Praza Pública

Unha ducia de obras de Carvalho Calero

O Parlamento de Galicia, que desde 1997 acolle a biblioteca persoal e o epistolario de Ricardo Carvalho Calero (1910-1990), exhibe ata o 1 de xaneiro unha mostra bibliográfica das súas obras. Repasamos algunhas co gallo da celebración este sábado do pleno extraordinario da Real Academia Galega na súa honra, que tradicionalmente se celebra no Día das Letras Galegas pero que tivo que ser adiado polo coronavirus.

  1. 01

    1928

    O poemario 'Trinitarias' é o primeiro libro publicado do autor.

  2. 02

    1930-31

    A dedicatoria de 'Vieiros' reza: "A don Rodrigo Sanz adica istes Vieiros andados da man da nosa fala na busca da lonxana Beleza. R. Carballo Calero. No mes de Sant-Yago de 1931".

  3. 03

    1931-32

    'La soledad confusa', con título extraído dun poema de Góngora, marca un fin de etapa (bilingüe) para dar paso ao galego como lingua normal da expresión poética.

  4. 04

    1950-55

    'A xente da Barreira' é a primeira novela en galego publicada após a guerra civil.

  5. 05

    1955-56

    'Sete poetas' está baseada na súa tese de doutoramento defendida na Universidade Complutense en 1954. Ao lado, unha obra asinada por outro autor que plaxiou o libro de Carvalho Calero.

  6. 06

    1961

    'Versos iñorados ou esquecidos de Eduardo Pondal' é o primeiro intento serio de completar a edición dos poemas do bardo bergantiñán.

  7. 07

    1963

    Primeiro volume da 'Historia da literatura galega contemporánea', completada en 1975 e con terceira edición en 1981.

  8. 08

    1966-71

    'Catro pezas' é a primeira edición en libro do seu teatro.

  9. 09

    1971-73

    As normas da RAG de 1971 foron obra de Carvalho Calero.

  10. 10

    1979-80

    'Pretérito imperfecto (1927-1961)' é a primeira compilación-escolma da súa obra poética, revisada lingüisticamente.

  11. 11

    1982

    'Futuro condicional (1961-1980)' é a segunda compilación da súa poesía.

  12. 12

    1983-84

    'Alfonso X, o Sábio' é unha monografía sobre o rei-escritor galego, en colaboración coa profesora Carme García Rodríguez.