Unha ducia de obras de César Portela
Hai dúas semanas César Portela recibiu do Colexio de Arquitectos de Galicia o Premio COAG a toda unha traxectoria profesional. Iniciou a súa actividade a finais do anos 60 e mantense en activo, cun estilo que bebe da tradición galega e aposta pola simplicidade e a integración coa contorna, como destacaba nesta conversa con Praza.gal, na que enxalza a arquitectura tradicional e carga contra o feísmo e a especulación. Repasamos unha ducia das súas mellores obras
-
01
Faro de Punta Nariga
O Faro de Punta Nariga, en Malpica de Bergantiños (1995) é unha das obras das que Portela di estar máis orgulloso, tanto pola súa integración na contorna como pola dobre función da plataforma na que se asenta, á vez proa que se adentra no mar e balcón dende o que observar a paisaxe.
-
02
Museo do Mar de Vigo
O Museo do Mar de Galicia, en Vigo, foi deseñado por Portela no ano 2002 xunto co seu admirado Aldo Rossi. O mar sempre está moi presente nas obras de César Portela nas áreas litorais e aquí esta unión xoga un papel protagonista pola situación e pola función do edificio.
-
03
Cemiterio municipal de Fisterra
O cemiterio municipal de Fisterra é unha das obras máis innovadoras e, ao tempo, das máis polémicas de Portela. Foi realizado no ano 2002 e con esta obra Portela quería "ofrecer a uns mortos o descanso que se merecen nun lugar sublime no que a arquitectura fose capaz de fundirse positivamente coa natureza, igual que o fixeron nese mesmo lugar, desde sempre, a terra, o mar e o ceo"
-
04
Vivendas para unha comunidade de xitanos en Pontevedra
Como todo arquitecto, Portela comezou con proxectos máis cativos, dende reformas e construcións de vivendas a outras iniciativas que, dende unha modestia de recursos, buscaban ofrecer unha alternativa habitacional funcional, barata e estéticamente fermosa. Así foi o polígono de vivendas construído en Campañó (Pontevedra) para unha comunidade xitana.
-
05
Estación de Autobuses de Córdoba
A Estación de Autobuses de Córdoba é unha das súas obras máis recoñecidas e con ela obtivo en 1999 o Premio Nacional de Arquitectura. Portela está especialmente orgulloso dela, por realizala nun lugar de clima e referentes estéticos moi diferente aos galegos, buscando tamén aquí adecuarse a este contexto
-
06
Torre de control do aeroporto de Sharm El-Sheikh, en Exipto
Portela traballou moito fóra de Galicia, en distintos lugares de España (Cádiz, Sevilla, Bilbao, Valencia...) e tamén en países tan distantes como Xapón ou Exipto, onde en 2010 realizou esta torre de control, a medio camiño entre columna faraónica e tronco de palmeira
-
07
Interior da Domus da Coruña
Entre as súas colaboracións con outros arquitectos, destaca o traballo conxunto realizado en 1995 con Arata Isozaki para erguer a Domus da Coruña. "Inserir un edificio nun lugar non é só dotalo dunha xeometría que lle permita axustarse con facilidade á topografía do terreo, é ademais propiciar un feliz encontro co aire que o rodea, coa auga do mar que case baña os seus alicerces, pero tamén cos seus habitantes, coas necesidades que estes teñen, cos seus desexos, cos seus gustos, cos seus costumes", escribiu Portela sobe este proxecto.
-
08
Plan especial de Allariz
Entre 1991 e 1997 deseñou e dirixiu o Plan especial de Allariz, que ficou como un referente (internacional) á hora de rehabilitar un centro histórico con respecto, funcionalidade e gusto estético.
-
09
Rehabilitación da Illa de San Simón
Tamén é obra súa a rehabilitación da Illa de San Simón, levada a cabo entre 1992 e 2002. Portela sinalou que nos anos que dedicou a este proxecto convenceuse de que "o que de verdade sustenta a boa arquitectura son os principios sociais, éticos ou construtivos, non os estilos"
-
10
Casa de Manolo Neira en Cotobade
Portela di estar moi orgulloso das casas que deseña e rehabilita, proxectos realizados moitas veces para amigos, nos que pode en primeira persoa ver o goce e aproveitamento que despois fan dos seus fogares. Entre elas está esta casa familiar de Manolo Neira en Cotobade
-
11
Auditorio Mar de Vigo
Son varias as obras de César Portela na cidade de Vigo. Unha das máis impresionante é o Auditorio Mar de Vigo, deseñado co obxectivo de "enfatizar o borde urbano e o borde litoral coa súa presenza". O arquitecto deseñou o edificio a carón do mar e cunha gran cristaleira que permitía ver o océano. Porén, posteriores recheos están a afastalo da liña de costa, que fica agora a 170 metros.
-
12
Edificio de vivendas na Praza da Ferrería, en Pontevedra
Portela tamén levou a cabo proxectos de rehabilitación de vivendas en cortornas urbanas, coma a Praza da Ferrería, en Pontevedra, deseñada no ano 2004, que resulta ser ademais a súa propia vivenda, situada na mesma praza na que se criou.