Unha ducia de músicas para a derradeira fin de semana de agosto
Agosto e o verán van rematando, pero ao menú festeiro e festivaleiro aínda lle quedan moitos pratos por todo o país. Nesta derradeira fin de semana do mes estival por excelencia citas como o Armadiña Rock en Cambados, o novo festival Vive Nigrán, o Terra Brava do Inicio, o Agrocuir da Ulloa ou a Romaría de Santa Margarida da Coruña son excelentes escusas para botar un pé ou ambos. Velaquí uns petiscos musicais.
-
01
Heredeiros da Crus
Unha banda xa mítica do rock galego que fai pasar a xira do seu 25º aniversario polo Armadiña Rock de Combarro.
-
02
Las Bistecs
Un grupo difícil de clasificar. Tanto lle cantan ás columnas dóricas, xónicas e corintias como fan unha glosa das "señoras bien". Esta fin de semana podémolas atopar no Vive Nigrán.
-
03
Rodrigo Cuevas
O cabaret asturiano máis transgresor non podía perder o Agrocuir da Ulloa. Non perdan a Rodrigo Cuevas; tradición, modernidade, todo a un tempo e todo o contrario.
-
04
Orquestra Os Modernos
A música máis moderna, que serve para palco e para taberna, poralle o son á sesión vermú ao Sons da Cortiña, esta fin de semana en San Sadurniña. Se ollan ben entre os membros da Orquestra Os Modernos atoparán non poucas caras coñecidas de moitos grupos que triunfan polo país adiante.
-
05
Radio Cos
Os Radio Cos fan sesión dupla esta fin de semana. Tras tocar o venres no inicio do Agrocuir da Ulloa estarán o sábado na primeira xornada da Romaría de Santa Margarida, comezo do remate das Festas de María Pita da Coruña.
-
06
Os carunchos
Este sábado no Incio é día do Festival Terra Brava. A música correrá a cargo de, entre outros, Os Carunchos. Quen asistan terán tamén a oportunidade de escoitar en directo ese novo enxeño chamado Banda Xangai, que xunta membros de bandas míticas como Diplomáticos de Monte Alto, Zënzar, Papaqueixos ou Ulträqäns
-
07
The Soul Breakers
Swing, funk, soul e rhythm&blues para a sesión vermú do domingo no Armadiña Rock de Combarro.
-
08
Os amigos dos músicos
Os amigos dos músicos levan desenvolvendo todo o verán unha intensísima xira de festivais. A cita desta derradeira fin de semana de agosto é no Vive Nigrán.
-
09
Xarín
Os gaiteiros do Incio xogan na casa no Festival Terra Brava deste sábado. Así soan.
-
10
De Vacas
As De Vacas están a ser unhas das revelacións do verán festeiro e festivaleiro deste 2017. Onde van, triunfan e enchen torreiros da festa. Aspiran a facelo tamén no Sons da Cortiña de San Sadurniño.
-
11
Mercedes Peón
Mercedes Peón chega ao Agrocuir da Ulloa con toda a súa bagaxe de música tradicional e mais de procura de novos e innovadores camiños.
-
12
Luar na lubre
Uns clásicos da música folk do país que tamén xogan na casa esta fin de semana. Poranlle o ramo o domingo á Romaría de Santa Margarida da Coruña. Este verán xiran coa súa nova cantante, Belém Tajes.