Unha ducia de novidades da música galega para pechar o ano
Nesta semana festiva, poñemos música na ducia, con algunhas cancións (e vídeos) publicados nas últimas semanas, que amosan a variedade e calidade das bandas e artistas galegas
-
01
Familia Caamagno: O mundo está derrotado
Hai algo máis dun mes Familia Caamagno presentaron o seu último tema, 'O mundo está derrotado', que dá nome ao seu máis recente álbum, un traballo cheo de rock e humor
-
02
Berto: Bágoas de Cocodrilo
Familia Caamagno compartiron varios concertos con Berto, un dos grandes nomes da escena musical galega actual. Berto tamén ten un disco moi recente, SINTO, onde aparece este 'Bágoas de cocodrilo'
-
03
Antía Muíño: Canta, miña compañeira
Berto compartiu a gran noite do último Culturgal con Grande Amore, Néboa e Antía Muíño, que vén de publicar Carta aberta, que abre este 'Canta, miña compañeira'. VINTE falou con ela hai uns días.
-
04
Ataque Escampe: Lamborghini
Hai tres semana vimos por primeira vez o vídeo de 'Lamborghini', de Ataque Escampe, unha peza audiovisual dirixida por David Silva, "firme candidato a mellor videoclip de 2022", como destacaba VINTE.
-
05
Xosé Lois Romero & Aliboria: La leyenda del tiempo
Unha das grandes sorpresas deste final de ano esta versión de 'La leyenda del tiempo', o tema de Camarón de la Isla a partir dos versos de Lorca, realizada por Xosé Lois Romero & Aliboria. Unha auténtica xoia con vídeo de Adrián Canoura
-
06
Dani: Drum&Bossa
Dani Costas é de Vigo. Procede de familia musical, pero nos últimos anos foi abrindo o seu propio camiño na escena cun estilo persoal e inconfundible que deixou pegada. 'Drum&Bossa' é o último single do EP do mesmo nome
-
07
LaMontagne & PicoAmperio: Porque no Mundo
Algo que sinalar é o primeiro disco de LaMontagne & PicoAmperio, un álbum no que atopamos este 'Porque no mundo'. "Este camiño que forxamos baséase en textos e a música avanza en función de onde nos levan, non hai fórmulas porque o que nos sae é outra cousa", dicían en conversa con VINTE.
-
08
Baiuca: Diamante
Baiuca segue rachando esquemas, abrindo espazos para a música tradicional galega e rompendo fronteiras entre xéneros. O seu último éxito é 'Diamante', coa voz da ilicitana Alba Reche
-
09
Blanco Palamera: Mundo pequeno
De Compostela chegan Blanco Palamera, que este ano publicaron INTIMIDADE. Máis recente aínda é 'Mundo pequeno', coa que continúan "unha das traxectorias máis prometedoras que saíu do pop galego ultimamente", como destacaba VINTE hai uns meses.
-
10
Sés: Para cando eu morra
Sés ten novo disco, Diante un eco, na que se inclúe este 'Para cando eu morra'. Trátase do sexto álbum da artista galega
-
11
Catuxa Salom: Chicharras
Hai dúas semanas Catuxa Salom lanzou o seu primeiro EP, Nunha aldea, con cinco cancións que se pechan con este 'Chicharras', un tema híbrido que mestura o galego e o castelán e tamén o folk e a electrónica. Unha canción que fala moito de si mesma, das mesturas da súa propia condición de artista galega con orixes arxentinas.
-
12
Secho nas 'Miudiño Sessions'
Unha das iniciativas musicais máis destacadas deste ano 2022 que estamos a piques de rematar foi o lanzamento a cargo da Regueifa 2.0 de Noel Feáns das Miudiño Sessions, seguindo o ronsel dos concertos de La Blogotheque ou os Tiny Desk Concerts da NPR. O máis recente foi o gravado nun hórreo de Dodro por Secho, "unha sorte de all-stars da escena galega".
-
13
Carolina Rubirosa: Deus que leda que m'esta noite vi
Carolina Rubirosa presentou hai dúas semanas 'Deus que leda que m'esta noite vi', o primeiro adianto de Soldadeiras, un disco onde a autora escribe e produce as músicas orixinais de sete cantigas medievais da lírica galego-portuguesa, con ritmos e sonoridades de vangarda.
-
14
Carlangas & Manu Chao: Cae la noche
Pechamos esta sesión con Carlangas, a voz de Novedades Carminha, que hai uns meses decidiu iniciar o seu proxecto persoal, que explora ritmos latinos e electrónicos e confesa que "alguna cumbia me perdí por andar de rockerito, pero no todas". Despois de 'Se acabó la broma' chegou este 'Cae la noche', coa colaboración nada máis e nada menos que de Manu Chao.