Praza Pública

Unha ducia de motivos para coñecer Chantada cadrando coa Feira do Viño

O etnógrafo Antonio Fraguas foi en 1983 o primeiro pregoeiro da Feira do Viño de Chantada. O autor que este ano centra as celebracións do Día das Letras inauguraba así unha historia que fala de viño, festa e apego ao territorio. Na súa trixésimo sétima edición, a feira chantadina é do 8 ao 10 de marzo un bo motivo para achegarse á vila e coñecer a súa contorna, en plena Ribeira Sacra

  1. 01

    Onde nace o viño

    O viño da Ribeira Sacra que pode degustarse na Feira do Viño de Chantada é produto da viticultura heroica, a que se desenvolve en ladeiras con ata un 75% de pendente e con escasísima intervención de maquinaria. As mans seguen a ser fundamentais e a feira é un bo momento para coñecer as ribeiras do Miño das que proceden os viños.

  2. 02

    Belesar, entre Chantada e O Saviñao

    Belesar é un enclave singular. Está en Chantada, pero tamén no Saviñao, porque cada barrio da aldea está en cadanseu concello. Pola beira chantadina Belesar é o inicio da ruta dos viñedos, outra paisaxe privilexiada para coñecer de onde vén o viño elaborado nas adegas da contorna.

  3. 04

    As paisaxes de inverno

    O clima da Ribeira Sacra adoita ser ben caloroso no verán. Pero neste tempo de inverno, case ás portas da primavera, é tamén unha boa escusa para se perder polas súas paisaxes, de moitas cores.

  4. 05

    Nogueira de Miño

    A igrexa de Santa María de Nogueira é unha xoia en plena Ribeira Sacra. De base románica e con engádegas renacentistas no seu exterior, os recentes traballos de restauración deron nova luz á súas espectaculares pinturas murais do século XVI.

  5. 06

    A Casa da Cultura, co selo de Gallego Jorreto

    No centro do casco vello de Chantada está a Casa da Cultura. A antiga casa dos Lemos data do século XVI e foi restaurada a comezos dos anos 90 do século pasado polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto (Imaxe: CC-BY Lois Chantada)

  6. 09

    O Camiño de Inverno

    Un bo xeito de coñecer Chantada e a súa contorna é internarse polos treitos do Camiño de Inverno a Santiago que pasan polo municipio e, a través del, achegarse a puntos emblemáticos como a ermida do Monte Faro ou a aldea de Belesar. (Imaxe: © Asociación Camiño de Inverno a Santiago pola Ribeira Sacra)

  7. 10

    As músicas

    Chantada é tamén vila de música. É a terra do Castañazo Rock (na imaxe, un intre do certame de cantos de taberna paralelo ao festival) e tamén acolle dende o pasado ano parte da programación do Festival 17º Ribeira Sacra. Na Feira do Viño a música póñena os gaiteiros da Escola Tradicional de Música de Chantada, os zanfonistas da Tradescola de Lugo, a banda municipal chantadina e os Festicultores, entre outras bandas.

  8. 11

    O bo xantar

    A Feira do Viño de Chantada é sinónimo de días de bo beber, pero tamén de bo xantar. No recinto da feira non falta o polbo e o abano gastronómico na vila é nestes días, como todo ano, moi amplo. Dende o máis tradicional ata a cociña máis contemporánea. Na imaxe, polbo e viño entendéndose á perfección nas adegas Vía Romana.

  9. 12

    As adegas

    As grande protagonistas da feira con cadanseus viños. Desta volta estarán presentes na Feira do Viño de Chantada as adegas Enonatu-Roberto Regal, Lareu Sabatelivs, Vía Romana, Amedo, Terras de Bendaña, Condado de Sequeiras, Albarduxe, Viña Garoña, Cabo do Mund, Pilares de Belesar, Instinto Romano, Calexotes, Os Cipreses, Do Fortes, Teijeiro Lemos e Santa María de Nogueira.