Unha ducia de obras do Museo de Pontevedra que agora se poden ver na rede
Hai uns días o Museo de Pontevedra publicou na web 25.000 obras da súa colección, uns contidos que na súa maioría non se exponen en sala e que supoñen o 90% do fondo da institución. Entre as pezas, que se poden procurar pola súa autoría, época ou técnica, hai obras pictóricas, escultóricas, elementos arqueolóxicos ou etnográficos. Destacan especialmente algunhas coleccións, coma a que compoñen as obras realizadas por Castelao, que suman 1.795 elementos. Velaquí unha escolma destes fondos.
-
01
'Os Cegos', de Castelao
O Museo de Pontevedra conserva a colección máis importante da obra artística de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Cadros, carteis, ilustracións, gravados... que suman 1.795 elementos, entre os que destaca por exemplo Os Cegos, realizada en 1915
-
02
'Festa galega', de Fernando Álvarez de Sotomayor
Outra das grandes obras da pintura constumista é Festa galega (1917), de Fernando Álvarez de Sotomayor, e tamén se pode ver no Museo de Pontevedra e na súa web.
-
03
'Cabeza de mujer negra', de Maruja Mallo
O Museo de Pontevedra ten no seu fondo a Cabeza de mujer negra, realizada pola viveirense Maruja Mallo no ano 1946.
-
04
'Estudio: Caretas y Flores', de Arturo Souto
O pontevedrés Arturo Souto é un dos grandes nomes da pintura galega do século XX. Comprometido coa defensa da República e a loita antifascista, tivo que se exiliar en México, onde morreu en 1964. A súa obra, moi creativa e curiosa, pasou por distintas etapas. Este Estudio: Caretas y Flores foi realizado en 1929
-
05
'Autorretrato', de Carlos Maside
No Museo de Pontevedra hai tamén obras de Carlos Maside, como este Autorretrato realizado polo pintor en 1928.
-
06
'Com'este morreron moitos', de Federico Ribas Montenegro
O vigués Federico Ribas Montenegro foi sobre todo ilustrador e cartelista e nos anos 20 e 30 estaba entre os máis cotizados de todo o Estado. Foi un publicista prolífico e brillante e, por exemplo, modernizou a imaxe do sector conserveiro galego. En 2019 a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) dedicoulle o Día da Ilustración, salientando o seu traballo cheo de cor, no que destacaba a imaxe "moderna e independente" da muller.
Porén, en 1936 tivo que se exiliar en Bos Aires, colaborando con Seoane na denuncia grafica do terror franquista con obras coma este Com'este morreron moitos. que ía acompañado do texto: "Ese ya no volverá a pedir aumento de jornal!
-
07
'Campesinas dialogando', de Luís Seoane
Precisamente, de Seoane o Museo de Pontevedra atesoura este 'Campesinas dialogando', realizado en 1975
-
08
'Negriño en Nova York', de Castelao
Poderíanse citar moitísimas obras destacadas da amplísima produción de Castelao, entre ilustracións e gravados. Por exemplo este Negriño en Nova York, realizado polo rianxeiro no seu paso pola cidade estadounidense en 1939 e que forma parte da súa serie Debuxos de negros
-
09
Máscara para a representación de 'Os vellos non deben de namorarse'
Ou outro tipo de obra moi distinta, como esta máscara para a representación de Os vellos non deben de namorarse, deseñada polo propio Castelao en 1941. Na colección online do Museo de Pontevedra atopamos 6 destas máscaras, ademais de moitas ilustracións previas.
-
10
Cunca Millefiori, atopada no Castro de Santa Trega en 1986
O Museo de Pontevedra atesoura moito máis que obras pictóricas e escultóricas. Por exemplo, unha importantísima colección arqueolóxica con pezas procedentes de toda Galicia, como esta Cunca Millefiori, da época galaico-romana (século I d.C.), atopada no Castro de Santa Trega en 1986. Trátase dun dos primeiros indicios de vidro romano de luxo documentados no noroeste peninsular.
-
11
Estela de Vilar de Sarria
Ou esta Estela de Vilar de Sarria (s. II - III d.C.), unha excepcional estela funeraria traballada polas dúas caras, sen inscrición nin epígrafe e cunha escena simbólica no reverso.
-
12
Ídolo de Pumares, A Estrada
Moito máis antigo é este ídolo antropomorfo de Pumares, atopado neste lugar da Estrada, un exemplo dos obxectos relacionados coas crenzas relixiosas do Neolítico, datado entre os anos 5500 e 3000 a. C.
-
13
Tesouro de Caldas
O tesouro de Caldas de Reis é un conxunto de 36 pezas de ouro de vinte quilates pertencente á Idade de Bronce galaica e cun peso total de 15 quilos, que constitúe a maior acumulación de ouro de toda a Prehistoria europea. Apareceu na zona das Silgadas en 1940 e acabou por ser depositado no Museo de Pontevedra despois de que a Garda Civil impedise a súa venda.
-
14
Olifante medieval
O Museo conta tamén con pezas tan curiosas como este olifante realizado en marfín de elefante na actual Serra Leoa a finais do século XV. Foi un encargo da portuguesa Casa de Avís que foi finalmente entregado aos Reis Católicos.