Unha ducia de obras para lembrar a Darío Xohán Cabana
Esta semana, Galicia perdeu a Darío Xohán Cabana. O poeta, o narrador, o tradutor, figura senlleira das letras chairegas e galegas, comprometido e querido. Velaquí unha ducia dos tantos traballos que compuxeron a súa casa de palabras
-
01
'Home e terra'
O seu primeiro poemario. Publicado en 1970 na colección Val de Lemos de Ediciós Xistral, dirixida polo tamén chairego Manuel María, a quen podemos ver nesta divertida imaxe tomada un ano antes (con barba) á dereita de Darío Xohán Cabana. Na fotografía, Alfonso Rodríguez, Lutgarda González, Saleta Goy, Manuel María e Darío Xohán Cabana.
-
02
'Romanceiro da Terra Chá'
Tamén saíu do prelo en 1970 con prólogo de Manuel María. Destaca a Academia que este traballo "foi incluído por María Victoria Moreno na antoloxía Os novísimos da poesía galega". [Imaxe: RAG]
-
03
'Patria do mar'
Publicado en Ir Indo, foi distinguido en 1983 co Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Santiago,
-
04
'Canta de cerca a morte'
Publicado en 1994 e dedicado á memoria do pai do autor, foi gañador do III Premio Martín Codax de poesía, [Imaxe: RAG]
-
05
'Cabalgada na brétema'
Datada en 2006, ano do seu ingreso na RAG, foi a última obra poética de Darío Xohán Cabana. [Imaxe: RAG]
-
06
'Galván en Saor'
Publicada en 1989, Galván en Saor virou nun dos grandes supervendas da literatura galega. A novela, merecedora do Premio Xerais, homenaxea a literatura artúrica entre referencias á Terra Chá e ao mundo real, pero tamén ao pasado mitolóxico nun libro que, ademais, acompañou dende aquela a innumerables xeracións de estudantes. [Imaxe: RAG]
-
07
'Fortunato de Trasmundi'
Outro éxito editorial do autor para a mocidade, a medio camiño entre a historia e a imaxinación. O protagonista vive nun país composto por sete parroquias nalgún lugar da montaña lucense. Alí viven seres que ben puideran ser semellantes aos hobbits que teñen entre os seus costumes disputaren un particular torneo de fútbol entre Cuspedriños de Baixo e Cuspedriños de Riba. [Imaxe: RAG]
-
08
'O cervo na torre'
Editado en 1994 e galardoado co premio Xerais, O cervo na torre lévanos a unha Galicia futura e cun aquel postapocalíptico no que personaxes históricos como o rei Don García seguen a ter un papel clave. [Imaxe: RAG]
-
09
'Morte de rei'
Dous anos despois d'O cervo na torre chegou Morte de Rei, en 1996. Nela, o rei García lévanos en primeira persoa ao final da súa vida. Na imaxe, da RAG, Darío Xohán Cabana nun acto polo centenario da institución, en 2006.
-
10
'O avión de Cangas'
Unha das obras publicadas polo autor durante os anos 90 do século pasado dirixidas ao público infantil e xuvenil. Cóntanos a historia de Belarmino, un avión que cobre a liña entre Cangas e Vigo e que sofre un pequeno susto no que terán que axudalo persoeiros como John Balan ou un antigo artista do circo. [Imaxe: RAG]
-
11
Cancioneiro de Petrarca
O traballo de Darío Xohán Cabana como tradutor de obras clásicas da literatura italiana valeulle en 1991 o recoñecemento da Medalla de Ouro de Florencia. Dous anos antes vira a luz a súa tradución do Cancioneiro de Petrarca. [Imaxe do Carderno da Crítica de Ramón Nicolás]
-
12
A divina comedia
En 1991, Darío Xohán Cabana publicou a súa primeira tradución d'A divina comedia de Dante. En 2014 saíu do prelo unha nova versión tras tres anos de traballo. Destaca a RAG que o propio autor destacou un labor "continuo e obsesivo para traer ao galego os 14.000 versos hendecasílabos desta obra universal"