Berto Yáñez

Unha ducia de números do un ao doce

Nin vogal nin consoante. Eu pido cifra. Na semana das letras repasamos nesta ducia doce números que son doce datos sobre a Galicia de hoxe, onte e sempre. Estou seguro de que poderían ser outros, mellores ou peores, pero son estes. Esta ducia non sería posíbel sen a colaboración do pozo sen fondo de datos anecdóticos que é @mourullo

  1. 01

    2: Dous, un número que nos persegue

    Ben, tampouco é un número tan estraño pero aquí hai moitas cousas que veñen en dúas unidades: as Marías de Compostela, Rueda e Feijoó, a París de Noia e a Panorama, Os Tonechos, Mofa e Befa, o bipartiño, Mucha e Nucha, Os da ría, Caixa Galicia e Caixa Nova, os gardas civís de tráfico, o Dépor e o Celta..., e podería seguir ata aburrirvos. Pero vou poñer un video d'Os da ría, que son colegas e hai que darlles publicidade. Xente senlleira.

  2. 02

    3: Tres concellos segregáronse nos últimos 25 anos

    Nestes dias fálase de xuntar concellos para aforrar: menos burocracia, servizos centralizados, blablabla. Pero isto non sempre foi así en Galicia, de feito nos últimos 25 anos segregáronse tres concellos. O  primeiro foi Cariño no ano 1988, que se pirou de Ortigueira. O segundo foi Burela, que se fixo independente de Cervo no ano 1995, e o terceiro foi no ano 1997 cando a Illa de Arousa se separou do concello de Vilanova de Arousa.
  3. 03

    4: Hai catro parroquias con menos de cinco habitantes.

    Furando polos datos do IGE vemos que hai catro parroquias onde a poboación é menor de cinco habitantes e maior de cero. Todas en Ourense. Estas son: A Alberguería (Vilar de Barrio) con 2 habitantes, e con catro están: a parroquia de Allariz (Allariz), Cantoña (Baños de Molgas) e Fontao na Teixeira. Non hai ningunha parroquia rexistrada con un ou tres habitantes.
  4. 04

    5: Cinco de cada dez fogares galegos non chegan a fin de mes.

    Agora en serio, isto é moi triste. Esta ducia vai de cifras e nos últimos tempos parece que non pasa un dia sen que unha cifra nos de unha labazada que nos desperta nunha realidade da que parece que nunca conseguimos sair: a taxa de paro, o IPC, o PIB, a prima de risco, ...
  5. 05

    6: Seis terremotos nos últimos dez dias

    Como ben sabedes polas películas e os medios de comunicación o mundo acábase este ano e estamos rodeados de sinais que anuncian o desastre, por exemplo os sismos. Nos últimos dez dias houbo 6 en Galicia, pero non vos preocupedes, a maioria son pola zona de Triacastela e practicamente ninguén os nota. Aparte diso é un dato totalmente normal.
  6. 06

    7: Sete bolas máxicas

    A serie de animación máis galega de todos os tempos foise facer a Xapón. Á parte diso creouna un xaponés e só traballaron nela xaponeses. Pode que algún catalán ou madrileño diga o mesmo d'As bolas máxicas pero non teñen nen idea e, aparte, teñen unha forza de combate de merda.
  7. 07

    8: Oito euros (case) custa ir por autopista de Santiago a Vigo

    Caralliño. Oito euros. Custa o mesmo que ir en bus e un pouco menos que ir en tren. A AP9 leva aí xenerando cartiño dende os anos 70 e tamén partindo Galicia en dúas metades. No ano 2000 Xosé Cuiña (o pai de Rafa, qepd) amplioulle a concesión 25 anos máis porque aos galegos gústanos amortizar as cousas varias veces. Livin' la vida loca.
  8. 08

    9: O número nove na cultura popular galega

    Ás nove non é cristiano o que non dorme. Que ven sendo unha hora menos do castelán "A las diez en la cama estés", debe ser pola franxa horaria. Facer unha ducia destas non é nada sinxelo, que o saibades se algún dia facedes unha. Cando @misteroom me pasou a páxina na Wikipedia "O número 9 na cultura popular galega" foi un alivio. O curioso e que é o único número que ten unha páxina así na Galipedia. Algo terá.

  9. 09

    10: Hai dez lugares en Galicia chamados A Praza

    Pero ningún chamado Praza. O nomenclátor é unha ferramenta marabillosa para atopar datos curiosos. Hai moitos outros sitios onde atopar datos sobre Galicia en internet: a web do IGE é o lugar principal, levan anos liberando moreas de datos para quen os queira procesar. Dun tempo a esta parte parece que está de moda entre as administracións o asunto este do Open data e hai uns meses a Xunta abriu http://abertos.xunta.es/portada onde de vez en cando pódense atopar datos curiosos.

  10. 10

    11: Tocan once anos sen Xacobeo (se hai sorte)

    É ano Xacobeo cando o 25 de xullo cae en domingo. Isto sucede en ciclos de 28 anos e en cada un deses ciclos ciclo hai xacobeo: cada 6, 5, 6 e 11 anos. Estamos nun ciclo que comezou no 1993 e no ano 2010 foi o último, polo que entramos comezando un periodo de 11 anos sen Xacobeo. Ata o 2021, se chegamos aló. O de "se hai sorte" é polo video de abaixo.
  11. 11

    12: Doce dias festivos no ano

    Onte foi dia das Letras galegas. Un dos 12 dias festivos que ten o ano en Galicia. Os meses malditos son febreiro e setembro, nos que nunca cadra ningun día festivo, ao que hai que engadir a depresión polo que gastaches en xaneiro e a depresión da volta das vacacións de agosto. Organización por favor. Curiosamente a administración non ten marcados como festivos grandes festas pagás tan populares como o Entroido (que case sempre é en febreiro) ou o San Xoán. O que hai é moita rebeldivia.