Marcos Pérez Pena

Unha ducia de momentazos dos 20 anos do Festival de Cans

O Festival de Cans está a celebrar o seu vinte aniversario, dúas décadas nas que literalmente pasou de todo neste evento tan especial, unha festa ao redor do cine que, como di o seu director, "non podería ser en ningún outro lado, non se pode transplantar". O propio Alfonso Pato fixo a selección dalgúns dos momentazos que aparecen nesta ducia e que dan conta da singularidade da que presume este festival.

  1. 01

    A primeira edición e Tosar

    O Festival de Cans naceu no ano 2004 como un pequeno certame de curtametraxes. A alfombra vermella estendeuse pola aldea e os baixos acolleron as proxeccións, pero o festival era moi diferente o actual, empezando porque o can que se constitúe no seu símbolo era violeta e non amarelo. 

    "A presenza de Luís Tosar na primeira edición, cando el xa era unha estrela, axudounos a poñernos no mapa, foi moi importante para nós", conta Alfonso Pato, que engade que Tosar "é o único que ten un Premio Pedigree que non é o can de pedra, porque na primeira edición o premio era a silueta da montaña que domina Cans. Pero como non nos gustou moito, na segunda edición cambiámolo polo can".

  2. 02

    O primeiro xurado do Festival de Cans

    Nese ano o primeiro xurado do festival estaba formado por Morris, Suso Iglesias, Julián Hernández e Camila Bossa. "Fíxate que pardillos eramos que montamos o xurado e non nos demos conta que Morris era protagonista dunha das curtas", conta Pato, que explica que "Julián enfadouse e dixo que iso non podía facer e ao final Morris non participou nas votacións e a súa curta foi unha das gañadoras"

  3. 03

    Pepe Puime, chimpineiro

    Un dos grandes símbolos do Festival de Cans son os chimpíns, conducidos por veciños da localidade, que dende a primeira edición son os grandes protagonistas do eventos, absolutamente imprescindibles para a súa organización. Un dos chimpineiros máis destacados foi Pepe Puime, finado en 2013 e moi querido e lembrado.

  4. 04

    O G20, en Cans, segundo a CNN

    "O ano que saímos na CNN"Un dos momentazos imprescindibles dos vinte anos de traxectoria foi o día, no ano 2011, no que a CNN situou a celebración do cumio do G20 nunha aldea do Porriño famosa mundialmente pola celebración dun festival de cine. A cimeira celebrábase no Cannes francés, sede tamén dun festival. Pero quen coñece o Festival de Cannes? 

    "Convidamos o presentador, Ali Velshi, a través das redes, pero non tivemos resposta. En calquera caso, fíxose viral e diso falouse en toda España e deunos moita publicidade", conta Alfonso Pato. 

  5. 05

    Os veciños e veciñas: Alicia

    Os veciños e veciñas son os grandes protagonistas e motores do festival e dan nome a varias das localizacións do certame: o Baixo de Moncho, o Baixo de Bugarín, o Cuberto de Chelo, o Cuberto de Mucha do Peso, o Jalpón e a Leira de Alicia...  "Pero os espazos físicos non significarían nada se non tivesen o complemento dos seus propietarios, que te reciben e que se emocionan ao abrir a súa casa para o festival", conta Alfonso Pato. Na foto, Alicia explícalle a Tristán Ulloa a leira

  6. 06

    Quique San Francisco e o recordo a 'Amanece que...'

    En Cans pasan sempre cousas inesperadas. Un ano algún fan de Amanece, que no es poco dedicouse a pintar a cara de Luis Ciges en varios lugares próximos á aldea. Na seguinte edición pasaba polo festival Quique San Francisco, que se emocionou ao ver a referencia a unha das películas clave na súa traxectoria

  7. 07

    Concerto improvisado Iván Ferreiro e Coque Malla

    "O máis bonito é cando pasan cousas inesperadas", di Alfonso Pato. Un deses momentos foi no 2010, un ano no que Iván Ferreiro ía tocar en Cans e con el achegouse Coque Malla, pois eran moi amigos. "A Coque gustoulle o espazo do galiñeiro onde faciamos concertos e pediu tocar aí, que non estaba previsto. Estaba preparando un disco, Termonuclear, e resulta que tocou enteiro o novo disco, que era totalmente inédito, ademais de cantar varios temas de Los Piratas con Iván". Un concerto sorpresa que aínda é lembrado hoxe, trece anos despois. 

  8. 08

    Kepa Junkera e Pazos de Merexo

    Outro momento especial que tivo como escenario o Galiñeiro foi o concerto de Kepa Junquera, onde o músico vasco tocou o acordeón co histórico Pazos de Merexo, un dos seus referentes. Un encontro irrepetible

  9. 09

    Tony Lomba e Elio dos Santos

    Se falamos de concertos en Cans, hai que falar de Tony Lomba e Elio dos Santos, presentes en varias edicións con directos sempre recordados. "Para Tony Lomba e Elios dos Santos, que só fan actuacións esporádicas, hai un concerto que é especial: que é o do Torreiro de Cans. Alí foi onde se consagraron e onde moita xente os coñeceu por primeira vez", destaca Pato. "Lembro a Juanma Bajo Ulloa, coa boca aberta e dicindo: 'quen son estes tíos e como puidemos vivir ata agora sen coñecelos?', di

  10. 10

    José Luis Cuerda

    "Foi moi bonita tamén a presenza de José Luís Cuerda en Cans e houbo un momento en que o perdemos e ninguén sabía onde estaba e resulta que estaba nunha casa, onde estaba moi a gusto, merendando, porque lle estaban contando historias e tocando o acordeón", lembra Pato

  11. 11

    O Canzine

    Un dos elementos que forma parte do festival é o CanZine, o xornal do certame que botou a andar en 2011 e que conta cunha gran distribución. Trátase, aínda que sexa dunha publicación anual, dos xornais en galegos con máis tirada e traxectoria

  12. 12

    Isabel Coixet e ' Elisa e Marcela'

    Todos os anos pasan por Cans grandes cineastas. Un dos momentos máis interesantes de cada edición son os Coloquios na Leira, nos que autores e autoras relatan a súa experiencia e tamén dan pistas sobre proxectos futuros. Alfonso Pato destaca, entre outros, o coloquio con Isabel Coixet e Reixa, no que Coixet leu longos fragmentos do guión de Elisa e Marcela, película que estaba a preparar e que anticipou en exclusiva no festival.

  13. 13

    'As Bestas'

    Outro dos coloquios máis destacados foi o que reuniu en 2019 a Rodrigo Sorogoyen e Luís Zahera. Nesa conversa Sorogoyen anunciou que ía facer unha película en Galicia protagonizada por Zahera. Foi o primeiro momento no que falou publicamente de As Bestas.

  14. 14

    A rotonda do Can

    E pechamos a ducia polo principio. Un dos símbolos de Cans é o Can de Pedra que se atopa na rotonda de acceso á localidade. Aquí arranca cada edición do festival coas Pandereteiras de Cans facéndolle unha homenaxe.