Molina
Escritor e político galego, foi ministro de Cultura do goberno de España entre 2007 e 2009. Antes, ocupou o cargo de director do Instituto Cervantes.
-
12
Mariano Rajoy
Actual presidente do Goberno de España, leva na política máis de 35 anos. No Executivo central ocupou o cargo de ministro da Presidencia, ministro do Interior, ministro de Educación e Cultura e ministro de Administracións Públicas.