Marcos Pérez Pena

Unha ducia de palabras do Glosario Colectivo Nunca Máis

No marco das actividades de lembranza do 20 aniversario da catástrofe do Prestige, a Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra está a elaborar un Glosario Colectivo Nunca Máis  para "honrar a nosa memoria cidadá". O traballo, en marcha, conta con achegas diversas, dende Xavier Paz a Rosa Aneiros, pasando por Carlos Santiago, Xesús Ron ou Miguel de Lira. Repasamos aquí unha ducia deses termos

  1. 01

    Bandeira do Nunca Máis

    Símbolo do movimento cívico do mesmo nome idealizada e desenhada por Xosé María Torné que se tornou símbolo dos protestos polo desastre ecológico do Prestige em 2002/3. Utiliza a bandeira galega, substituindo a cor branca de fundo por um preto que alude ao luto. Sobreposto, o lema “Nunca mais”, destacado em letras brancas, acaba por ilustrar de forma radical e contundente a tragédia de todo uma terra, de uma sociedade e de um país. O desenho soube expressar a dor e a morte metafórica da Galiza, do seu sistema natural, económico e social, servindo de porta-estandarte gráfico das ações e exigências da plataforma (Xavier Paz)

  2. 02

    Ghalipote

    É como chamamos na Costa da Morte ó chapapote. Moitas persoas aprenderon esa palabra aqueles días. Representa esa negrura mesta e terrible que enxordecía o mar e cubríao de morte (Xesús Ron)

  3. 03

    Redes

    Remítenos ao aparello de pesca mais tamén a aquilo que estaba por tecer no movemento cívico galego, e que o desastre do Prestige axudou a concretar. Moitas de nós foi a primeira vez que traballamos dun xeito descentralizado e horizontal; sabiamos a teoría, mais naquel momento pasamos á práctica de xeito decidido, sen apenas ferramentas tecnolóxicas. Hoxe moitas das ferramentas que daquela improvisamos foron perfeccionadas e patentadas, privatizadas por xigantes tecnolóxicos. Nós daquela compaxinamos o linux coas contas de correo institucionais, as fotocopias feitas no curro de estrangis cos SMS, sempre coa conversa tabernaria como fío unificador. As viaxes polo país, sufragadas cada unha do seu peto, eran o pegamento imprescindíbel para aquelas primitivas, mais potentes, redes sociais. (Comba Campoy)

  4. 04

    Capachos

    Grandes cestas de plástico empregados polos mariñeiros nos barcos para carrexar o peixe, e agora tamén polos surfistas para gardar o neopreno mollado, que servían daquela para depositar o chapapote extraído das praias (Rosa Aneiros)

  5. 05

    Velório do Mar

    Vigília feita a um defunto, tradicionalmente de corpo presente. Encontro ou celebração dos parentes e amigos de um falecido nas horas que se seguem à sua morte e antes do sepultamento ou cremação do corpo.
    No dia 28 de dezembro, dia dos Santos Inocentes, cerca de 10.000 pessoas manifestaram a sua solidariedade e protestaram contra o desastre do Prestige numa marcha polas ruas do centro da Crunha e noutras localidades costeiras. A maioria dos manifestantes carregava uma cruz que depositaram na praia do Orçám até que se tornou um improvisado velório à beira-mar (Xavier Paz).

  6. 06

    Baralla do Prestige

    Cartas mostrando os rostos dos políticos responsáveis polo desastre do Prestige para as que foi adotado o formato do baralho espanhol de Heraclio Fournier.
    No entanto, o baralho do Prestige surgiu inspirado no Personality Identification Playing Cards desenvolvido pola Central Intelligence Agency (CIA) para ser distribuído entre as tropas para facilitar o trabalho de identificação e captura dos personagens iraquianos mais procurados polo exército norte-americano (Xavier Paz)

  7. 07

    Poema SOS

    “Fomos ficando sós/o Mar o barco e mais nós”. Estes versos de Manuel Antonio entrañan o que foi aquel momento e por iso se converteron en bandeira. A soidade do mar, do barco á deriva e tamén nosa, como individuos que logo atopamos resposta e protección no colectivo. Sentimos que non había Estado, non había Administración que nos axudase e debíamos afrontar a catástrofe inminente sen ningún tipo de cobertura. O sós e o nós definírono todo: O SOS de chamada de auxilio, o sós de soidade e o nós do poder do colectivo, da unidade fronte á catástrofe. (Rosa Aneiros)

  8. 08

    Contramaré

    Noticiario ready-made, folla voante ou vietnamita contemporánea de noticias contra a desinformación dos medios para evitar intoxicacións adicionais. Facíase en rede, investigaba aquilo que o noso precario e subornado xornalismo galego fora incapaz de investigar. Advertíanos, por exemplo, sobre lugares para verter residuos, contratos prevaricadores polo material de limpeza, TRAGSA. Distribuíase tamén en rede. Había que atender ben as instrucións de pregado, unha vez impreso, para que semellase iso: un periódico de urxencia, unha ferramenta contra a manipulación (Xavier Cordal)

  9. 09

    Cadea humana

    A cadea humana foi unha manifestación onde milleiros de nenas e nenos de toda Galicia se uniron das mans para tecer unha cadea polas beiras das praias organizados polo colectivo Area Negra (un grupo de docentes que cómpre reivindicar e ás veces fica esquecido, ao carón doutros como Burla Negra ou Nunca Máis). Pero, ademais diso, tamén a recoñeciamos polas cadeas de traballo que formaban as persoas que estaban na limpeza das praias para desprazar os capachos de chapapote dende a area ata os grandes colectores instalados por TRAGSA onde se baleiraban para logo reenchelos de novo (Rosa Aneiros)

  10. 10

    Man

    Coñecido como o alemán de Camelle. Tiña a súa particular casa-museo de crebas land-art pegada ó mar. Podías visitalo, que alí estaba sempre aquel home, aquel man. Recibíache en taparrabos e ofrecíache un lapis e unha pequena libreta para que fixeras un debuxo ou un poema. Chegou a acumular centos de libretiñas, que foron enchendo de contidos varias xeracións de visitantes, coma un tesouro da creación colectiva. Din en Camelle que cando abriu a porta da súa casa e viu todo cuberto de fuel, non quixo tomar máis o tratamento que o mantiña con vida e deixouse morrer. O 28 de decembro, día dos santos inocentes e coincidindo co Velorio ó Mar na Coruña, soubemos do seu triste final. Non era unha inocentada.
    O Velorio ó Mar acabou sendo tamén o de Man (Miguel de Lira)

  11. 11

    Concerto expansivo

    Con máis de trescentas actuacións simultáneas en todo o país e no resto do estado, o Concerto Expansivo foi a demostración práctica de que a nosa cultura era quen de autoorganizarse e rebordar a situación anémica na que se pretendía mantela. O Manifesto contra o Silencio, escrito por Manolo Rivas, serviu de aglutinante a unha manifestación artística sen precedentes na que non faltou ningún xénero das artes escénicas, plásticas, literarias e audiovisuais (Carlos Santiago)

  12. 12

    O País de Nunca Máis

    Espetáculo itinerante solidário e reivindicativo organizado pola Plataforma Contra a Burla Negra que reuniu artistas de todas as áreas contra a catástrofe do Prestige e que mostrou a possibilidade de fazer cultura alternativa com poucos meios.
    De 12 a 29 de junho de 2003, houvo exposições, exibição de filmes, ilustração, pintura, concertos, apresentações de livros, atividades cénicas, oficinas, etc. que foram acolhidas numa estrutura tipo circo de 1,600m2 com capacidade para 1.200 espetadores durante quatro dias em Culheredo (Rias Altas), Lira (Costa da Morte) e Ponte Vedra (Rias Baixas). Participaram 250 artistas e mais de 400 pessoas colaboraram na organização e montagem de forma voluntária cobrando 40€ simbólicos por dia para manutenção, que chamaram salário chapapote (Xavier Paz)