Praza Pública

Unha ducia de paradas para saborear os fogóns do Anllóns

O río Anllóns é a columna vertebral da comarca de Bergantiños. As súas augas atravesan unha paisaxe de gran beleza e fartura -tamén gastronómica- ao longo dos concellos da Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana. Nesta ducia convidamos a percorrer este territorio no que se goza con todos os sentidos. 

  1. 02

    Un paseo á beira do río na Laracha

    A viaxe pode comezar na Laracha, na área recreativa de Gabenlle, onde comeza o paseo fluvial polo Río Anllóns, unha ruta circular de algo menos de seis quilómetros e dificultade baixa, máis que apta para nenos e nenas de todas as idades. O camiño pasa a carón dos antigos muíños, combinando os sendeiros coas pasarelas de madeira

  2. 03

    A riqueza do río: anguías, lampreas, troitas...

    O río Anllóns ofrece unha gran riqueza gastronómica nas súas augas: anguías, lampreas, troitas..., produtos de primeiro nivel que están entre as especialidades de moitos dos restaurantes da zona, coma o Restaurante Río, de Carballo, que nos ofrece este prato.

  3. 04

    Ruta dos Muíños do Pan

    Son moitas as rutas de sandeirismo que podemos facer ao longo do Anllóns ou preto del. Por exemplo a Ruta dos Muíños de Pan, un camiño non circular de 8,5 quilómetros entre o Muíño de Cheda e o Muíño do Quinto, pasando polo Refuxio de Verdes ou o Parque do Anllóns

  4. 05

    Pan de Carballo

    E falando de muíños, non podemos esquecer o pan que dende sempre se fixo nesta zona, con sona en toda Galicia. O pan de Carballo, un pan esponxoso, cheo de ollos e moi saboroso, nacido dos trigais de Bergantiños e das augas do Anllóns, que durante séculos moeron o trigo ben finiño para facer a mellor fariña. 

    Pódese adquirir nas panadarías de toda a comarca, e tamén nas feiras, coma a que se celebra o 2º, 4º e 5º (se hai) domingo de cada mes no propio Carballo. E tamén na Feira de Paiosaco na Laracha, o 1º e 3º domingo de cada mes.

  5. 06

    Carballo: arte urbana a carón do río

    Falar de Carballo nos últimos anos é falar de murais e de arte urbana, unha especialidade coa que, da man do Rexenera Fest, a capital de Bergantiños se converteu nunha referencia en toda a Península Ibérica. Unha das mellores cousas destas obras é que se poder ver ao aire libre, dando un paseo a carón do río, que atravesa a vila no Parque do Anllóns ou no Parque de San Martiño

  6. 07

    Festa da pataca de Coristanco

    E falar de Bergantiños é falar tamén da pataca de Coristanco, afamada tamén en toda Galicia. Coristanco é coñecido como a Terra da pataca, pois é a localidade de principal produción da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia. No mes de setembro celébrase a Festa da pataca onde ademais de degustación pódense contemplar auténticas esculturas elaboradas con este tubérculo.

  7. 08

    Refuxio de Verdes (Coristanco)

    En Coristanco está o Refuxio de Verdes, un dos recantos máis fermosos da comarca. Trátase dun couto de pesca, rodeado por un bosque de ribeira que inclúe unha área recreativa con mesas e grellas. Ademais, varios sendeiros permiten facer paseos e gozar da natureza

  8. 09

    A riqueza da horta: fabas, garavanzos ou chícharos bágoa

    Ademais da riqueza do río, as hortas que o Anllóns alimenta tamén ofrecen suculentos manxares: fabas, cenorias, garavanzos ou chícharos bágoa, un auténtico caviar da terra que nos últimos anos se converteron en imprescindibles nos menús de chefs de primeiro nivel e que tamén se poden atopar en marcas gourmet como La Huerta D’Lujo de Coristanco Na imaxe, outro dos pratos do restaurante Río Sil de Carballo.

  9. 10

    Monte Branco (Ponteceso)

    Achegámonos xa ao mar. Preto do Esteiro do Anllóns, xa en Ponteceso, atópase o Monte Branco, a duna rampante máis elevada de Europa, con 192 metros de altitude, superando a famosa duna de Pilat, no sur de Francia. 

  10. 11

    Berberecho do Anllóns

    No Esteiro do Anllóns pódese atopar berberecho e ameixa fina, que están entre os mellores do país e que cada día sacan as mariscadoras, abandeiradas da diversificación mariñeira en toda Europa. Por suposto, restaurantes da comarca, coma o Pementa Rosa de Carballo, ofrecen gorentosas receitas para degustar estas delicias. 

  11. 12

    Esteiro do Anllóns (Cabana)

    A viaxe remata no lugar onde o Anllóns, pouco a pouco, se vai convertendo en mar, depositando as súas augas na ría de Corme e Laxe. O Esteiro do Anllóns, en Cabana de Bergantiños, é un singular espazo que destaca pola súa riqueza ornitolóxica, polo que é un excelente lugar para o avistamento de aves. E tamén polas dunas da Barra