Marcos Pérez Pena

Unha ducia de paraísos

Galicia está chea de paraísos. Cada un e unha de nós temos o noso, no mar ou na montaña, lugares para se perder e dos que presumir, algúns descoñecidos para case todos e outros mellor promocionados. Cal é o teu?

  1. 01

    Sobreiral de Froxán

    Atravesado polo río Lor, que percorre O Courel de norte a sur, é un paraíso verde ideal para practicar o senderismo. O sobreiral está situado no concello de Folgoso, próximo á aldea de Froxán, declarada Ben de Interese Cultural.

  2. 02

    Monte da Peneda, Redondela

    Un lugar singular e pouco coñecido para as persoas que non son da comarca, pero que ofrece unhas vistas excepcionais da Ría de Vigo e ademais permite ver unha fermosa capela e os restos dun castelo. Ademais, consérvase un túnel, que atravesa a montaña e que se cre que é unha antiga mina romana. Máis información, no blog turismoenxebre

  3. 03

    Illa de San Simón

    Baixando dende o monte, pódese aproveitar para visitar a Illa de San Simón, que mantén un encanto enigmático, que procede non só da súa localización, aberta cara a Ponte de Rande, senón pola súa historia, de leprosería e hospital para as corentenas dos barcos que chegaban a Vigo até a cadea e campo de concentración franquista. Un bo plan para calquera sábado.

  4. 04

    Pozas da Chavasqueira

    Os ourensáns levan toda a vida sen praia e non lles vai tan mal. Entre outras cousas por lugares coma as pozas da Chavasqueira. Tamén son coñecidas coma Caldas do Bispo, pois foi un bispo (que sempre souberon vivir moi ben) quen as mandou acondicionar. Tanto o día coma os seráns ou a noite son ideas para probar os 43 graos de temperatura das súas augas.

  5. 05

    Parque do Pasatempo

    En Betanzos está o Parque do Pasatempo, un espazo único no mundo, construído polos irmáns García Naveira, que ao volver á súa vila despois de anos en América, non só se dedicaron a construír escolas, senón que quixeron realizar unha grande obra para que os seus veciños contemplasen as marabillas do mundo e da ciencia. 

  6. 06

    Rota dos Muíños do Folón e do Picón

    Os muíños dos ríos Folón e Picón, no Rosal, foron declarados hai un tempo Ben de Interese Cultural, e sorprende como foron construídos, e como se manteñen na abrupta pendente da montaña. Pero como en case todo, o máis bonito é o camiño que leva a eles, unha rota que se fai en hora e media e que permite gozar dunhas fantásticas vistas. Iso si, este verán víronse cercados polo lume, aínda que ningunha das 67 construcións foi directamente afectadas.

  7. 07

    Ancares e Navia de Suarna

    Dos Ancares aprovéitase todo, e neles poden visitarse Doiras, Piornedo, pódese subir (ou tentalo cando menos) o Mostallar, ou percorrer as brañas que aínda se conservan. E un non pode esquecerse de pasar por Navia de Suarna, para ver sobre todo a súa fermosa ponte medieval.

  8. 08

    A senda do Río Mao

    Podemos imaxinar unha rota de fin de semana: dende Santo Estevo de Ribas de Sil até San Pedro de Rocas, deténdose noutras capelas e mosteiros e nos balcóns que permiten admirar a beleza da Ribeira Sacra. E combinándoo cun percorrido pola Senda do rio Mao, cerca de Parada de Sil, unha rota de sendeirismo que realiza parte do seu percorrido por pasarelas de madeira.

  9. 09

    As Fragas do Eume

    Algúns descubríronas con aqueles terribles lumes do 2012 que ameazaban con destruílas, pero moitos aínda lle deben unha visita. Paga a pena. O verán pode ser un momento ideal para visitalas, protexerse da calor nas súas frescas sombras e mollar os pés no río. Pero tamén resultan espectaculares en outono ou primavera, coa natureza en todo o seu esplendor, cruzando as súas fráxiles pontes e pasando por Caaveiro nunha das varias rotas de sendeirismo.

  10. 10

    A Costa da Morte

    De Malpica a Ponteceso podemos trazar un camiño perfecto para unha fin de semana perfecta. As vistas sobre as Sisargas, as Torres de Mens, a Pedra da serpe, o Cabo Roncudo, a ensenada da Ínsua ou o Anllóns, son paradas obrigadas.

  11. 11

    Un milleiro de areais nos que perderse

    Moitos identifican os paraísos con longas praias de area fina e auga transparente, e en Galicia temos un bo feixe. Xa fixemos unha ducia hai un tempo con algunhas da nosas mellores praias nudistas. Pero hai moitas máis, e non só para o verán. A quen non lle presta un paseo pola beira nunha tarde de inverno?

  12. 12

    Casiña

    Miña casa, meu lar. Ás veces o paraíso está máis preto do que pensamos, sobre todo nestes días de inverno de frío e chuvia. Lareira e cheminea, para quen as teña, e calefacción para os demais. Pero ollo coa tarifa eléctrica!